sábado, abril 28, 2007

Cando "os guerrilleiros" andaban polo Sil


Fun coller un libro de unha estantería e cairon unhas fotos. Sorprendeume esta que vedes. Un recanto do Sil, perto da ponte. Penso que foi no 86 cando, xunto con Lalo (do Bodegón), fumos ver na súa barca o lugar onde se agochaba o exercito guerrilleiro do pobo galego ceibe. Antón Curto, de Monforte, e os seus atoparon nestas paisaxes a similitude romántica cas selvas lacandonas. Dende iste lugar soñaron a independencía de Galicia. Alí tiñan o seu refuxio logo de porlle dinamita as torres de alta tensión de Fenosa. As súas accións de máis sona foron a morte dun garda civil e a voadura do chalet de Fraga en Perbes. Nun lugar de pouco movemento como as ribeiras do Sil, non era facil manter o segredo e non levantar sospeitas. A policía e garda civil pronto deu co lugar onde se agochaban e pouco durou a aventura.

sábado, abril 21, 2007

Historia de un retratista da aldea



Ás vacas gustáballes o lameiro do arrendo, estaban tranquilas, comendo ata fartarse alí onde a herbiña do outono é moi fresca e suave. Soio se oían as esquilas, e o rio Ferreiros que pasa ó fondo da finca. A Xóan Bautista tamén lle gustaba iste lameiro que se atopa na parte máis baixa de Quintela, onde empezan As Touzas. Como por él pasa o rio, niste lameiro hai caldeiras abundantes que o regan e nelas podense construir muiñiños de auga. Bautista fora moitas veces ca súa mai a moer o centeo ó muiño de augua de Medos e coñecía a forza da auga, que facía mover as aspas ata facelas xirar a gran velocidade. Estivera colocando as pedras do muro que separaba a súa finca da do veciño, xa matara algunha ra, e viu uns chotos moi ben feitos cando decidiu cambiar de xogo e construir un muiño. Andaba labrando unhas aspas, xa fabricara unha forquilla, e pouco faltaba para por o artiluxio na corrente dunha caldeira… fixo forza para rematar axiña e a navalla foise dende o choto ó ollo esquerdo dañandoo para sempre. Xóan Bautista Sotelo Blanco tiña perto dos doce anos. No 1948 os médicos da vila pouco puderon facer e unha neboa foi cubrindo a pupila dese ollo.

Non sei cando o meu pai empezou a interesarse pola fotografía pero si sei que tiña moito que ver ca idea de enfrentarse ó seu problema e superalo, dedicando a súa vida a mirar e ver. Tamén poido ter algo que ver o non ter ningunha imaxen da súa irmá pequena, Luisiña, xemea de Olegario, que morrera había pouco e da que a familia botaba en falta algún retrato.

Para o fillo duns labregos analfabetos, que soio pudo ir a escola durante perto de dous anos, sair do rego non era facil. Viaxou de noite no tren que ía dende San Clodio a Asturias. Traballou nas minas de mercurio de Pola de Lena (Mieres). Arriscou a vida, gañou cartos suficientes e, aproveitando a súa estancia en Ceuta, durante o servicio militar, poido mercar unha Zeis Ikon. Con esa cámara a vida deste mozo de Quintela cambiou de rego.

A través dun oftalmólogo do exercito (O Coronel Rivera), que tamén o introduxo no mundo da fotografía, o meu pai oira falar das maravillas da clínica Barraquer. Logo de casarse e logo de traballar moi duro no verán 1961 decidiu ir a Barcelona e porse nas mans do famoso oftalmólogo. Foi operado e estivo oito días recuperándose na cidade dos prodixios.

A foto corresponde o moderno edificio dos anos 40 que visitou o meu pai para reducir a neboa do seu ollo esquerdo. Cada día paso o seu carón e imaxino ó meu pai entrando para intentar cambiar, unha vez mais, a súa sorte.

domingo, abril 15, 2007

Nova minicentral no Edo



A chegada da modernidade ó Castro veu da man, entre outras iniciativas, da serrería dos Amaro, a fabrica de fariña “molinera”, a fabrica de gasosas “La selecta”, doas fabricas de chocolate, unha na rúa Grande e outra nas Laguiñas, a fabrica de rosquillas e galletas e a fabrica de queixos de Ricardo Taboada, na Abeleda. Esta pequena industria local apoiabase na luz eléctrica que producía a fábrica de luz situada no rio Edo.

Hoxe os herdeiros do Babe andan a construir unha nova minicentral no lugar onde a riada borrou a vella. A antiga electrica do Castro renace das súas cinzas. Grandes máquinas excavadoras moven terras e penedos de grandes dimensións nunha dura loita contra os elementos.

Camiño do camposanto


O Concello anda a recupera-los camiños que arrodean o camposanto. Unhas estacas e unha corda serve de quitamedos. Non parece moi seguro pero con un pouco de coidado podese disfrutar de fermosas vistas.

jueves, abril 12, 2007

Minoria no seu propio pais



Istes días houbo unha nova, en certos medios galegos, sobre o informe do Consello Escolar de Galicia no que se informaba da precaria situación que vive a lingua galega no ensino non universitario. A conclusión é que as escolas desgaleguizan. A cousa é moi forte. Non fai moito, sorprendeume ver que unhos cativos veciños, que falaban un galego fermoso, o ir medrando, dentro do proceso de socialización, foron mudando a lingua galega polo castelán. Xa que logo, o informe do Consello Escolar pon de manifesto o fracaso das políticas lingüistícas dos últimos anos. Vivindo en Cataluña, onde o catalán é unha lingua de prestixio entre a burguesía, costa ser pesimista. Nembargantes, a situación do no noso pais, en xeral e, no Castro, en particular, non me parece que sexa para tirar foguetes. Os nenos que falan galego son minoria no seu propio pais. Eu falolles galego, con normalidade, a Antón e Mariña e con máis ou menos traballo a lingua vai collendo forma nese cemento fresco que é a memoría dos cativos. Cando vou ó Castro atópome con que case ningún neno fala galego. Moitas persoas preguntanme sorprendidas... "hai... e falaslle galego os nenos..." Ainda que son moitas, as veces que me fan esta pregunta, sempre me sorprendo amin mesmo intentando xusticar como normal algo que sei de sobra que o ben como anormal, algúnha persoa chegou a decirme que..."claro...! agora está de moda...". Ó paso que vamos a minoria pode chegar a ser menos que minoria e xa me vexo explicandolles os meus cativos, cando sexan maiores, que eu non inventei ista lingua.

sábado, abril 07, 2007

Control das augas residuais



No fondo da Cubiarca, no cruce de camiños que van para a Abeleda e para o lugar de Trambasaguas, hai un gran escape de augas residuais. Polo que me contan, non é algo recente nin accidental, xa leva tempo anegando o camiño. Os residuos discurren libres, e é case imposible pasar por unha parte deste camiño. Está a carón de hortas, a pouco metros das primeiras casas dos Pilos, nunha entrada do pobo. Alí onde os veciños intentan cultiva-las hortas e aproveitar o seu fruto teñen que convivir co cheiro destas augas residuais. Parece que o Concello é coñecedor desta contaminación.


O Concello actual, ou o que veña, ten que buscar unha solución definitiva para as súas augas residuais. Nos tempos que corren non se pode desaguar libremente, deteriorando o medio ambiente.

miércoles, abril 04, 2007

O Castro, última parada de Roger Clement Black


Si hai algo que preocupa os caldelaos é morrer soios. É moi dificil que non asistan os enterramentos de veciños e amigos. Roger Clement viaxaba, xunto con un amigo, na súa moto, dende Australia. Nunca imaxinara que ía rematar a súa viaxe nas terras altas da vila de Caldelas. Logo dun duro traxecto, estiveron tomando algo na praza do pobo. Estaban impresionados pola vila que se fora formando nas ladeiras dun castelo. Logo dunha parada decidiron que ainda podían aproveitar o día e seguir o seu camiño en busca de outro destino.

Ainda estaban embriagados pola fermosura das paisaxes que acaban de ver, pasaran O Real da Pousa, pasaban a Rasa e alí na subida ó alto de Aguíl, derrapoulle a roda de atrás. Roger invadiu o carril contrario, sendo atropellado por un coche que nese momento baixaba en dirección contraria.

A nova causou grande impacto nos caldelaos que lle tributaron o seu adeus co sentimento que da a compliciade de quen sabe da lexanía dos seus. Onte vin a fermosa lapida que a súa familia lle puxo no espazo do camposanto reservado para os que non teñen nicho e esta romántica historia veume a visitar.

O fin dun patrimonio



Os testigos físicos dunha xeración de muñeiros e aserradores que incorporaron o mecanicismo as súas actividades pertencen xa o mundo das sombras. Istes orgullosos ferros esperan agora, amontoados no solar no que un dia estivo o aserradoiro, a que alguén calcule o seu valor polo peso…chis…chas…chis…chas…os sons dos primeiros anos na escola…chis…chas…o Sr. Amaro, gaiteiro dos trabazos, facendo música do seu traballo…chis…chis…chas…os cabalos da garda civil entrenando…chis… chas…Don Santiago, Doña Sarita e Don Daniel. A molinera electrica do Babe, o aserradeiro dos Amaro representaban un vento de modernidade que chegou o seu fin.

Na foto o Sr. Amaro, o seu fillo Luisiño e traballadores do aserradeiro. Foto de Xóan B. Sotelo Blanco.

Quedan istes ferros, de gran tamaño e beleza formal, testigos do patrimonio industrial doutro tempo. Ben poderían quedar como esculturas nalgun parque da vila. Non esquezamos que non soio son patrimonio cultural os iconos relixiosos e os supostos osos de santos. Está pois nas mans dos que nos representan preservar iste patrimonio da memoria e da nosa cultura.

lunes, abril 02, 2007

Andrés Baldonedo, novos ventos


Ten 24 anos. É Fillo de Luz Sotelo e Pepe Baldonedo. Fai pouco que voou do niño e está a dar os seus primeiros pasos profesionais. Interesame saber o que pensan os mozos caldelaos da súa xeración. Andrés anda ilusionado ca súa nova vida en Vigo. Ten moitos proxectos ainda que xa non están en Caldelas. Sempre que pode escapa ó Castro a ver á familia e os amigos. Dí que xa quedan poucos mozos con quen tomar unha cerveza. Os seus pais sempre lle falaron en galego pero unha extraña mutación contextual fai que sempre resposte en castelán. Anda moi preocupado pola nova politica de tráfico.