domingo, agosto 31, 2008

O noso casco vello na Voz de Galicia



O casco vello de Castro Caldelas a examen no xornal “La Voz De Galicia”. “Apretados en la Galicia Interior”, unha reportaxe de Kiko Novoa. A voz adica tres páxinas con entrevistas a Osorio, Nini e Roberto Gónzalez. Parece que todos coinciden na necesidade de ordear o tráfico. Non perdo as esperanzas de poder velo.

jueves, agosto 28, 2008

O mundo, según Vicente Risco



Nunha conferencia de Basilio Losada, sobre Xoán Manuel Casado, soupen da existencia duns debuxos feitos por Vicente Risco, na mitade do século pasado. Basilio falaba dun neno previlexiado que de cativo podía ver nas paredes do seu dormitorio a recreación do mundo cos seus continentes e aquelas formas, obxetos e animais que mellor definen cada parte da terra. Vicente Risco debuxou nunha habitación da vivenda do “Comercio Novo”, tigres, elefantes, portadores, serpes e paisaxes moi fermosos en Asia; camellos, leons e cazadores, o Nilo, en Africa; indios en norteamerica e moitas máis cousas. Bueno, os previlexiados foron Xoán Manuel, Iago e Eva Casado. Fai uns días, Ana Jorcano, a muller de Xoán Manuel, mostrounos a que seguramente é unha das casas do Castro que mellor representa ao estilo da antiga burguesía local. Está en moi bo estado de conservación polos cuidados que Ana lle adica e foi unha ledicia vela. Imaxinar as voltas e reviravoltas de Casado Nieto pola longa galería, buscandolle a forma a un poema ou a volta a un conto. As tertulias de Risco e Casado. A pegada deste mundo no futuro poeta, Xoán Manuel, os primeiros debuxos de Iago e seguramente o nacemento da fascinación de íste polos lugares lonxanos e éxoticos.

martes, agosto 26, 2008

O Castro íntimo


Buscando unha imaxe sobre as festas do Castro atopei esta foto dunha aboa e un neno na rúa pequena, a altura da parte posterior da vivienda do xurista e poeta, Casado Nieto. A foto pertence a Miguel Angel que adxunta en flickr unha descripción persoal da vila. Hai moitos comentarios falando da excelencia da foto. Moi fermosa.

lunes, agosto 25, 2008

Castro Caldelas, festas dos Remedios


Logo do fracaso das últimas festas dos Remedios, según me contou a maioría dos presentes, un grupo de mozos formou a nova comisión ao día seguinte de remata-los festexos e parece que a cousa vai ben. Este ano non van ter que subir os mozos a cantar. Que ninguén prepare o seu salto a fama. As orquestas según os entendidos son boas e a cousa pinta ben.
video: Puskas22 (youtube)

jueves, agosto 21, 2008

Carrión de los condes, terra de lendas



De volta do Castro, atraidos polas lendas, facemos un descanso no Mosteiro de San Zoilo, en Carrión de los Condes. Nesta parada obrigada do camiño de santiago, chea de historia e patrimonio, non hai nin unha referencia ao episodio do “Cantar do mio Cid” onde os condes maltratan as fillas do Cid. Ninguen quere quedar como maltratador. Dí o conto que os condes fuxiron ante a presencia dun león, mentres que o seu sogro, O Cid, domou ao felino, sen moito esforzo. Logo de tal humillación os condes vengáronse maltratando as fillas do gran cabaleiro e o conto segue… Un lugar moi apropiado para facer unha parada e descansar dos chapuzons sentimentais.

domingo, agosto 17, 2008

O punto de vista dos veteranos


Cando se organiza un curso de fotografía estase aprendendo a ollar, a limpar a mirada e mirar de novo, ao pequeno, ao grande, aquelo que nos chama a atención ou o contrario, aquelo que é invisibel. Moitos veciños, incluso caldelaos da terceira idade participaron no curso e ao final fixeron fotos do lume no San Sebastian. O resultado é unha sorprendente exposición de fotos sobre os fachóns e o San Sebastian que merece a pena ver polo punto de vista que aportan istes veteranos caldelaos.

Alentar, promover, asesorar, informar e sobre todo sementar… esto é o que fai Pepita e o seu pequeno equipo (Dori e Amelia) da Fundación Terra de Caldelas, E faino dende a fermosa casa da “ruín de fariñas”, exemplo de de rehabilitación.

lunes, agosto 11, 2008

Reflexo


Reflexo na ponte das taboas

De Harlem a Santa Tegra


Modesta que vive en Nova York dende finais dos anos 40, volta a ver a súa familia a Santa Tegra. Cinco irmans reunironse onte na festa da luz, catro xa superan os oitenta anos. Modesta viaxou co seu fillo, a súa nora e os netos para non deixar pasar un ano sen estar cos seus.

viernes, agosto 08, 2008

Castro Caldelas, novo empedrado da zona vella


As obras do novo empedrado avanzan por diferentes rúas e prazas do casco vello. Molestan, sí, as obras sempre molestan...pero son boas e necesarias. Parece que se está a facer unha obra de calidade e tamén de gran alcance... novos saneamentos, etc. Xa era hora de que o Castro recibira as axudas necesarias para acometer este importante proxecto. O noso patrimonio necesita destes cuidados e a forza do exemplo debe influir nas futuras execucións privadas e públicas. Mágoa que esta mellora tan importante da calidade das nosas rúas e prazas non signifique tamén un cambio no seu uso, e que continúen a ser os coches, en gran parte, os seus beneficiarios.

Carlos Blanco, comer, beber...

Na terra do viño Carlos Blanco aproveitou para falar da nosa relación co viño.

jueves, agosto 07, 2008

Caldelas Sacra, un restaurante con historia

Na rúa grande, onde a pendente empeza a perder forza, antes da fonte dos dous caños, a carón da casa do Cura, construida sobre a vaidade da do Conde de Oleiros, ahí está a casa rural Caldelas Sacra. Quique e Euxenia, logo de moitos traballos e viaxes por mares que non eran os seus, non lograron borrar o tatuxe que imprime na memoria o lugar onde un nace e se fai. Voltaron a terra e levantaron con moito esforzo, mimo e ilusión este pequeno hotel con restaurante. Na galería, onde o rico e poderoso Don Germán ollaba para as súas posesións na ribeira, hoxe pode calquera, vilego ou aldeán, sentar na súa mecedora e saborear un caldo, un revolto de grelos, un polbo ou un bacallao á galega, e acompañalo con calquera viño da variada adega da Ribeira Sacra. O ambiente confortable, tranquilo e luminoso, está presidido por un retrato dunha parella de vilegos, antergos do Quique, que observan a circulación de ricas viandas que lles van pasando por diante, e non acadan de dar fe desta época, na que a fartura está bastante xeneralizada.

Pablo Devigo gaña en Lorient o trofeo MacCrimmon





Pablo Devigo gañou este sábado o trofeo MacCrimmon, no festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. O MacCrimmon é un dos trofeos mais prestixiosos e nel participan gaiteiros galegos, asturianos e bretones. Pablo, de 18 anos, continúa así a súa brilante carreira. Esperamos poder escoitalo algún día no Castro.

O Festival de Lorient, que se celebra entre o 1 e o 10 de agosto, cumpre iste ano a súa 38 edición. Reúne a músicos de todolos territorios celtas, da Bretaña, da Galiza, de Asturias, de Cornualles, de Irlanda, Escocia, da isla de Man e do País de Gales, que iste ano é o país convidado.

martes, agosto 05, 2008

A sociedade segreda e ilegal

A asociación Amigos de Caldelas, por fín da datos e pon enriba da mesa información perto da sociedade segreda e ilegal da que falou Quico Cadaval…
Cámara: Xosé Luis (Do Milucho).

lunes, agosto 04, 2008

A noite de Quico Cadaval


Se o primeiro día a choiva e o exceso de consumo de luz xeraron algunha sombra, superadas pola profesionalidade de Carlos Blanco e a xenerosidade do público, na segunda noite, un universo de estrelas iluminou o éxito da convocatoria. Según moitos seguidores do narrador de Ribeira, foi unha das súas mellores actuacións. Houbo moita xente, máis da que esperábamos, perto de 300 persoas, un público entregado. Baixo a protección de San Paio, Quico impugnou os contos, descubriunos a moitos outro punto de vista sobre as historias que se lle contan aos nenos. Coa historia de Presenta viaxamos á súa infancia. Coa súa versión do complexo de Edipo, mentres a súa nai prepara unha carne guisada, manexou ao público como o vento manexa as follas dun árbore.
Foto: Carlos Campos

viernes, agosto 01, 2008

Carlos Blanco engaiola na Ribeira Sacra



Noite de verán. Risas a escachar. Problemas, sí. Pasar a acción significa correr riscos. Por momentos chegou a luz a este mosteiro máxico, novo espazo para a cultura. Xente de Ourense, de Monforte, Chantada, Trives, Doade, Abeleda, santa Tegra... e, sorprendentemente, algún había do Castro. Hoxe contaremos con Quico Cadaval, actor e director teatral de gran prestixio. Ven de camiño e chamou para decir que parou a dormiu unha siesta nunha carballeira antes de chegar a Monforte, polo que virá moi descansado. A cousa promete, o número de entradas vendidas é alto. Seguro que será unha noite para lembrar. Foto: Carlos Campos.