Mostrando las entradas para la consulta o retratista ordenadas por fecha. Ordenar por relevancia Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas para la consulta o retratista ordenadas por fecha. Ordenar por relevancia Mostrar todas las entradas

martes, junio 17, 2008

Viaxe A Habana, anos trinta



Unha multitude con sombreiro de palla espera a chegada dun barco da compañía transatlántica, que ven de España, propiedade de Antonio López, marqués de Comillas; Todo un persoaxe, fillo dunha vendedora de sardiñas de Comillas que casou cunha filla dos Guell, ricos negreiros de A Habana e que logo patrocinaron as obras de Gaudí en Barcelona. A entrada deste vapor é todo un acontecimento polo que se ve na foto, con sillas e bancos para ver iste espectáculo. Unha cámara da época roda en primero plano a entrada deste xigante de catro chimeneas. Mira por onde, o mellor hai que voltar ao vapor. Na porta do camión de alcohol anuncia "agua dulce y acierto…", non sei que quere decir, imaxino que dí que a elección de A Habana é un acerto... O fotografo, leva moitos tempo esperando para facer a foto, ten todo preparado, a cámara de fuelle equilibrada…o vapor entra, acercase e cando está a piques de entrar na bocana do porto o retratista dispara e un cacho de tempo queda conxelado. O abó de Carlos Vázquez (Campos) gardou sempre esta foto no seu peto pola forte impresión que lle causou entrar na Habana. Imaxinar a emoción destes homes que chegaban ao novo mundo para cumprir os soños de prosperidade, de calar a fame, de mercar un bó traxe de liño e un reloxo de peto, de voltar a vila ou a aldea con un pouco de dignidade ou non voltar nunca máis.

sábado, abril 19, 2008

Un fotograma do San Xoán



No resgate das fotografías do meu pai, atopei esta imaxen da familia do Xosé de Pacios na festa do San Xoán, fotografía que ocupará un lugar importante no libro que queremos publicar. Xosé era un bo amigo do meu pai, festexaron moito, según me contan. É o que se atopa á dereita, con gafas de sol, o que sostén un paraugas que lle da á foto un punto surrealista.

A fotografía orixinal ten un tamaño moi pequeno, facíanse nun formato adaptado para as carteiras de peto. Mostra unha familia celebrando o xantar ou a merenda nun souto. Sempre escoitei falar con moita añoranza destas xuntanzas nas festas. Podían durar varios días, dín. A verdade é que a fotografía logra captar a ilusión e ledicia dese momento.

Non sei cal era o grado de intervención do retratista na composición pero o home de edade con sombreiro e chaleco preside o festín. Parece claro que é o abo desta familia e que ten un lugar relevante no espazo que reflexa a imaxen. Todos se moven ou están a facer algo. É como un fotograma de Fellini a punto de coller movemento.

viernes, agosto 24, 2007

Pepita Sotelo, unha nova mocidade aos 65 anos


Onte, Antón preguntoume como se facían as películas. Eu resposteille que cortando e pegando. Cortando e pegando cachiños de imaxes. Algo parecido ao que facía a aboa Pepita cando era nova e era costureira. Reciclaba a roupa… dunha sotana, de boa tela, facíalle unhas faldas á Ana e á Luz… dun abrigo grande e roto saían unhos abriguiños para os cativos. Antón dixo:
—“entón a aboa era como un mago”.
—Algo así…!
Na fronteira dos 20 casou co Xoán Bautista, que levaba cinco anos de fotógrafo polos pobos e aldeas. Apañou moitos cubos de auga dende a fonte vella ata a sua vivenda-obradoiro nunha casa alugada á Martina, detrás dos ultramarinos do Glorioso. Alí nacemos nós, nun espazo de perto de 30m2. O meu pai facía fotos nas festas ós mozos e mozas e, antes de que rematara ésta, o retratista xa estaba de volta coas fotos reveladas e preparadas para entregar e cobrar. Sí, daquela eso era maxia e a Pepita era a axudante do mago. Na metade dos sesenta lanzouse aos fogós dunha cociña e a maxía do restaurante atrapouna perto de 35 anos. Hoxe cumpre 65 anos e para todos nós é un exemplo de vitalidade e optimismo. Ela asegura que está a vivir unha segunda mocidade. O segredo está na maxia que cada un lle pon á vida. ¡Parabéns!

sábado, abril 21, 2007

Historia de un retratista da aldea



Ás vacas gustáballes o lameiro do arrendo, estaban tranquilas, comendo ata fartarse alí onde a herbiña do outono é moi fresca e suave. Soio se oían as esquilas, e o rio Ferreiros que pasa ó fondo da finca. A Xóan Bautista tamén lle gustaba iste lameiro que se atopa na parte máis baixa de Quintela, onde empezan As Touzas. Como por él pasa o rio, niste lameiro hai caldeiras abundantes que o regan e nelas podense construir muiñiños de auga. Bautista fora moitas veces ca súa mai a moer o centeo ó muiño de augua de Medos e coñecía a forza da auga, que facía mover as aspas ata facelas xirar a gran velocidade. Estivera colocando as pedras do muro que separaba a súa finca da do veciño, xa matara algunha ra, e viu uns chotos moi ben feitos cando decidiu cambiar de xogo e construir un muiño. Andaba labrando unhas aspas, xa fabricara unha forquilla, e pouco faltaba para por o artiluxio na corrente dunha caldeira… fixo forza para rematar axiña e a navalla foise dende o choto ó ollo esquerdo dañandoo para sempre. Xóan Bautista Sotelo Blanco tiña perto dos doce anos. No 1948 os médicos da vila pouco puderon facer e unha neboa foi cubrindo a pupila dese ollo.

Non sei cando o meu pai empezou a interesarse pola fotografía pero si sei que tiña moito que ver ca idea de enfrentarse ó seu problema e superalo, dedicando a súa vida a mirar e ver. Tamén poido ter algo que ver o non ter ningunha imaxen da súa irmá pequena, Luisiña, xemea de Olegario, que morrera había pouco e da que a familia botaba en falta algún retrato.

Para o fillo duns labregos analfabetos, que soio pudo ir a escola durante perto de dous anos, sair do rego non era facil. Viaxou de noite no tren que ía dende San Clodio a Asturias. Traballou nas minas de mercurio de Pola de Lena (Mieres). Arriscou a vida, gañou cartos suficientes e, aproveitando a súa estancia en Ceuta, durante o servicio militar, poido mercar unha Zeis Ikon. Con esa cámara a vida deste mozo de Quintela cambiou de rego.

A través dun oftalmólogo do exercito (O Coronel Rivera), que tamén o introduxo no mundo da fotografía, o meu pai oira falar das maravillas da clínica Barraquer. Logo de casarse e logo de traballar moi duro no verán 1961 decidiu ir a Barcelona e porse nas mans do famoso oftalmólogo. Foi operado e estivo oito días recuperándose na cidade dos prodixios.

A foto corresponde o moderno edificio dos anos 40 que visitou o meu pai para reducir a neboa do seu ollo esquerdo. Cada día paso o seu carón e imaxino ó meu pai entrando para intentar cambiar, unha vez mais, a súa sorte.

lunes, septiembre 04, 2006

Esmorga no Frade


Non había case televisións e os mozos formaban corro e cantaban. Según rezan os calendarios da parede estamos no 1960. Fai frio, ainda que os mozos están perto da salamandra. Entre o cava e o canto vaise entrando en calor. Tocan a guitarra o Luisiño Amaro (serradeiro) e o Xexus Losada, que tiña un comercio nos baixos da casa de Don Gonzalo. Xosé (da tenda Campos) xunto con outros mozos poñenlle voz a música. Polo número de botellas que hai na mesa parece que a festa está ben animada cando aparece o retratista.

O Bar Frade estaba nos baixos da casa de Doña Fe (Carretera de Ourense, 2) onde antes estivera o comedor da famosa pensión Celta, (da que pronto falaremos), fundada por Doña Fe e o Manolo, conductor do autobús que ía do Castro a Monforte. O local era rexentado polos pais do David, que tiñan tamén un servicio de gasolina na praza. Foto de Xoán Bautista Sotelo Blanco, atopada nos arquivos persoales do Campos e do Luisiño.

martes, agosto 01, 2006

Unha ferreteria centenaria




Xosé Álvarez Pérez, natural de Pesqueiras (Pedrouzos) debeu de ver demasiadas cousas na guerra de Cuba, tantas que o sorriso nunca lle voltou a ser fácil. Madurou precipitadamente no momento no que o orgullo nacional español veuse a baixo pola perda das últimas colonias. En Cuba chegou a capitán por méritos de guerra. A colonia era a nena bonita de España e acababan de perdela. Como Areces, o fundador do Corte Inglés, Xosé decidiu voltar á vila de Castro Caldelas a fundar o seu negocio, logo de empaparse da forte actividade comercial que había naqueles tempos na Habana.

En 1895 abriu a súa tenda nos baixos da casa de Don Gonzalo. Xosé escoitara que un fotógrafo chegara á vila e andaba a retratalo todo. Cando chegou ó seu comercio da praza do Prado, o retratista quixo instalar o seu trípode e a súa cámara dentro do mostrador para ter un plano máis amplio e a mesma visión co tendeiro. Xosé quixo posar ca súa postura habitual de home de mundo que ten o control do negocio. A man dereita levemente apoiada no mostrador e a esquerda agarrando o libro no que se anotan as entradas e saídas. Mirada fixa á cámara. Bó traxe, con chaleco e camisa branca. Bigote espeso e ben coidado. O aspecto craro dun triunfador do momento. Moi a dereita, aparece outro home, de aspecto ben diferente. Case se sae da foto. Ben podería ser o axudante que leva unha libreta na man dereita.

Na tenda podíase mercar case de todo: gorras, boinas, sombreiros panamás, galochas, zapatos, botas, aceite, azafrán, pimentón, azucar, galetas, coñac, paraugas, navallas e mil cousas máis, nun tempo onde era moi difícil ter cartos para mercar algo.

No 1922 a tenda pasou á ubicación actual, perto do Concello, nun altiño dende o que se pode ver todo o que se move na praza do Prado. A tenda pasou a ser a que actualmente coñecemos como Ferretería Álvarez, ampliando e reducindo mercaderías en función das épocas. De Xosé Álvarez pasou a mans do seu fillo Xosé (coñecido popular e cariñosamente como O bisagras), logo pasou ás mans da súa dona Amparo Vázquez Taboada e hoxe o negocio está en mans da súa filla María do Carmen e, ainda, de vez en cando, o seu pai, con 92 anos, bota unha man.

Según me contan, a casa que ocupa a ferretería Alvarez era coñecida como a casa das Tullas, porqué alí almaceábase millo e centeo. Esa casa pertenceu os condes de Valladolid, emparentados cos Taboada da casa do Couto. Contan que o Luis do Couto tivo unha irman que morreu nova, de nome Margarita. Cando se fixeron as partixas, os país decidiron non repartir a parte da filla falecida e agochala. Nunca se soupo onde. O fillo de Luis, Don Ricardo do Couto, tiña a teoría de que o tesouro podería atoparse no lugar onde está esculpido o nome de Margarita nas pedras da parede da galería desa casa.

Fai pouco a ferretería dos Álvarez recibíu un homeaxe da cámara de comercio de Ourense por cumpli-los 100 anos.

domingo, julio 30, 2006

A auga da Fonte vella


Nos sesenta ainda había moitas casas sen auga corrente. Xoan Bautista e Pepita, vidos da parroquia de Mazaira, casaran facía pouco. Alugaban unha pequena vivenda ó pai da Martina na parte de atrás da antiga tenda do Milucho (O Glorioso). A maior parte desta vivenda estaba ocupada polo laboratorio e o estudo do meu pai. Xoan Bautista era o retratista da vila e no seu laboratorio, para levar a cabo o revelado de negativos e o positivado, necesitaba moita auga limpa que saía da fonte vella. A miña mai sempre nos hembra os moitos baldes de auga que apañaba para axudar no milagre da conversión do bromuro de prata.