martes, agosto 01, 2006

Unha ferreteria centenaria




Xosé Álvarez Pérez, natural de Pesqueiras (Pedrouzos) debeu de ver demasiadas cousas na guerra de Cuba, tantas que o sorriso nunca lle voltou a ser fácil. Madurou precipitadamente no momento no que o orgullo nacional español veuse a baixo pola perda das últimas colonias. En Cuba chegou a capitán por méritos de guerra. A colonia era a nena bonita de España e acababan de perdela. Como Areces, o fundador do Corte Inglés, Xosé decidiu voltar á vila de Castro Caldelas a fundar o seu negocio, logo de empaparse da forte actividade comercial que había naqueles tempos na Habana.

En 1895 abriu a súa tenda nos baixos da casa de Don Gonzalo. Xosé escoitara que un fotógrafo chegara á vila e andaba a retratalo todo. Cando chegou ó seu comercio da praza do Prado, o retratista quixo instalar o seu trípode e a súa cámara dentro do mostrador para ter un plano máis amplio e a mesma visión co tendeiro. Xosé quixo posar ca súa postura habitual de home de mundo que ten o control do negocio. A man dereita levemente apoiada no mostrador e a esquerda agarrando o libro no que se anotan as entradas e saídas. Mirada fixa á cámara. Bó traxe, con chaleco e camisa branca. Bigote espeso e ben coidado. O aspecto craro dun triunfador do momento. Moi a dereita, aparece outro home, de aspecto ben diferente. Case se sae da foto. Ben podería ser o axudante que leva unha libreta na man dereita.

Na tenda podíase mercar case de todo: gorras, boinas, sombreiros panamás, galochas, zapatos, botas, aceite, azafrán, pimentón, azucar, galetas, coñac, paraugas, navallas e mil cousas máis, nun tempo onde era moi difícil ter cartos para mercar algo.

No 1922 a tenda pasou á ubicación actual, perto do Concello, nun altiño dende o que se pode ver todo o que se move na praza do Prado. A tenda pasou a ser a que actualmente coñecemos como Ferretería Álvarez, ampliando e reducindo mercaderías en función das épocas. De Xosé Álvarez pasou a mans do seu fillo Xosé (coñecido popular e cariñosamente como O bisagras), logo pasou ás mans da súa dona Amparo Vázquez Taboada e hoxe o negocio está en mans da súa filla María do Carmen e, ainda, de vez en cando, o seu pai, con 92 anos, bota unha man.

Según me contan, a casa que ocupa a ferretería Alvarez era coñecida como a casa das Tullas, porqué alí almaceábase millo e centeo. Esa casa pertenceu os condes de Valladolid, emparentados cos Taboada da casa do Couto. Contan que o Luis do Couto tivo unha irman que morreu nova, de nome Margarita. Cando se fixeron as partixas, os país decidiron non repartir a parte da filla falecida e agochala. Nunca se soupo onde. O fillo de Luis, Don Ricardo do Couto, tiña a teoría de que o tesouro podería atoparse no lugar onde está esculpido o nome de Margarita nas pedras da parede da galería desa casa.

Fai pouco a ferretería dos Álvarez recibíu un homeaxe da cámara de comercio de Ourense por cumpli-los 100 anos.

No hay comentarios: