viernes, diciembre 08, 2006

Inverno en Castro Caldelas


Inverno. Xoán Bautista Sotelo Blanco, o fotógrafo, meu pai, posa no Toural, sobre o tanque da auga que ven do Burgo. Son principios dos anos setenta. Cando a neve era un elemento máis da paisaxe invernal. O Castro baixo a neve. O tempo detido. As agullas do frío, arrecendos cincentos, lumes. Noites baixo moitos cobertores de lá. O inverno devolve eses sabores que traspasan o tempo.
Anuncian neve tras-los días de chuvia. A auga tan esperada caeu a moreas. Nos derradeiros días, moitas noticias teñen que ver ca auga. Algunhas falan de desastres. Fortes chuvias, inundacions. Outras son boas. Por fin os encoros están cheos. No Castro, o Concello tamén anda na auga. Están a mudar as tuberías vellas, que eran de uralita. Por fín. Despois de tantos anos de escoitar decir que a uralita provoca cancro. Ben é certo que as condicions políticas do país non axudaron ó concello socialista, ( o Castro irreductible como o poboado de Obelix e Asterix) a acometer obras desta envergadura. Agora que o contexto mudou e por fín hai outra sensibilidade, esperemos que non sexa demasiado tarde para reaccionar.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Querido Bautista

Tenpo hai que teño a intención de facer un comentario á foto e ao comentario.

Da foto, dicir que é dunha calidade fora de dúbida: polo día , pola perspectiva , pola composición,.. Co paso do tempo, xa vés, é cando se aprecian as cousas de calidade. eu, confésoche, que teño algunha foto que foi feita polo teu pai (dep). -Tamén a miña señora. E inevitablemente cada vez que as miramos vénsenos o recordo do Bautista-persoa, do Bautista-fotógrafo, e, perdóame se molesto, a infausta tarde de verao que xunto con Conchita(qepd)deixaron a vida no Leboreiro.
Na recuperación dos corpos, cousas da vida, e nos primeiros momento participamos o Toño do Toupo, meu grande amigo tamén xa ausente, e mais eu, que vindo da cidade nos atopamos o suceso e por suposto non o dubidamos.
Para ti non será un recordo grato, tampouco para mín.

Respecto do comentario que fas aludindo ao illamento do goberno socialista caldelao como comprenderás a mín non me serve nen como frase tópica: a análise débese facer máis fonda e con información en certa medida histórica. Non pretendo facelo agora exhaustivamente, mais algún dato e referente debemos incluir no debate.

Foi todo "vida e dulzura" co tripartito, época na que cristalizaron obras xa previstas e programadas na corporación anterior ( a de Dn José Fernández Rodríguez) e que relaciono: a área recreativa da Ponte das Táboas ( que para maior información a súa valedora foi a Raquelita do dentista que coñecía ao director xeral do ramo); o centro de saude, confirmado pola Xunta dende o 1983 e que ía ser ubicado nas antigas escolas; o pavillón polideportivo, que se logrou polas xestións do meu hirmán maior ante o director xeral de deportes, hoxe en estado lamentable e que o grupo popular está xestionando na Deputación para que axude ao concello ao seu acondicionamento; a residencia da terceira idade xa estaba prevista a súa construcción na programación da Xunta; a rehabilitación da fortaleza viña obtendo subvencións cada tempo.

Na etapa popular na Xunta o goberno municipal seguiu contando coa axuda constante en forma de subvencións e convenios para obras, para brigadas contraincendios, do INEM,sen deixar a Xunta de executar os seus plans. O cambio no goberno central no 96 poderíase pensar como unha catástrofe para o concello, mais velai que xa tiña no peto unha escola obradoiro que lle alcanzou ata a moción. Logo os do pp engadiron o GRUMIR , que hoxe existe e reforzado coa estructura estable (que lle permitui "regalar" tres postos de traballo ao sr Osorio).
VEmos, pois, que cando algunha xente do pp lle regala a alcaldía no 99 a situación non era de "illamento", pois os sistemas de fidelización de votos e vontades, é dicir, a contratación seguíu contando con ela: GRUMIR, obradorios de emprego, persoal de axuda no fogar, persoal de obras,..
Polo tanto, illamento é a conclusión que calquera saca botando unha ollada ao estado do concello ou se lle facemos caso as mensaxes dos socialistas cando se queren disculpar da súa ineficiencia e ineficacia para planificar e desenvolver o concello e ofertarlle as súas xentes os estándares mínimos de benestar do século xxi. Pos vos mesmos, amigos de caldelas e outros comentaristas, poñedes exemplos de lugares onde con independencia do partido que goberna acadaron un grao de desenvolvemento digno de mención. A cousa é por xestores, de ideas e recursos.

No tema da auga, claro que é un tema prioritario. Pero, oes, xa figuraba así, como prioridade máxima no que eu consideraba o maior logro do concello democrático: o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que foi aprobado por unanimidade da corporación na última sesión plenaria sendo o pp goberno ( maio 99 ).
Como xa imaxinas este instrumento de ordenación non se fai nun día, polo tanto as necesidades de renovación da rede de abastecemento xa estaban detectadas facía anos. O que non cadra é cómo ainda despois da aprobación do PXOM os socialistas decidiron concentrar a maioría das subvencións da administración laboral: escolas obradoiros, casas de oficios, convenios en obras que non vou nen cualificar.
A "nova sensibilidade" que tanto dicides está moi ben, pero castrocaldelas o que precisa perentoriamente son ideas e persoas, ou sexa, planificación e xestores que procuren definitivamente o futuro do noso castrocaldelas e as súas xentes en clave do século xxi, e non como un paradigmático exemplo de cacique do decimonónico.

Perdón polo extenso

Toño

Bautista Sotelo dijo...

Das razóns, sin duda, que lerei detidamente noutro intre para intentar contextualizalas.
Non pretendía tirar terra sobre todos os que fixeron algo polo Castro a longo dos diferentes gobernos. É posible que moitas cousas non sexan como aparentan e iste blog e de Amigos pretende aportar e recibir. Xa ves que normalmente non aforro críticas para todo o que vexo que é criticable. A idea ía no sentido de que agora xa non hai escusas para non moverse e conquerir proxectos e executalos.

Bautista Sotelo dijo...

Gracias por as túas verbas sobre a foto do meu pai y pola túa participación nos acontecementos do Leboreiro. Non sabía nada. Auga pasada non move muiños. Eu era moi cativo e, xunto ca miña irmán, presenciamos aquela traxedia para a nosa familiar.