
Unha pequena
editorial en lingua galega empeza a andar. Quere especializarse na publicación de libros de arquitectura, fotografía, deseño, arte, viaxes e ensaio. Nace en Castro Caldelas, alí onde se atopa unha parte importante do noso vínculo con Galicia. Foi constituida antes do verán e agora, nestes días do outono, chega as librerias o primeiro libro.
Detrás deste proxecto está un pequeno grupo de profesionais, de diferentes eidos, nos que coincide o desexo de axudar no proceso de normalización da lingua e da cultura galega, e entre os que nos atopamos
Charo e máis eu, que temos a responsabilidade de dirixilo. Logo de anos de maduración do proxecto, botamos a andar esta iniciativa cultural en Galicia. Para mín, o mundo da edición non me resulta alleo, pois puden ver nacer e dende novo colaborei co meu tio
Olegario e tamén coa miña irmá
Fabiola no seu proxecto editorial. Moi activamente, alá na metade dos oitenta en
Sotelo Blanco, cando a editorial iniciaba o seu camiño en Santiago. E logo, na primeira mitade dos noventa, xa en Barcelona, en
Ronsel. A pegada deses anos foi profunda…o exemplo de Olegario, a súa forza e valentía, a toma de conciencia da identidade galega, da necesidade de axudar na normalización da lingua e cultura galega, de traballar por unha idea de Galicia, pasou a ser un obxetivo polo que loitar e ao que adicar unha parte da nosa enerxía. Para mín, verlibros é un recuncho mais de “Máis ala do transformador”. Para Charo, que leva vinte anos adicada ao periodismo e á comunicación cultural, que colaborou con editoriais como
Círculo del arte e que traballa no mundo dos museos, é unha extensión do seu traballo. Así que o noso é un proxecto pequeno pero grande en ambicións.


O primeiro libro que sae do prelo é un libro de arquitectura, “Álvaro Siza, conversas no obradoiro”, de
Manel Somoza. Neste libro, que conta con 33 debuxos de Siza e un limiar do historiador da arte
Tomàs Llorens, o arquitecto galego Manel Somoza, colaborador de Siza desde hai vinte anos, tece unhas conversas nas que o maestro portugués fía temas como as moitas dificultades que arrodean a creación de arquitectura de calidad, a intervención do home no territorio, como nacen as primeiras ideas e os proxectos, fala das súas teimas, influencias e paixóns… Contamos con que esta vindeira semana estará xa nas librerías. É un libro no que levamos traballado moitos meses, fixemos as primerias lecturas na nosa casa do Castro e este verán traballamos, aproveitando a nosa estancia no pobo, correxindo galeradas, deseñando o libro, a páxina web (www.verlibros.es), preparando futuros proxectos, así como a imaxe desta nova empresa.
Pronto chegarán outros libros de fotografía, de viaxes, arquitectura e arte, nos que andamos a traballar. Este é un vieiro que vamos a percorrer lentamente, artesanalmente, para poder degustar o sabor das cousas pequenas e ben feitas.
A través da nosa páxina e do
blog que agora encetamos iremos dando conta das xeografías que se tracen nesta aventura.