
Parabéns aos organizadores por traer ao Castro un curso cunha temática tan ambiciosa e interesante. Éxito de participantes e ponentes. Éxito para o Castro por exercer, de feito, de capital da “Ribeira Sacra“. O Castro como espazo de reflexión e debate. Coido que é unha boa liña na que traballar. “Cuidar a nosa terra e promover estilos de vida saudables está nas nosas mans”, é o lema deste curso. Houbérame gustado asistir, sobre todo á mesa redonda que leva por título, “Posta en valor do patrimonio natural e histórico-artístico e cultural da Ribeira Sacra: o camiño cara á sostibilidade”. Nas nosas mans está facer moitas cousas pola Ribeira Sacra, na liña da sostibilidade, ainda que hai que recoñecer, que en moitos aspectos xa se iniciou o camiño: protección de espazos naturais, recuperación de rutas culturais, recuperación do patrimonio, xestión dos residuos… no plano local, na vila, perdoade que insista, hai que valorar máis o noso patrimonio, o Casco Vello, e O Prado non pode seguir sendo un aparcadoiro. Toca por en valor eses espazos, e esa é unha boa aposta polo turismo sostible. Mudar nesta liña non é nada novedoso, é o que se está a facer en moitos lugares, con resultados positivos. No curso falouse tamén de canalizar os residuos, parece que vamos nesa liña, da a auga, protexe-las fontes, ainda hai moito por facer, botade unha ollada ás nosas fontes.