sábado, abril 18, 2009

O galego é útil


Por un comentario de Manolita soupen do manifesto que promoven en internet uns galegos dende Londres. “O galego é útil”. Xesús Magariños e Inma Gil pretenden desmentir o mito de que o galego só é últil na Galiza. Moitos comentarios dende dentro e fora da Galiza, nos que se poden ler experiencias e anédotas moi curiosas, que mostran a utilidade da nosa lingua. “Unha maneira de gritar obviedades por internet”, din eles. Unha boa iniciativa. Parabéns.

viernes, abril 17, 2009

O ciclo do pan en Quintela


Olegario xa emite na blogosfera. Abriu, non fai moito, o seu blog: Quintela e a cousa vaise animando e enriquecendo ca temática que lle é propia: o microcosmos rural, do que él foi testigo, pasando do uso do carro de madeira ao ciberespacio. Acaba de colgar unha serie de fotos que, no seu conxunto, conforman un fermoso documental sobre o ciclo do pan. O documental remata con esta imaxe do forno cheo de vida que alimenta a vista.

lunes, abril 13, 2009

Perplexidade


Xa se atopan poucos tipos que amosen tanta seguridade e fartura, como o da foto. Antonte, na entrada do parque de atraccións, do Tibidabo, cando saía cos meus cativos, no día en que para os cristiáns resucita Jesucristo, vin iste tipo desta “guisa” e pola súa estrañeza, pareceume alguén que acababa de resucitar e non daba crédito do que vía. Un resucitado, que pode que comera un asado e necesitaba do palillo para ir recuperando os cachos dun cabrito que se resistía a ser inxerido. Bueno, eu sempre que vexo a alguén co pauciño na comisura dos labios, penso nun tipo que acaba de comer ben.

domingo, abril 12, 2009

Curso de saúde ambiental



Parabéns aos organizadores por traer ao Castro un curso cunha temática tan ambiciosa e interesante. Éxito de participantes e ponentes. Éxito para o Castro por exercer, de feito, de capital da “Ribeira Sacra“. O Castro como espazo de reflexión e debate. Coido que é unha boa liña na que traballar. “Cuidar a nosa terra e promover estilos de vida saudables está nas nosas mans”, é o lema deste curso. Houbérame gustado asistir, sobre todo á mesa redonda que leva por título, “Posta en valor do patrimonio natural e histórico-artístico e cultural da Ribeira Sacra: o camiño cara á sostibilidade”. Nas nosas mans está facer moitas cousas pola Ribeira Sacra, na liña da sostibilidade, ainda que hai que recoñecer, que en moitos aspectos xa se iniciou o camiño: protección de espazos naturais, recuperación de rutas culturais, recuperación do patrimonio, xestión dos residuos… no plano local, na vila, perdoade que insista, hai que valorar máis o noso patrimonio, o Casco Vello, e O Prado non pode seguir sendo un aparcadoiro. Toca por en valor eses espazos, e esa é unha boa aposta polo turismo sostible. Mudar nesta liña non é nada novedoso, é o que se está a facer en moitos lugares, con resultados positivos. No curso falouse tamén de canalizar os residuos, parece que vamos nesa liña, da a auga, protexe-las fontes, ainda hai moito por facer, botade unha ollada ás nosas fontes.

domingo, abril 05, 2009

Obras na praza de O prado



Según parece o Concello vai intervir na praza, despois da semán santa. Haberá zonas peatonalizadas e ampliación de terrazas dos bares, con barandas que pechen estas terrazas. Unha intervención moi importante no corazón da nosa Vila da que apenas teño información. A ver se alguén pode facer algunha achega.
Foto Campos.

jueves, abril 02, 2009

Uxía Senlle, na resistencia cultural


Na promoción de seu novo albun "Eterno navegar", Uxía veu a Barcelona e puidemos gozar da súa música na sala Luz de Gas. Lito Caramés fíxolle unha entrevista para Vieiros que paga a pena lela.

"O que aconteceu en Galiza coa desgraza do Prestige e coa reacción focalizada na Plataforma Nunca Máis foi parte dunha catarse, e non hai volta atrás. Pode estar esmorecido, latente, pero segue e seguirá. Temos que continuar traballando coas mesmas forzas, para demostrar a pulsión creativa que temos. Ten moito sentido agora reivindicar e loitar por unha realidade identitaria que se nos quere negar. Agora temos a responsabilidade histórica de loitar por todo iso, debémosllo a quen nos precederon. Pero mormente é unha cuestión de futuro. Ter unha lingua propia e defendela. Se eu non podo cantar en galego, se non podo botar man dos meus referentes identitarios, a miña vida sería moito máis pobre. Resistencia cultural. Na Radio Galega, en Vieiros, na escrita, vese a vitalidade dese movemento resistente e tamén a presenza da cultura galega no teatro, na pintura, na literatura. E a cidadanía consume esa cultura".