
Unha foto
dos Remedios de finais dos anos 70, coa praza de O prado e o castelo ao fondo,
do meu pai, serviu como portada á revista das festas deste ano. A proposta fixenlla eu a Manuel e agradezo o detalle de aceptala. A festa é para moitos a conexión co espazo sentimental e pareceume que era unha foto das festas da nosa memoria. Espero que a Maite non lle parecera mal, porque quedan moitas portadas por diante para voltar a imaxinar a vila no seu Castro. A máis do saúdo do alcalde, a revista conta con sete artigos de caldelaos. Según me contaron, houbo peticións a outros veciños, que polo que se ve ao final non colaboraron. Estaría ben que cada ano se abrira a revista a novas olladas. Polo que vin, oín e leín, a nova comisión formada por
Olegario, Alberto, Roberto e Manuel fixo unhas festas na liña clásica pero de bastante nivel. Voltando á revista, o interesante artigo de Clemente foi o que máis polémica xenerou. Non lle gusta como se fan algunhas cousas e como exemplo, seica pouco afortunado, puxo o do Pontelouco, parece que ferindo a sensibilidade de moitos caldelaos.
Lucía, xornalista dos informativos de antena3, fixo unha achega á saudade e a influencia desta na visión distorsionada da realidade…; Conchita, alma do coro lembranza e do caldelao, escribiu sobre o pasado esplendoroso do noso equipo; como alicerce para o futuro, Charo explica, dende a galería da Fe, como romper o maleficio do esquecemento contando historias; eu escribo sobre a miña aventura no faiado e lembro ao Xosé de Pacios, desaparecido recentemente; Pedro resgata o camiño dos “Airiños de Caldelas” no seu 20 aniversario, dende os seus inicios lúdico-taberneiros. A revista ten moitos anuncios e hai que agradecerlle o patrocinio, con cartos do seu peto, ao empresario Caldelao da mercantil “Oteca”. Magoa que o deseño e a montaxe desta revista sexa da época do descubrimento da imprenta.