sábado, febrero 10, 2007

Xose Neira Vilas, lembrazas de Bos Aires

Na páxina do Consello da Cultura, na súa sección "Historias de vida" atopei iste video de tres minutos, de Xan Leira, cas lembranzas de Xosé Neira Vilas, o autor de "Memorias dun neno labrego". Un "bó e xeneroso" que tiven a sorte de coñecer nunha viaxe a Habana fai uns 20 anos. Testemuña dunha época fundamental para a nosa cultura.

miércoles, enero 31, 2007

O ratiño dos soños, unha produccion galega

A animación galega está poñendo en marcha unha importante industria de entretemento para os cativos. O ratiño dos teus soños é unha produccións de Xulio Fernández, de Filmax, un galego de Lugo que fixo fortuna en Barcelona e que vai camiño de convertir a súa empresa en unha das productoras máis importantes do vello continente. O ratiño dos dentes é unha película que recrea o mundo do ratiño que troca dentes por moedas. O ratiño obtivo un Goya na pasada edición deste premio.

domingo, enero 28, 2007

Caldelas, o universo poético de Xoán M. Casado


Esta tarde foi presentado no Centro Galego de Barcelona un libro de Xoán Manuel Casado, "Crónica Persoal". O libro conta con poemas que xa foran publicados na revista Grial e unha escolma de outros poemas inéditos. A edición foi preparada por Xesus Gonzalez Gómez e o libro editado por o P.E.N. Club. Estaba prevista a presencia do seu presidente, Luís González Tosar, que non poido asistir por problemas de saúde. O libro foi presentado por Xesus González, Ana Jorcano, a dona de Xóan Manuel, e Basilio Losada.

Basilio falou da temática e o universo poético de Xoán Manuel, dos primeiros pasos na literatura, das súas visitas ó Centro Galego co seu pai Manolo Casado, dos intelectuais (Otero Pedraio, Francisco Fernández Riego, Alvaro Cunqueiro etc.) que viñan ó Centro Galego e logo pasaban pola casa de Rambla Cataluña. Da lingua secreta na que falaban os maiores, o galego, do mozo que se convertiu nun poeta. Da Galicia que, para él, era o Castro, da súa habitación cos debuxos de Vicente Risco e do Comercio Novo, como introductor da modenidade en Caldelas. No acto había moitos caldelaos.

Xesus Gonzalez foi entrevistado por vieiros con motivo da edición deste libro.

sábado, enero 20, 2007

jueves, enero 18, 2007

Mellora da rede de auga


Como xa dixera noutra entrada, o Concello anda mudando a rede de auga. Vellas tuberias de fibrocemento son sustituidas por tuberías de PVC. Alguns veciños xa notaron o cambio e dan conta de que a presión da agua mellorou moito.

domingo, enero 14, 2007

Onte faleceu Castor Baldonedo


Logo dun duro final, faleceu Castor Baldonedo, o barbeiro do Castro. Tiña 86 anos e estaba casado con Elisa de Santatecla. A súa barbería estaba situada na Carretera de Ourense, no número oito, a carón da tenda de ultramarinos do Glorioso (Pai do Milucho), e enfrente do Bar Pote. Era fillo de Bernardino Baldonedo, canteiro de sona que viñera de Lalín e que se estableceu no Cimadavila. Pertence a unha das familias máis numerosas do Castro (a saga dos Baldonedos). O Castor era un tipo muy discreto e nobre, que tiña un gran sentido do humor. Traballou como peluqueiro e barbeiro gran parte da súa vida, logo pasoulle o testigo ó seu fillo Pepe (Comercio Novo), casado ca miña tía Lucita, e agora continua a tradición, o seu neto Andrés, que logo de estudiar e traballar en peluquerias de Barcelona, estableceuse na cidade de Vigo. Con Castor desaparece unha das persoaxes da intrahistoria do Castro. Unha persoa que atesoraba moitas anécdotas da vida caldelá, da última mitade do século XX.

sábado, enero 13, 2007

Marina volta ó Castro


O día oito faleceu Marina Alvarez, a nai de Carlos, Charo e Mercedes Canal, e aboa de nove netos: Charo, Luis, Beatriz, Paula, Ruth, Diego, Adriana, Marcos e Carlos.
Marina naceu en Vigo, no ano 1918, o ano da gripe. Os seus pais tiñan unha tenda de ultramarinos no barrio de Casablanca, no corazón dunha cidade que deixaba de ser pouco mais que unha aldea e crecía polo pulo do porto e o tráfico incesante de emigrantes. O seu pai, Manuel Alvarez López, que nacera no Castro, traballaba no Banco do Rio da Plata e invertía en accions de unha compañía de aviación que nunca chegou a voar. A epidemia de gripe extendíase, as rúas de Vigo estaban valeiras e a nena caeu enferma. A parella tivera un fillo que morrera antes de nacer Marina e non soportaban a idea de ver morrer a outro fillo na casa.

Así que o pai decidiu levar á pícara, por un tempo, as terras altas de Caldelas, á casa dos seus pais. O cariño e o embeleso co que a acolleron os seus abós e a súa tía Fé fixo que xa non os abandoara ata casar con Celso Canal, recén acabada a guerra.
Marina criouse entre as faldas da súa aboa Carmen, que era mestra i que lle enseñou a leer nos xornais, e coa súa tía, Doña Fé, nos fogons do Hotel Celta (pensión fundada na decada dos anos 20, no rebulir das ideas identitarias celtas). Ainda hai xente que lembra a precisión e cariño cos que cociñaba Doña Fe e que ista legou a Marina e tamén a outras mulleres da vila. Cando a miña mai, Pepita, empezou a aventura do restaurante tivo sempre perto o consello de Doña Fe. Mais as enseñanzas da Fe non tiñan soio por obxeto a cociña. A Fé e a súa aboa Carmen inculcáronlle un espitiru recto, o respeto polo saber e unhas normas de educación moi estrictas, que ela transmitiu os seus fillos e netos. Decía sempre Marina que ??é mais importante saber sair que saber entrar? nos sitios.

Marina sempre estivo moi ligada ó Castro. Dende a morte do seu marido, instalouse de novo no Castro, ainda que non se prodigaba moito. Era unha muller moi discreta, moi volcada na súa familia e con ideas propias. Así que Marina facía pouca vida social. O seu tempo transcurría na cociña desde a que podía divisar todo o val, unha paisaxe que nunca se cansou de mirar, e nesa inmensa galería dende a que todo se ve e apenas te ven.

Marina adoraba a casa das lembranzas da súa dulce nenez. Cada día almorzaba sentada nunha mesa mirando pola fiestra que da a ribeira e despedía o día mirando as fermosas postas de sol. Pola mañá abría o bastidor que da a casa do Rafael e sacudía as faragullas do día. Sempre estaba activa, lavando, fregando, planchando, cociñando. E facía cada cousa, ata as mais pequenas, con mimo, con toda a atención e coidado. Incluso cando estaba soia. Porque un construese tamén nas pequenas cousas, nos actos cotians. Paseaba ata os xeranios que tiña nun lado da galería, botáballes un chisco de auga e voltaba ó mirador da galería, con aquelas cómodas hamacas, para ver pasar o tempo. Ocupábase en ordear as roupas e obxetos dunha casa chea de habitacións que noutro tempo foran o hotel da vila. A vida foi fuxindo desa casa; primeiro desapareceu a malladora, así era como lle chamaba Doña Fe a maquina de discos que había no Bar Galicia, e desde que Marina enfermou ninguén voltou a tender na parte de atrás da casa. Fai uns días voltou o Castro e, tal como lle houbera gustado, tivo un enterro discreto. Agora descansa, logo dun final demasiado largo e duro, entre dous vellos cipreses, no camposanto do Cimadavila, coas vistas da ribeira das que tanto gustaba.

domingo, enero 07, 2007

Que houbera pasado se nevara sempre como nos 70


Logo de moitas anos ser ver a neve en abundancia fumos a pasar a noite bóa os Alpes franceses (Avoriaz). Guiados pola experiencia, neste terreo, de Xaime e Beatriz e, ca idea de que os cativos estiveran uns día respirando aire limpo nas alturas, xugar a esbarar pola neve nos trineos e facer monecos de neve. A 3000m de altitude, con un sol pouco madrugador, pola altura das montañas dos Alpes, a presión e a sequedade fai doer a cabeza, se non se bebe abundantemente.

Avoriaz é un gran centro de ocio, aberto no inverno e no verán que conta con miles de apartamentos e apartahoteis especializados sobre todo no negocio da neve. As cousas están tan fáciles que incluso nós, sen saber moito, logo dunhas horas de clases, puidemos esquiar por pistas verdes e azuis e disfrutar da sensación de liberdade que da baixar esbarando por unha montaña a carón de paixases impresionantes. Unha estación onde os coches non poden entrar e todo se fai con trineos, sen peligro para os nenos facendo que sexa un espacio moi tranquilo e agradable.

O forte movemento económico que se produce nesta estación fixome lembrar os anos 70, cando era un cativo e o Castro, nos primeiros anos da estación de Manzaneda, igual ca Trives, recibía moreas de clientes en busca de hospedaxe, restaurantes e bares. Como houberan evolucionado as nosas bisbarras??, cales serían as vías de comunicación, como estarían as vilas e aldeas?? Daquela a riqueza dos días de neve cubría a pouca rentabilidade, no sector da hostelería, do resto do ano . A clase media das grandes cidades de Galicia acudía en masa a practica-los deportes de inverno, na única estación de Galicia. Cando o Hostal España e a Viuda estaban cheos, a xente víña de volta e, o Blanco non tardaba moito en ocupar todas as súas camas. Xa sabíamos que cando había neve acabábamos dormindo no faiado. Ocupabanse incluso as camas libres da casa da Sra. Aurora, da maruxa dos Pilos, da Perfecta e así ata que non quedaba unha soia cama na vila. Logo a neve deixou de ser abundante e iste resplandor de progreso pronto se eclipsou.

martes, diciembre 19, 2006

Lembranza de Xoan Manuel Casado



Fai uns días a miña irmá Fabiola faloume dun CD de Luar na Lubre "Hai un paraiso" que conta cun poema de Xoán Manuel Casado ó que lle puso música Miro Casabella. Un fermoso poema de Xoán Manuel Casado que tanto gustaba do Castro. Ainda non atopei o CD, pero a través da páxina de Luar na Lubre dín con íl. Parece que xa fora musicado en 1977 por Ramiro Casabella para un disco de Voces Ceibes "Tí Galicia". Miro Casabella, unha das voces deste grupo, foi un gran axitador das conciencias galegistas nos estertores do franquisco. Con esta edición dixital resgatase esta balada esquecida e de moi dificil localización e Sara Louraço e Rosa Cedrón poñenlle voz con tono de fado.

O meu país/ é verde e neboento
É saudoso e antergo,/ é unha terra e un chan.
O meu país/ labrego e mariñeiro
É un recuncho sin tempo/ que durme nugallán.

Q quece na lareira,/ alo na carballeira
Bota a rir.
E unha folla no vento/ alento e desalento,
O meu país.

O meu país/ tecendo a sua historia,
Muiñeira e corredoira / agocha a sua verdá
O meu país/ sauda ao mar aberto
Escoita o barlovento/ e ponse a camiñar

Cara metas sin nome/ van ringleiras de homes
E sin fin.
Tristes eidos de algures,/ vieiros para ningures,
O meu pais.

O meu país/ nas noites de invernía
Dibuxa a súa agonía/ nun vello en un rapaz.
O meu país/ de lenda e maruxias
Agarda novos días/ marchando de vagar.

Polas corgas i herdanzas
Nasce e morre unha espranza/ no porvir.
E unha folla no vento/ alento e desalento
O meu país.

Xoan Manoel Casado

Na páxina de "luar na Lubre" podese escoitar un fragmento desta balada.

Xoán Manuel foi un poeta, que alá nos 70 sorprendeu ca súa poesía intimista e irónica nun tempo no que predominaba a poesía social. O seu sentimento por Caldelas, a terra do seu pai e logo súa, quedou reflexado no "Libro de Caldelas" co que obtivo o Premio Nacional da Crítica. Publicou varios libros de poemas ("Rexistro de menores espantos" " O libro de Caldelas", "Antigo futuro"), duas novelas ("O inverno do lobo" e Os Brasileiros") e un libro de conversas con Mendez Ferrín. Parece que o Pen Club, en pouco tempo, publicará a súa poesía completa recopilada por Xesús González.

Compre lembrarlle ó Concello de Castro Caldelas que debería enriquecer a nómina de persoaxes da súa paxina oficial con unha semblanza de Xoán Manuel Casado e incluso valorar a posibilidade de adicarlle unha rúa.

domingo, diciembre 10, 2006

Matilde Sotelo, unha Bilbiricha de 83 anos


Antonte a Matilde cumpriu 83 anos e celebrouno cun xantar no que estiveron unha boa parte dos seus. Quen nós dera estar alí. Para o vindeiro cumpreanos intentaremos non faltar. O ano pasado, o regalo máis interesante, foi unha manta especial para torear os duros invernos. A abóa vive na Airexa, na mesma casa onde naceu. Nun mundo onde todo muda tanto costa imaxinar unha persoa que leve toda a súa vida mirando dendo o mesmo punto de vista. A súa casa non ten calefacción e no inverno, cada día, encende o lume para quentarse e afuma-los chourizos. A súa casa é como un barco que leva surcando os sete mares e sen grandes cambios. Nada no 1923, en plena república, orfa os trece anos, rica herdeira en lameiros e vacas, leva vivido moito, cunha saude forte e un humor a proba de traxedias.

Os seus fillos sentaron na mesa do comedor, presidida polo retrato da familia que lle fixo o meu pai cando andaba a festexa-la miña mai, alá polos 60 e que é un dos iconos que preside as casas dos fillos.

Iste ano os presentes deron conta dun año entre outras viandas. O Antón cantoulle por teléfono o feliz cumpreanos á bisabóa e esperemos que cumpra moitos máis e que siga a saltar os muros de Mazaira con tanta disposición e poida viaxar moitas veces a Nova York a ver o seu fillo Domingo e ir a peluquería de Queens ca súa nora Nélida. Un bico moi forte para a Bilbiricha.

viernes, diciembre 08, 2006

desdesrilanka.blogspot.com


Por fin temos novas de Srilanka. A caldelá Adriana Canal ven de encetar un blog no que nos informa sobre a súa vida nese pais. O blog conta con duas entradas e estamos seguros que en pouco tempo será unha referencia da xeografía caldelá polo mundo. Unha fonte de información dese país no que non hai xornalistas extranxeiros e están a suceder moitas novas das que Adriana irá dando conta.

Adriana Canal, unha caldelá en srilanka

Inverno en Castro Caldelas


Inverno. Xoán Bautista Sotelo Blanco, o fotógrafo, meu pai, posa no Toural, sobre o tanque da auga que ven do Burgo. Son principios dos anos setenta. Cando a neve era un elemento máis da paisaxe invernal. O Castro baixo a neve. O tempo detido. As agullas do frío, arrecendos cincentos, lumes. Noites baixo moitos cobertores de lá. O inverno devolve eses sabores que traspasan o tempo.
Anuncian neve tras-los días de chuvia. A auga tan esperada caeu a moreas. Nos derradeiros días, moitas noticias teñen que ver ca auga. Algunhas falan de desastres. Fortes chuvias, inundacions. Outras son boas. Por fin os encoros están cheos. No Castro, o Concello tamén anda na auga. Están a mudar as tuberías vellas, que eran de uralita. Por fín. Despois de tantos anos de escoitar decir que a uralita provoca cancro. Ben é certo que as condicions políticas do país non axudaron ó concello socialista, ( o Castro irreductible como o poboado de Obelix e Asterix) a acometer obras desta envergadura. Agora que o contexto mudou e por fín hai outra sensibilidade, esperemos que non sexa demasiado tarde para reaccionar.

ELLE, Arquitectura glamurosa



No último número da revista ELLE (diciembre) no que se celebran os 20 anos desta revista, entre felicitacións, moreas de fermosas mozas e o glamour das marcas de gran calidade, destaca na páxina 140, a reportaxe da periodista caldelá Charo Canal sobre as 20 principais obras da arquitectura dos últimos 20 anos.

Unha selección de obras de Siza, Ghery, Campo Baeza, Herzog, Navarro Baldeweg, Moneo... obras que xa forman parte dos iconos da España dos últimos tempos.

martes, diciembre 05, 2006

Matices


No museo Malba de Bos Aires hai un cadro que representa un conxunto de capas que se van descubrindo cando se van abrindo cremalleras. Detrás de unha cor están outras, cada vez máis pequenas.

Expresa a complexidade e as capas e matices que teñen as cousas. A complexidade deste país formado por aluvions de xentes de todas partes en busca de soños imposibles, como a fundación deste páis. "Fixerono porque era imposible" poema de Mario Benedetti que axuda a explicar as cousas que non teñen explicación.

Os jacarandas de Bos Aires


Nun patio dunda antiga casona había un árbol que podería ter varios centos de anos. O final dunha rama podada, saía unha nova rama cas súas novas follas. Pareceume unha bóa metáfora deste país representada polo tronco vello e podado e a ramiña nova iluminada que representa o renacer diste país, unha vez máis.


É primaveira en Bos Aires. Na maioría das rúas hai jacarandás, un arból de tronco oscuro, parecido o carballo, que ten unha flor violeta que enche as rúas cunha beleza moi singular.

sábado, diciembre 02, 2006

Representar as primeiras formas


As liñas, as primeiras letras, escribir o nome, debuxar, descubrir a linguaxe e representar as formas máis pertas de un, non é tarea facil. Uns nenos van máis rápidos que outros e isto pode causar certas frustacións a algúns pícaros. Metres descubríamos Bós Aires, unha abóa moi versada no aprendizaxe dos cativos, probaba fortuna cos seus netos con resultados moi positivos. Gracias Charo.

Unha casona en San Telmo


No barrio de San Telmo, na rúa Defensa, atópase un exemplo de pazo da aristocracia de Bos Aires. Esta casona estaba distribuida en duas prantas e tres patios, espazos para comerciar, salóns e habitacións dos donos, espazos para o servicio, hortos e cuadras. Logo a aristocracia, nos tempos da fiebre amarilla, mudou a outros barrios da cidade e este edificio foi convertido en "conventillo" ocupado por unhas 32 familias. Moitos galegos que decidiron probar fortuna nestas terras, a principios de século, soian vivir nestes conventillos ata que podían ter vivenda propia. Boa mostra da vida nestes conventillos é a novela "Frontera Sur" de Horacio Vázquez Rial, descendente de galegos. No 1980, iste edificio, foi convertido nunha galería comercial e hoxe representa un exemplo das transformacións sufridas polo Barrio Sur da cidade.

jueves, noviembre 30, 2006

Bos Aires, o gran plato


Os tempos do "corralito" fixeron que os precios baixaran moito na cidade de Bos Aires. Os profesionais da publicidade son moi valorados en todo o mundo ( cámaras, fotógrafos, iluminadores e todo o equipo auxiliar...) polo que se empezaron a rodar nas rúas de Bos Aires moreas de anuncios. Nun día contei, ó longo do meu paseo pola cidade catro rodaxes. Na foto, un anuncio de Gucci que se estaba gravando no exclusivo barrio da Recoleta. Unha rubía platino choca contra un camión que transporta galiñas e que saen voando por encima da moza loira e do seu expectacular coche. Que ninguén queira verlle relación co "corralito".

miércoles, noviembre 29, 2006

Arxentina, hai luz ó final do tunel,


Os arxentinos empezan a sentir que hai luz ó final do tunel. Como decía un paisano, cando tocas fondo xa soio podes subir. Logo da forte crisis do "Corralito", expresión que ironiza sobre a situación na que quedaron os arxentinos cando se conxelaron os seus aforros, nas entidades bancarias, as cousas parece que están mellorando. As fortes exportacións, o aumento da inversión extranxeira e do turismo está facendo entrar moitas divisas que aceleran a recuperación da súa extragada economía. A cidade de Bos Aires vive unha explosión de creatividade. Nas súas impresionantes ruas puden ver os locais máis modernos coexistindo con antigos cafés e restaurantes. As tendas máis vangardistas, a carón das tendas de principios do século pasado.

lunes, noviembre 27, 2006

A quinta provincia galega, Bos Aires


Moitos son os locais de Bos Aires onde se atopan referencias a Galicia. A avenida de maio é coñecida popularmente como a rúa dos galegos. O longo do século pasado, moreas de galegos embarcaronse nunha dura viaxe a unha das zonas máis austrais da terra e escomenzaron de novo a súa vida.

Daquela, a mellora das condicións de vida era tal que o efecto chamada fixo que uns tiraran dos outros. Non había municipio galego que non tivera o seu referente nesta cidade. Ata houbo un Centro Galego de Castro Caldelas.