
Ás vacas gustáballes o lameiro do arrendo, estaban tranquilas, comendo ata fartarse alí onde a herbiña do outono é moi fresca e suave. Soio se oían as esquilas, e o rio Ferreiros que pasa ó fondo da finca. A Xóan Bautista tamén lle gustaba iste lameiro que se atopa na parte máis baixa de Quintela, onde empezan As Touzas. Como por él pasa o rio, niste lameiro hai caldeiras abundantes que o regan e nelas podense construir muiñiños de auga. Bautista fora moitas veces ca súa mai a moer o centeo ó muiño de augua de Medos e coñecía a forza da auga, que facía mover as aspas ata facelas xirar a gran velocidade. Estivera colocando as pedras do muro que separaba a súa finca da do veciño, xa matara algunha ra, e viu uns chotos moi ben feitos cando decidiu cambiar de xogo e construir un muiño. Andaba labrando unhas aspas, xa fabricara unha forquilla, e pouco faltaba para por o artiluxio na corrente dunha caldeira… fixo forza para rematar axiña e a navalla foise dende o choto ó ollo esquerdo dañandoo para sempre. Xóan Bautista Sotelo Blanco tiña perto dos doce anos. No 1948 os médicos da vila pouco puderon facer e unha neboa foi cubrindo a pupila dese ollo.
Non sei cando o meu pai empezou a interesarse pola fotografía pero si sei que tiña moito que ver ca idea de enfrentarse ó seu problema e superalo, dedicando a súa vida a mirar e ver. Tamén poido ter algo que ver o non ter ningunha imaxen da súa irmá pequena, Luisiña, xemea de Olegario, que morrera había pouco e da que a familia botaba en falta algún retrato.

Para o fillo duns labregos analfabetos, que soio pudo ir a escola durante perto de dous anos, sair do rego non era facil. Viaxou de noite no tren que ía dende San Clodio a Asturias. Traballou nas minas de mercurio de Pola de Lena (Mieres). Arriscou a vida, gañou cartos suficientes e, aproveitando a súa estancia en Ceuta, durante o servicio militar, poido mercar unha Zeis Ikon. Con esa cámara a vida deste mozo de Quintela cambiou de rego.
A través dun oftalmólogo do exercito (O Coronel Rivera), que tamén o introduxo no mundo da fotografía, o meu pai oira falar das maravillas da clínica Barraquer. Logo de casarse e logo de traballar moi duro no verán 1961 decidiu ir a Barcelona e porse nas mans do famoso oftalmólogo. Foi operado e estivo oito días recuperándose na cidade dos prodixios.

A foto corresponde o moderno edificio dos anos 40 que visitou o meu pai para reducir a neboa do seu ollo esquerdo. Cada día paso o seu carón e imaxino ó meu pai entrando para intentar cambiar, unha vez mais, a súa sorte.