martes, agosto 14, 2007
domingo, agosto 05, 2007
sábado, agosto 04, 2007
O sorriso do Paquiño, zapateiro remendón

Canelo voltaba á vila logo de quince anos no Norte. O seu aspecto mudara, traía bo traxe e bos zapatos. Deixouse ver nos cafés da vila, visitou o Comercio Novo, falou con Don Abelardo do que lle rentarían uns aforros a prazo fixo e logo colleu un taxi que o levaría ata Os Ruidos, a aldea onde nacera. A praza do Prado, noutro tempo ocupada polas vestas, mudara o seu aspecto e a modernidade regaláralle o carácter de cruce ateigado de coches que mostraba a nova situación dos seus veciños. O taxi encarou cara á saída sur do Castro e alí, ao lado do Bar Remixio, viu o obradoiro do Paquiño, o zapateiro. Na vila moitas cousas mudaran mais o obradoiro do Paquiño seguía alí, sin ningun cambio aparente. Entón caiu na conta de que cando marchara deixara un encargo onda iste. Decidiu parar e preguntar polos seus zapatos. Cando entrou no obradoiro pequeno e oscuro atopouse co sorriso familiar do Paquiño, que levaba coma sempre levou o pito na súa man dereita. O Paquiño sempre ofrecía un doce sorriso e un tiña a impresión de que ese home sabía algo, ou escondía algún segredo, que ninguén mais coñecía. Alí, no seu obradoiro, o tempo permanecía inalterble. O local estaba ateigado de zapatos pendentes de recoller e de formas coas diferentes medidas. O espacio atopábase impregnado co polviño negro que deixa a maquina que desgasta as suelas dos zapatos.
—Ola Paco, como andas!
—Ben, xa ves, ando con zapatos…! E tí Canelo, pensei que non virías polo encargo.
—Mira, as cousas son así, xurdiu a oportunidade dun visado para o Norte e non perdín tempo.
—Tés moi bo aspecto e os zapatos que traes parecen moi bos; imaxino que xa non quererás os teus antigos zapatos? Era o último remendo que aguntaban, non me foi doado arranxalos. Daquela bailaras ata que se descoseron, lembras…?
Naqueles tempos o custe dos zapatos era bastante elevado e merecía a pena arranxalos, mentres o zapateiro considerara que isto era posible. O Paquiño advertíralle ó Canelo que non ía ser fácil arranxa-los seus zapatos pero que o ía intentar.
—Hoxe non paga a pena arranxar os zapatos. É máis caro que mercar uns novos, espetoulle o Paquiño…
—Bueno, unhas suelas ainda se van poñendo, pero nada de remendos, engadiu.
—Que me vas decir, xa sei que pasaron moitos anos e as cousas mudaron. Mais cos zapatos remendados farei o camiño de volta, onda moza ca que bailei ata rompelo, no San Xoán,… si é que ainda quere voltar a bailar conmigo.
O Paquiño foi un dos últimos zapateiros da vila e era moi popular porque sempre estaba disposto a parolar con calquera que se acercara ao seu obradoido, un espazo pequeno pero grande en humanidade.
Os mociños gustábanos parolar co Paquiño mentres fumábamos os nosos primeiros pitos. Sorprendido por algúns zapatos gardados en bolsas cubertas polo polvo que esperaban a que os seus donos viñeran a busca-los, pregunteille e, lembro que iste contounos ca historia dun home que emigrara e, pasados moitos anos, voltou a busca-los seus zapatos. Iste é a miña pequena recreación e lembranza de un home importante para máis ala do transformador.
lunes, julio 30, 2007
Pepe Sotelo, criador de bois

Bermello, vasco, experto ollador de bois, levaba semans sen atopar unha boa xogada de bois. Tiña unha petición urxente para un caserío perto de Bilbao e xa levaba tempo sen atopar nada que valese a pena. En Monforte oira falar das terras altas de Caldelas, con carreiras empinadas, onde os bois da raza “vianesa” cargan moito e móvense por angostos camiños onde é dificil a entrada dos tractores e eles teñen que ter moita habilidade para moverse.
Pola mañá cedo atravesou a ponte do Sil. Parou alí o tempo de fumar un pito, para ver a fermosura dos bancais nos que se cultiva o viño de Amandi. A vila do Castro, a esas horas, debuxábase entre a néboa e era difícil saber onde empezaba e onde acababa o pobo. Entrou no Bar Grilo e preguntou polo paradeiro do Bilbiricho, criador de bois, de sona.

Xa na Airexa, na parroquía de Mazaira, Pepe Sotelo mostroulle a parella que levaba preparando facía catro anos. A maneira de acercarse de Bermello fixo que os bois, asustadizos normalmente, mostráronse tranquilos sen apenas moverse. Pepe montou a xugada, puxo a molida e o xugo, ata que os dous animais foron un soio, “teñen que quedar como se estiveran soldados”, dixo o Bilbiricho…, logo foron camiñando o paso que lles marcaba ca aguillada e en nengún momento estes bravos e valentes toros desobedeceron as ordes do Pepe. Bermello abriu ben os ollos, meteu a man no peto e sacou o seu móbil. En euskera falaba con alguén e, pola súa expresión, notábaselle que estaba ledo polo que acaba de ver. Pechou o móbil, foi onda o Pepe e con un forte apretón de mans cerrou o trato da compra dos bois do Bilbiricho.
En Euskadi, os deportes rurais teñen gran afición e teñen o seu orixen nos traballos do mundo rural, ligados ós caserios, ás labores agrícolas e ás explotacións forestais e que logo foron trasladados ó campo deportivo. Son xogos nos que prima o emprego da forza ou a resistencia física, combinada con certas habilidades e capacidades técnicas. As probas de bois (idi-proba o idi-dema) son un dos deportes máis arriscados. No pasado eran utilizados en moitas tareas do campo, no tiro dos carros e outras actividades como as canteiras e os asteleiros.Hoxe a proba celebrase nun recinto chamado probadoiro (probaleku), o aire libre, na praza dos pobos ou xunto o frontón, ainque que tamén existen locais modernos (probalekuhomologado) preparados para esta actividade, na que se fan fortes desafíos. A parella de bois, atada por un xugo de madeira ten que arrastrar un bloque de pedra de 1500 a 4500 kilos, durante un tempo, gañando a parella que máis “clavos” ou “plazas” faga. Hay diferentes tipos de probas (de peso comparado e peso libre) según o peso dos animais e o peso das pedras. A veces o arrastre faise con un único boi. Durante a proba os bois son guiados polos arreadores (akullaris), chamado así pola vara ou akullu que empregan.
miércoles, julio 25, 2007
25 de xullo, día da patria galega

Hoxe no diario “El Pais” o lingüista Enrique Monteagudo, nun artigo, co galo do 25 de xullo, “Idioma galego: da identidade á modernización”, logo de reflexionar sobre os símbolos cos que se representa a identidade, acaba cun fragmento de Castelao en “Sempre en Galicia” que me parece que resume de unha maneira moi clara o valor do noso idioma:
“Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inagotable de obras de arte”.
Etiquetas:
lingua galega 25 de xullo Monteagudo
lunes, julio 23, 2007
Casado Nieto, "...xuventude de novicio de Montederramo no XV..."

Buscando entre os libros que teño na casa do Castro o azar fixo que “Vendima” de Manolo Casado Nieto caira de novo nas miñas mans. “Vendima” foi un dos primeiros libros de poesía que Olegario Sotelo Blanco levou ó prelo alá polo 1982. É unha escolma de poemas xa publicados e outros inéditos.
Xosé Filgueira Valverde escribiu para a ocasión un fermoso e interesante limiar no que se perfila un retrato cas andainas deste caldelao.
Quero lembrar tamén que sendo Conselleiro de Cultura, Filgueira Valverde, Casado traballou arreo pola creación da actual biblioteca do Castelo. Non estaría demáis algunha lebranza, nun rinconciño, desta fiestra aberta por Casado e Filgueira.“ Cando chega o outono, ise caldelao que leva no cerne Manuel Casado Nieto sinte máis punxente a señarda do Castro. Antre os seus libros, na Fiscalía, camiñando de vagar polas Ramblas ou polas vellas rúas do Barrio Gótico, ten un desacougo que non se atura. É que aló están xa na sazón das vendimas. Quén lle dera andar nelas arastora: baixar correndo dende o Cima da Vila, atrochar o Prado, a saudar xente, porque todos lle teñen lei como lla tiveron aos seus pais. E coller o camiño cara Torbeo, ou cara Lumeares, onde os acios aviñados van caíndo no queipos, antre risadas e cantigas…
-Vellos anotos que lañan xa na foxa da acordanza-.
Tempo vendimieiro, -outono farto e dourado- Tamén chega a il, o escritor, nunha lucidía, vizosa naturalidade. E pode botar unha ollada á colleita, garelo da súa fartura. Mirándose nela, remese nas lembranzas dos primeiros anos, na casa paterna de Caldelas e na –matria- de Verín, e de aquela primeira door inesquecibre:-vou de negro porque morreu o meu pai-. Tiña cinco aniños. E logo, do internado no Colexio de Celanova, solene, aterecido, resoante, gaiola dourada:-un témero mosteiro, a miña escola-. Para rematar os estudos de Bachiller Universitario (daquela chamábase así), o Instituto de Pontevedra, no 1926. E remataríaos ben: tíduo con nota de sobresaínte e Premio Extraordinario. Alí estaban de mestres Lousada Diéguez, Castelao, Sobrino…, xentes sabedoras na cencia da galeguidade que soñaban e traballaban por un porvir mellor para a Terra. Viríalle tamén ao recordo aquela incerteza de ter que escoller camiño para a vida aos quince anos. Elexiu Cencias, e perdéu o tempo en Compostela i en Madrid, refugando da –análitica- e despicándose nas redaccións, nas tertulias, no Ateneu. Madia leva cando refire que, deixando o camiño errado, abondáronlle dous cursos para facer a carreira de Dereito, e menos de outros dous para ingresar na Carreira Fiscal, co primeiro destino en Ourense, ao pé dos homes do –Nós-: Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas. Logo viría á Pontevedra da posguerra, ca xentiña do Museo, de –Sonata-, de –Litoral-, da tertulia do –Birinbao-: Iglesias Alvariño, Bouza, Portela, Peña, Viñas, Torres, Landín…
Dende neno, a escribir: lírica, refendas, teatro, crítica, dereito, artigos, moitas traballosas e belidas versións, antre elas a da Biblia ao galego. Fixo periodismo moi cedo, dirixiu xornaes de loita e revistas. De tan fartas anadas Casado Nieto –ún dos nosos poetas maiores-, autoridade da fala –vai escoller agora os froitos do viñal benquerido: o da poesía. A xeira leva por nome “Vendima”. Tiña ben onde escolmar, denque aquil primeirizo, cuase infantil, libriño de versos, “Retazos”, que lle prologara Herminia Fariña, no 1927. No 1930, saía “Amor i eleuciós”. Cinco anos despóis tiña pra o prelo “Sol e lúa, versos do día e da noite”. “Orto” saíu xa en Barcelona, no 1942. En adiante virían: “Orballo ispido” (1955), “O ronsel do meu silencio” (1956), “Canta de lonxe o corazón do tempo” (1969)…, e aínda ten no peto “Falo cos meus”.
Neste medio século foi camiñando cas mudanzas da poesía, leal sempre ao seu esprito. No escomenzo, como todos nós, Rosalía, Curros, Valle-Inclán, Pondal. Pouco despóis o descobrimento de García Lorca, e o de Amado Carballo, cando poucos sabían entelo. Rendíu tributo ao hilozoísmo, achegouse, por un tempo, aos ultraístas, adeprendeu ben os recursos do neopopulismoe do anovamento das formas trovadorescas, levado ao cume polo –compadre seu- Alvaro Cunqueiro. Na década dos cincuenta, acena unha volta ao parnaso renacentista cos escorreitos sonetos da “Parábola do fume eterno” e cos “Tempos” de “Nas trebas da miña voz”. A fala poética vaise ceibando das ataxentas da rima e das unidades métricas. Mesmo sinte, sen ceder a íl, o anceio de fuxir da gramática e de percurar unha melodía sen verbas: “ Se eu soubera falar como iles falan!/Pro nós sóio sabemos /poñer suxeito, verbo, complemento…/ Qué pouquichiña cousa / para afondar no misterio!”. A carón dos temas da natureza e da vida, do alén e do infindo foron xurdindo os da diáspora, o pranto polos que so foron: “ Cánta mourenza, cánta, morte negra!”. “Fala cos seus” ha ser a testemuña do galego esencial, entendedor de canto foi o seu entorno e deliñóu o seu vivir: “ Douche as gracias, ouh Deus, po facéresme galego!”.
Cando me puxen a debullar estas verbas, non facía mentes de me entrar polas portas da obra de Casado Nieto a escudriñar nos recantos das ideas e das formas. Quixera somentes decirvos cómo foi xurdindo e medrando níl a fala poética e de qué feito atoparedes sempre nela o home bó e xeneroso, afinal todo amor-, que non finxe os sentires e que loita arreo co anxo da fala para que poida chegar deica nós o eco das súas emocións. Un home que prefire camiñar polos outos e que refuga os neboentos lameiros do fondo do val: o Castro está nun outeiro. É un home de camiño, e de camiño na montaña, sempre a albiscar abertas largacías. Decíalle don Ramón: -e cas súas verbas remato- “vostede alenta sempre nunha xuventude de novicio de Montederramo no XV, mozo máis profeso na serra que na régoa”. Non pode facerse mellor semblanza en menos verbas. Nelas está canto hai en Casado Nieto de perenne mecedade, de contino adestramento, de lealtade á religación, de libertade de esprito, polo natural, frente ao canon e o preceptismo…e hastra un topónimo que cifra a conxunción de cume e do ramo, o –ramo frorido- das cantigas, onde Deus deixa sempre un doce froito
para os poetas.
domingo, julio 22, 2007
Voltar perto do transformador

O exceso de obrigas profesionais impediron facer algunha entrada ultimamente. Se un se deixa levar, ese lugar que se atopa lonxe do transformador, que xa é un espacio moi importante na vida miña e dos meus, as obrigas e as responsabilidades, poden consumir todo o tempo que un ten para seguir alimentando esta fiestra. Un espacio no que entre eu o os meus lectores vamos construindo unha caldelas imaxinaria, reflexo da que levamos na nosa memoria ou da que construimos frente a dura realidade. Agradezco a fidelidade dos moitos que entran cada día nesta praza, dende lugares máis alonxados que un poida imaxinar, e o alento que supón para seguir nesta andaina, que xa vai para ano e medio. Gustaríame que participaran máis, ainda que sexa de forma anónima, sempre que se manteña o respeto polas opinións dos demáis.
Etiquetas:
caldelas Máis alá do transformador
sábado, junio 16, 2007
O taller da Teresita

Na parte baixa dunha casa do Cimadavila, na metade da rúa que vai o camposanto, Teresita Pájaro, da familia dos Baldonedo, enseña a coser a un grupo de mozas. A súa formación procede da súa mai (Teresa), da tía da Macuca, pero tamén dos seus cursos no Instituto Martí de Barcelona. Flora leva un mes no Castro. Vive no Hostal Blanco, axuda a servir as mesas e polas tardes aprende os segredos diste oficio que lle permitirá ter un coñecemento moi util, xa que en todas-las casas é moi valorada a man que sabe coser, zurcir, remendar e facer roupa. Entre punzada e punzada as mozas van soltando o fio do que pasa na vila. O paseo co Roque outro día na festa de Aguíl… o bico do Matias no baile da Parramera… o Xosé de Alais, que non sabe bailar e un dar un paso, sen pisar…a carta dunha prima de Bos Aires, que fala da súa vida na capital Bonaerense…novas da irma da Carmiña en Venezuela... dun oficio que abre unha alternativa diferente a da terra… alí, unha enteresase de case todo o que pasa… non hai escarnio nen madecire…soio é unha maneira de pasa-la tarde, mentres corre o fio.
Nas miñas alforxas levaba esta imaxen, forxada en tardes de xogos e nas carreiras polo Cimadavila. A impresión que causa a ledicia das mozas que aprenden un oficio. Neste mundo de artesans está o principio do fio que nos leva a importante industria da moda galega.
sábado, junio 09, 2007
Mozos no sagrado

Se non coñecéramos a ningún dos que aparecen na foto, nunha mirada rápida, pensaríamos que estamos ante un grupo de mozos labregos, vestidos de festa, nun domingo ou algo similar, nas primeiras décadas do século XX. Soio quen repare na forma das chaquetas, o corte dos pantalóns ou a forma dos zapatos pode botar luz sobre o momento no que foi feita esta fotografia.
Xóan Bautista Sotelo Blanco fotografiu os mozos de Mazaira, amigos e veciños, no sagrado da Airexa, mudados e seguramente co seu mellor traxe, a entrada ou a saíada da misa. É posible que na maioría dos casos fose o seu único traxe. A foto parece feita a principios dos sesenta e pouco ten que ver cas imaxes que a un se lle veñen a cabeza cando pensa nesa época.
Todos miran fixamente á cámara. Soio Olegario, seguramente máis familiarizado ca idea de ser fotografiado, mira para outro lado. Daquela, facer unha foto era algo extraordinario, de radical modernidade. Unha posibilidade de transcender, de deixar unha pegada para futuro. Hoxe, fanse tantas fotos, que practicamente desapareceu a liturxia e importancia diste acto.
A imaxe sorprende, entre outras cousas, pola súa composición. O terreo parece estar en pendente pro lado dereito e os mozos da segunda fila atópanse subidos nun muro de pedra. A medida que o muro vai subindo, os mozos vanse flexionando para manter un certo nivel compositivo na parte superior da foto, que corrixe o desnivel do terreo.
Á esquerda, Cándido Sotelo, con traxe de pana e porte de galán de Hollywood, ten nos brazo o seu fillo Manoliño. Raúl, Hilario, O Chiquito, Manolo Sotelo, Manolo do restaurante 5 Villas, Xaime da Abadia, Os de Allende (Antonio e Pepe) e Germán dos Ruidos, que agacha un pito, na súa man esquerda, non querendo trascender ca imaxe de fumador, pese a que o pito na man era símbolo de modernidade.
domingo, mayo 13, 2007
Rúa do Progreso
Houbo un tempo, os anos da República, no que as cidades e as vilas tiñan rúas que se chamaban Progreso. A idea de progreso era daquelas un valor, e cando se abrían novas rúas que ampliaban as cidades, que as abrían ao mundo, rúas que significaban unha millor comunicación, de cotío o nome elexido era o de Rúa do Progreso. Entón, que as cidades medraran tamén era visto como algo positivo, non como hoxe que o problema está en controlar o seu crecimento. Tamén o Castro ten unha Rúa do Progreso, agochada tras o nome banal e puramente descriptivo de Carretera de Ourense. Se miramos nas escrituras das casas desa época, así figura.
O franquismo cambiou os nomes desas rúas do Progreso por os de Calvo Sotelo ou José Antonio, no seu afán de impor un novo orden e esborrar a memoria. Na transición volveronse a cambiar os nomes pero, en vez de recuperar os orixinais, o buenismo imperante adoptou nomes neutros, sen connotacions, para non levantar as pantasmas do pasado (pantasmas que non o son porque mostras dan cada dia de que ben vivos están).
A Rúa do Progreso é a arteria principal do Castro, que atravesa a vila e pasa polo Prado.
E moi indicativa esa vocación de que as rúas principais de un pobo sexan carreteras. Seica compre pedir que as formacions políticas que compiten pola alcaldía fagan unha reflexión sobre os nomes das rúas da vila.
jueves, mayo 03, 2007
Cal de las
Curioso video atopado en You tube duns visitantes do Castelo. Os comentarios do guía son moi divertidos.
martes, mayo 01, 2007
Gran acto cultural no Castro
sábado, abril 28, 2007
Cando "os guerrilleiros" andaban polo Sil

Fun coller un libro de unha estantería e cairon unhas fotos. Sorprendeume esta que vedes. Un recanto do Sil, perto da ponte. Penso que foi no 86 cando, xunto con Lalo (do Bodegón), fumos ver na súa barca o lugar onde se agochaba o exercito guerrilleiro do pobo galego ceibe. Antón Curto, de Monforte, e os seus atoparon nestas paisaxes a similitude romántica cas selvas lacandonas. Dende iste lugar soñaron a independencía de Galicia. Alí tiñan o seu refuxio logo de porlle dinamita as torres de alta tensión de Fenosa. As súas accións de máis sona foron a morte dun garda civil e a voadura do chalet de Fraga en Perbes. Nun lugar de pouco movemento como as ribeiras do Sil, non era facil manter o segredo e non levantar sospeitas. A policía e garda civil pronto deu co lugar onde se agochaban e pouco durou a aventura.
sábado, abril 21, 2007
Historia de un retratista da aldea

Ás vacas gustáballes o lameiro do arrendo, estaban tranquilas, comendo ata fartarse alí onde a herbiña do outono é moi fresca e suave. Soio se oían as esquilas, e o rio Ferreiros que pasa ó fondo da finca. A Xóan Bautista tamén lle gustaba iste lameiro que se atopa na parte máis baixa de Quintela, onde empezan As Touzas. Como por él pasa o rio, niste lameiro hai caldeiras abundantes que o regan e nelas podense construir muiñiños de auga. Bautista fora moitas veces ca súa mai a moer o centeo ó muiño de augua de Medos e coñecía a forza da auga, que facía mover as aspas ata facelas xirar a gran velocidade. Estivera colocando as pedras do muro que separaba a súa finca da do veciño, xa matara algunha ra, e viu uns chotos moi ben feitos cando decidiu cambiar de xogo e construir un muiño. Andaba labrando unhas aspas, xa fabricara unha forquilla, e pouco faltaba para por o artiluxio na corrente dunha caldeira… fixo forza para rematar axiña e a navalla foise dende o choto ó ollo esquerdo dañandoo para sempre. Xóan Bautista Sotelo Blanco tiña perto dos doce anos. No 1948 os médicos da vila pouco puderon facer e unha neboa foi cubrindo a pupila dese ollo.
Non sei cando o meu pai empezou a interesarse pola fotografía pero si sei que tiña moito que ver ca idea de enfrentarse ó seu problema e superalo, dedicando a súa vida a mirar e ver. Tamén poido ter algo que ver o non ter ningunha imaxen da súa irmá pequena, Luisiña, xemea de Olegario, que morrera había pouco e da que a familia botaba en falta algún retrato.

Para o fillo duns labregos analfabetos, que soio pudo ir a escola durante perto de dous anos, sair do rego non era facil. Viaxou de noite no tren que ía dende San Clodio a Asturias. Traballou nas minas de mercurio de Pola de Lena (Mieres). Arriscou a vida, gañou cartos suficientes e, aproveitando a súa estancia en Ceuta, durante o servicio militar, poido mercar unha Zeis Ikon. Con esa cámara a vida deste mozo de Quintela cambiou de rego.
A través dun oftalmólogo do exercito (O Coronel Rivera), que tamén o introduxo no mundo da fotografía, o meu pai oira falar das maravillas da clínica Barraquer. Logo de casarse e logo de traballar moi duro no verán 1961 decidiu ir a Barcelona e porse nas mans do famoso oftalmólogo. Foi operado e estivo oito días recuperándose na cidade dos prodixios.

A foto corresponde o moderno edificio dos anos 40 que visitou o meu pai para reducir a neboa do seu ollo esquerdo. Cada día paso o seu carón e imaxino ó meu pai entrando para intentar cambiar, unha vez mais, a súa sorte.
Etiquetas:
Caldelaos Xóan Bautista Sotelo Blanco
domingo, abril 15, 2007
Nova minicentral no Edo
A chegada da modernidade ó Castro veu da man, entre outras iniciativas, da serrería dos Amaro, a fabrica de fariña “molinera”, a fabrica de gasosas “La selecta”, doas fabricas de chocolate, unha na rúa Grande e outra nas Laguiñas, a fabrica de rosquillas e galletas e a fabrica de queixos de Ricardo Taboada, na Abeleda. Esta pequena industria local apoiabase na luz eléctrica que producía a fábrica de luz situada no rio Edo.
Hoxe os herdeiros do Babe andan a construir unha nova minicentral no lugar onde a riada borrou a vella. A antiga electrica do Castro renace das súas cinzas. Grandes máquinas excavadoras moven terras e penedos de grandes dimensións nunha dura loita contra os elementos.
Camiño do camposanto
jueves, abril 12, 2007
Minoria no seu propio pais

Istes días houbo unha nova, en certos medios galegos, sobre o informe do Consello Escolar de Galicia no que se informaba da precaria situación que vive a lingua galega no ensino non universitario. A conclusión é que as escolas desgaleguizan. A cousa é moi forte. Non fai moito, sorprendeume ver que unhos cativos veciños, que falaban un galego fermoso, o ir medrando, dentro do proceso de socialización, foron mudando a lingua galega polo castelán. Xa que logo, o informe do Consello Escolar pon de manifesto o fracaso das políticas lingüistícas dos últimos anos. Vivindo en Cataluña, onde o catalán é unha lingua de prestixio entre a burguesía, costa ser pesimista. Nembargantes, a situación do no noso pais, en xeral e, no Castro, en particular, non me parece que sexa para tirar foguetes. Os nenos que falan galego son minoria no seu propio pais. Eu falolles galego, con normalidade, a Antón e Mariña e con máis ou menos traballo a lingua vai collendo forma nese cemento fresco que é a memoría dos cativos. Cando vou ó Castro atópome con que case ningún neno fala galego. Moitas persoas preguntanme sorprendidas... "hai... e falaslle galego os nenos..." Ainda que son moitas, as veces que me fan esta pregunta, sempre me sorprendo amin mesmo intentando xusticar como normal algo que sei de sobra que o ben como anormal, algúnha persoa chegou a decirme que..."claro...! agora está de moda...". Ó paso que vamos a minoria pode chegar a ser menos que minoria e xa me vexo explicandolles os meus cativos, cando sexan maiores, que eu non inventei ista lingua.
sábado, abril 07, 2007
Control das augas residuais
No fondo da Cubiarca, no cruce de camiños que van para a Abeleda e para o lugar de Trambasaguas, hai un gran escape de augas residuais. Polo que me contan, non é algo recente nin accidental, xa leva tempo anegando o camiño. Os residuos discurren libres, e é case imposible pasar por unha parte deste camiño. Está a carón de hortas, a pouco metros das primeiras casas dos Pilos, nunha entrada do pobo. Alí onde os veciños intentan cultiva-las hortas e aproveitar o seu fruto teñen que convivir co cheiro destas augas residuais. Parece que o Concello é coñecedor desta contaminación.
O Concello actual, ou o que veña, ten que buscar unha solución definitiva para as súas augas residuais. Nos tempos que corren non se pode desaguar libremente, deteriorando o medio ambiente.
miércoles, abril 04, 2007
O Castro, última parada de Roger Clement Black
Si hai algo que preocupa os caldelaos é morrer soios. É moi dificil que non asistan os enterramentos de veciños e amigos. Roger Clement viaxaba, xunto con un amigo, na súa moto, dende Australia. Nunca imaxinara que ía rematar a súa viaxe nas terras altas da vila de Caldelas. Logo dun duro traxecto, estiveron tomando algo na praza do pobo. Estaban impresionados pola vila que se fora formando nas ladeiras dun castelo. Logo dunha parada decidiron que ainda podían aproveitar o día e seguir o seu camiño en busca de outro destino.
Ainda estaban embriagados pola fermosura das paisaxes que acaban de ver, pasaran O Real da Pousa, pasaban a Rasa e alí na subida ó alto de Aguíl, derrapoulle a roda de atrás. Roger invadiu o carril contrario, sendo atropellado por un coche que nese momento baixaba en dirección contraria.
A nova causou grande impacto nos caldelaos que lle tributaron o seu adeus co sentimento que da a compliciade de quen sabe da lexanía dos seus. Onte vin a fermosa lapida que a súa familia lle puxo no espazo do camposanto reservado para os que non teñen nicho e esta romántica historia veume a visitar.
O fin dun patrimonio
Os testigos físicos dunha xeración de muñeiros e aserradores que incorporaron o mecanicismo as súas actividades pertencen xa o mundo das sombras. Istes orgullosos ferros esperan agora, amontoados no solar no que un dia estivo o aserradoiro, a que alguén calcule o seu valor polo peso…chis…chas…chis…chas…os sons dos primeiros anos na escola…chis…chas…o Sr. Amaro, gaiteiro dos trabazos, facendo música do seu traballo…chis…chis…chas…os cabalos da garda civil entrenando…chis… chas…Don Santiago, Doña Sarita e Don Daniel. A molinera electrica do Babe, o aserradeiro dos Amaro representaban un vento de modernidade que chegou o seu fin.
Na foto o Sr. Amaro, o seu fillo Luisiño e traballadores do aserradeiro. Foto de Xóan B. Sotelo Blanco.Quedan istes ferros, de gran tamaño e beleza formal, testigos do patrimonio industrial doutro tempo. Ben poderían quedar como esculturas nalgun parque da vila. Non esquezamos que non soio son patrimonio cultural os iconos relixiosos e os supostos osos de santos. Está pois nas mans dos que nos representan preservar iste patrimonio da memoria e da nosa cultura.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)





