jueves, marzo 23, 2006

Crónica dun cumpreanos



Antonte Emma Vazquez cumpriu anos e celebrouno no seu restaurante Ferrum, situado no Ensanche Dereito, perto do Paseo de Gracia. Emma naceu no Castro, do outro lado do transformador, e non vou a decir cando, pero darei pistas. Nesa época a xente aforraba ata poder ir xunto ó Antonio a facer un traxe a medida. Igual que os irmáns Dominguez xurdiron da experiencia do seu pai, sastre en Trives, Antonio contaxiou a súa filla a ilusión emprendedora que agora continua con ista nova iniciativa. A festa estivo moi animada entre familiares, clientes e amigos. Recoñecin a moitos amigos da Emma, o seu mozo, a Judit, Ana, o seu irmán Armando, a súa dona Isabel, e ata me atopei ca miña doutora. Si...! a que me dí que a tensión anda polas nubes e o meu peso non é o máis recomendable. Sentinme espido. Imaxinade...!, atoparse nun festa ca persoa que che coñece os intringulis. Unha situación de peli de Wody Allen, pero nunha cidade con máis glamour que Nova York.

E non vou a decir caralladas da cocina. Alvaro Cunqueiro, cando lle derón a probar un viño, esperando unha descripción sobor dos seus olores, sabores, regustos e demáis sensacións, dixolles os presentes " o viño é bó..., vale pro cocido". Como non teño a sabedoría gastronómica de Cunqueiro, soio resaltar que ainda saboreo o delicioso bacalao que o cociñeiro de Ferrum prepara cun punto e unha presentación moi delicada. "Nouvelle cuisine" con un sutil destilado de identidade galega, nalguns pratos; os segredos da cociña da mai da Emma, Luisa. Moita sorte nesta nova andaina.

Dirección Ferrum: c/ Córcega,400, Barcelona, 934577610.

miércoles, marzo 15, 2006

Sen pau de palleiro


Logo de 25 anos, voltei a Festa dos Fachos. Oira falar, o longo dos anos, dos cambios que se ían producindo e sobre todo da desaparición da palla. Xa non hai pau de palleiro, a xente xa non ten palla. A imaxe dos palleiros nas airas, a carón das casas nas aldeas pertence a memoria. Hoxe, modernas máquinas trituran a palla e transformana en alpacas, de forma rectangular, que son facilmente apilables, sen necesidade do pau de palleiro. Xa non se encende o lume con palla, xa non se útiliza no estrume, a cama de toxos e palla para o gando, os mozos, xa non viaxan na noite, a pé , de aldea a aldea, para visita-las mozas, con varios fachóns para alumear o camiño e protexerse do lobo. A gran viaxe da modernidade, para ben ou para mal, según se vexa, acadou co pau de palleiro en mans das autoridades municipais. Así, o Concello, para poder facer a festa dos fachón, encarga a unha familia de Quintela que sembre a palla, para poder contar con un bó palleiro pro San Sebastían. O día da festa dende o adro da airexa, vanse facendo fachón pequenos, case todos iguais, que acompañan un gran fachón central que fan empregados municipais. Todo isto acompañado de viño, de mencía e chourizos, en abundancia.

No alambique da memoria, lembro, sendo un cativo, cando o bó do Xesus Baldonedo, o fillo do canteiro do cimadavila, que alugaba o maravilloso lameiro do condiño, espazo da maioría dos xogos da miña infancia, fixome un fachón que foi premiado, non lembro porqué, se cadra porque era o máis bonito, ou mellor feito, ou o máis grande... cada quen levaba o fachón que podía facer ca súa pericia e ca súa palla. A xente ía dende a súa casa ata o adro da airexa e dende alí facíase o recorrido polas rúas do cimadavila e volta ó lugar de inicio, completando unha sorte de circulo máxico de lume, polo entorno da vila vella.

martes, marzo 07, 2006

Unha boa nova en Nova York


"É unha Bilbiricha...", dixo o abo; Domingo Sotelo, en conferencia ca súa mai Matilde, que vive na Airexa, na parroqua de Mazaira, diste lado do transformador. Fai uns días naceu, na cidade de Nova York , Ana Belen. Os pais da cativa, Deby Sotelo e Scott, casaron o once de setembro, do ano pasado, e ata NY viaxaron, daquela, moitos Bilbirichos, incluida a Matilde. Domingo leva dende os 70 na cidade dos rañaceos pero na súa cabeza bulenlle os olores, as coores, os soons, as xeiras e os ecos da infancia.

Noraboa por ista neoyorquina, que ben seguro virá moitas veces por Caldelas, para pasear pola serra, polas corguiñas, polas carreiras de Mazaira e as rúas do Castro, coma no seu día fixo a súa mai.

Bilbiricho é o apodo polo que é coñecida a familia da Matilde Sotelo dende fai máis de cinco xeracións, residindo na Airexa, onde se atopa a casa patrucia.

domingo, marzo 05, 2006

Antón cumpre catro anos


Fai uns días Antón cumpriu catro anos. Moitos colacaos, kiwis, macarrons e, sobor de todo, o leite da súa mama, fixeron o milagre; facer crecer iste cativiño que xa da uns saltos que asustan. O mociño xa vai tendo un pouquiño de conciencia social e cando escoita unha canción de Serrat "niño silvestre", que fala dun neno da rúa, dí que se atopa triste e que íl non quere estar soio, que quere estar ca súa mama, co seu papa e co seu bebe. O día da festa de cumpreanos, Antón soplou e soplou ata apagar as catro velas, tivo sorpresiñas e regaliños, coma o da súa abóa, que lle enviou unhas poesías e a súa amiga Helena e Lucía regalaronlle o fermoso debuxo que eiqui vemos.

viernes, marzo 03, 2006

Carambelos na ribeira


Cando vexo os carambelos sempre me lembro de cando íamos a matanza a Mazaira. Daquela nevaba moito e as carreiras estaban cheas de bulleiro. Para evita-lo bulleiro había que camiñar arrimado as casas, ca ameaza de que un afiado carambelo, dos que colgaban dos tellados de lousas, che viñera en riba da cachola. Camiñabas polas carreiras mirando cun ollo para o perigo do chan e co outro para o teito.

Neve, abundante, no Castro


Un amigo de Pontevedra, que andaba de investigación pola ribeira, enviome esta fermosa foto da praza do Prado. Dixome ".. ahí tes unha proba da pouca vida do teu pobo". "Nin unha persoa, nin un can, nin coche, nada de nada...soio neve, moita neve".
Que esperaba, iste mozo de Pontevedra, ver a xente de Caldelas facendo monecos de neve...?
A neve unifica todo, devolve o branco e negro a vida, moderando o protagonismo de todos os elementos que conforman este espacio. Senón fora pola cabina de teléfonica, como elemento da modernidade, a praza do prado podería pertencer a outro tempo.
Din que a xente foi en masa, iste fin de semana, a Mazaneda. Xa facía tempo que non nevaba tanto. Velaí unha posibilidade de riqueza para a zona, a través diste tipo de turismo, si a neve nos visitara máis amiudo.

miércoles, marzo 01, 2006

Busqueda de vida en Caldelas

Cando chamo a miña mai, que vive na vila medieval de Castro Caldelas, e lle pregunto polas novas, sempre resposta que non sabe de ningunha nova...todo é vello e alí non pasa nada...os poucos segundos dí...
"ah!, sí, teño unha nova, morreu fulanito...
-" ...antonte foi o seu enterro, había moita xente. Fulanito erache moi apreciado...!"

Penso, que en Caldelas, as novas que se están a producir non soio son as da xente que morre...?. Para comprobar isto, e ver si queda algo de vida, encetamos iste blog no que iremos investigando todo o que se move, con vistas a obter un número suficiente de probas que poidan axudarnos a demostra-la tesis plantexada.

Animo a todos os que lle interese a Terra de Caldelas, e as súas conexións co mundo global, a participar eiqui, vertendo a súas opinións, de maneira, que entre uns e outros podamos divertirnos falando do que poida interesar.

O nome do Blog "Máis alá do transformador" xa o explicarei máis adiante.