domingo, diciembre 30, 2007

(2) Antonio Caneda, a dignidade recuperada


Houbo un tempo no que te podían matar ata dúas veces. Unha arrancándoche a vida e outra negándoche a posibilidade de ser lembrado pola túa familia e os teus seres queridos. Esto foi o que lle pasou a Antonio Caneda, mestre da República. Primeiro arrebatáronlle a vida nun lugar de Irixo e logo o medo fixo que silenciaran a súa existencia.

Onte celebrouse unha homeaxe a este mestre fusilado organizada pola familia e diversas institucións, entre elas o Concello de San Xoán de Río, a Xunta de Galicia, a Delegación do Governo e a Facultade de Ciencias da Educación de Vigo. Unhas duascentas persoas, entre amigos, veciños e familiares arrouparon a emotiva lembranza deste primo do meu abó, víctima dos desvarios da razón humán. Ana Caneda, sobriña, lembrou como xa de maior atopou o diploma de mestre do seu tío Antonio e, logo de facer algunhas preguntas, soupo que a súa mai tivera un irmán. Maximino, alumno de Antonio en Medos, deu testemuña da súa labor como mestre e como persoa boa e comprometida cos seus alumnos. E tamén do seu encontro co mestre en Ourense, cando xa estaba detido, poucos días antes de ser paseado.

A lembranza deste mestre é un mais dos actos que se están a promover logo da aprobación da Ley da Memoria Histórica. Houbo moitas intervencións, Suárez Canal, Conselleiro do medio rural dixo que “…con actos como istes facemos país, facemos memoria, xeramos valores, pero sobre todo estamos contribuindo a cimentar a racionaliade, a forza da razón e que acontecementos como o do 1936 non se permitan no futuro…”

Despois de 70 anos, recupera en parte a vida Antonio Caneda, polo menos no que atinxe ao honor e dignidade da súa memoria. Noraboa a todos os que o promoveron: a familia, os amigos e ao Concello de San Xoán de Rio e o seu alcalde, Dario, por colaborar na reivindicación da memoria e pola súa valentía ao axudar nesta fermosa iniciativa de porlle o nome de Antonio Caneda á escola pública de San Xoán de Rio.

viernes, diciembre 28, 2007

“O Rimbas”



O día está frio e o “Rimbas” de Aguil torea o inverno atizandolle a súa “Bilbaina”.

Os vales de Cristosende


O inverno enseña os soutos espidos da Ribeira Sacra.

Mr. Grii, Fernández e Margarita


Istes días non paran de nacer añiños. A cousa empezou ca idea de limpa-las fincas e agora a gandería non para de medrar. Antón bautizou os añiños co nome de Mr. Grii e Fernández e a mai decidiu charmarlle Margarita.

As fotos da emigración


Esta foto, do 1966, da Concha de Bustelos, aparentemente simple, sen ningunha intencionalidade artística non era unha foto calquera. A maioría das fotos que facía Xoán Bautista Sotelo Blanco, nos sesenta, eran por necesidade: a foto da familia numerosa, as fotos para os diferentes documentos oficiais, ou para alimentar a lembranza dos que emigraron para mellorar a súa situación económica. Concha cumprira once anos e a foto facíase para enviar a súa mai que se atopaba traballando en Alemania. Esta foto ten a virtude de lembrarnos o noso duro pasado como emigrantes polo que non nos é dificil entender as razóns dos que agora nos visitan por causas diferentes ás do turismo.

jueves, diciembre 27, 2007

(1) Homeaxe a Antonio Caneda, un mestre paseado.


No ano 1937 Antonio Caneda (1906-1937), de Medos, mestre, como tantas outras víctimas dese tempo, foi paseado polos que se levantaron contra o goberno legal e democrátivo da última republica. Con 31 anos foille roubada a vida por aquiles que impuseron unha nova orde: a das pistolas. Logo de tantos anos, dentro dos necesarios actos de reivindicación da memoria histórica, a familia e os amigos organizan o próximo sábado, día 29, ás 12,30h, unha homeaxe no recinto escolar de Sant Xoán de Río. Alí estaremos para saber un pouco máis daquel tempo, a través deste mestre que pertencía a familia do meu abó Antonio Sotelo Caneda.

Biografía sobre Claudio Movilla


Coincidindo co novo homeaxe en caldelas, sae do prelo o libro da editorial Ir Indo “Claudio Movilla, un xuiz na sociedade civil”, no que Perfecto Andrés vai construindo a biografía deste caldelao, membro fundador de xuices para democracía, que ocupou postos de moita responsabilidade no eido da xusticia. O libro vai facendo un retrato da vida de Claudio, con moitas fotos que ilustran o libro, dende a súa infancia no Castro, os seus estudos, a súa familia… ata súa actividade profesional, a súa participación na democratización da xustiza, os seus artigos, a entrada no Supremo e os seus últimos anos en Santander. Sen dubeda, unha oportunidade para saber máis da pegada deste interesante caldelao.

martes, diciembre 25, 2007

O mar da Ribeira Sacra


Onte pola maña, á hora de ir a mercar o pan, a obrigada mirada ao val sorprendeume con ista imaxe ireal que ben podería ser de unha das moitas rías da nosa costa. Os primeiros raios de sol da mañá agariman a Teixeira convertida nunha illa.

Homeaxe a tres xuristas caldelaos


Non entendo moi ben a razón da homeaxe conxunta a tres xuristas caldelaos, ainda menos porqué a uns lles toca adiante e a outros atrás. Non dubido dos seus méritos, que os teñen. Os tres foron homes importantes dentro do eido da xustiza, e con logros salientabeis no eido da literatura, no caso de Manolo Casado Nieto.

Lembro, sendo eu un mociño, a Casado Nieto no antigo Comercio Novo, paseando diante do mostrador, mentres refunfuñaba, axitando os seus longos brazos, polo intento da Airexa de facerse co espazo veciño ao adro, onde hoxe está o “microparque infantil”. Daquela Manolo Casado e Claudio Movilla axudaron ao Concello a que non prosperara esta toma de posesión. A pedra de tres lados, cas faces dos homeaxeados, situada á entrada deste antigo espazo reivindicado pola eirexa entón podería ser un agradecemento do Concello polos servizos prestados antaño. Non sei como quedou a cousa, se houbo pleito, quen gañou… espero que me axudedes a matizar e ampliar esta entrada.

domingo, diciembre 02, 2007

Esquire, terceiro numero


No terceiro número da revista "Esquire", Javier Barden vai desta guisa. O tipo que xerou a súa imaxe de home bruto e ancestral na peli de Bigas Luna, "Jamón, Jamón" e defedía a súa moza a xamonazos, cambia de look. O contraste entre a imaxe que temos deste gran actor e a representación que fai para esta revista está facendo que ninguén se poida perder este número. O cadelo non puido resistir esta portada e quitoulle un anaco. Ademáis, ollo, Charo Canal entrevista ó arquitecto portugués Álvaro Siza.

viernes, noviembre 23, 2007

Fernando Fernán-Gómez, un cómico

O mestre apedreado en “A Lingua das Bolvoretas”, un dos seus grandes papeis, xa soio resta na memoria das súas mellores representacións, que non son poucas. In memoriam.

domingo, noviembre 18, 2007

Presentación na Libraría Couceiro


O pasado sábado, día 10 de outubro, Álvaro Siza e Manel Somoza achegaronse ata Santiago para a presentación da primeira publicación da editorial verlibros. Alí, na emblemática libraría da rúa Cervantes, con bastante público, os dous arquitecto continuaron a conversa. Pola tarde, ante un auditorio de 1500 arquitectos, Siza explicou, dende os primeiros “embrións” ata as fotos do final da obra, o nacemento dun museo en Porto Alegre, Brasil.

sábado, noviembre 17, 2007

A fotografía según María X. Castro



Un extraordinario ángulo mostra un dos cláustros do Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil. Con esta foto recibe María ós que se asomen a súa fiestra. A foto salienta moi ben a idea de ese espacio interior cheo de luz, onde os monxes, que se retiraban a estas terras de viño e castañas, buscaban, entre outras cousas, o cultivo do espíritu. Coma no interior do mosteiro, esta páxina garda interesantes e fermosos tesouros no seu interior.

Esta caldelá, da Praza do Prado, amosa un bó ollo para captar a luz de Siza, no CGAC, o misterio dun Souto, o movemento e a beleza dunha modelo nunha pasarela, o dramatismo da paixase dos caños do Sil, a minuciosidade dunha gota de auga nunha folla ou a intimidade do retrato dos seus pais, antes dunha xornada no seu restaurante. Parabéns.

miércoles, octubre 24, 2007

Madrid-Coruña, a tenda do Babe


Unha das referencias dos caldelaos en A Coruña era a tenda "Madrid-Coruña" do Babe. A famosa tenda situada entre o Cantón Pequeno e a Avenida da Mariña era visitada polas excursións de nenos do Castro, que se achegaban ata a capital. Era sonada a xenerosiade do Babe a hora de repartir lambetadas cos cativos. Fai uns días pasei por alí e, tal como mostra a imaxe, os novos tempos non lle deixaron espazo a antiga tenda de ultramarinos.

sábado, octubre 06, 2007

Castro Caldelas, sede de verlibros editorial



Unha pequena editorial en lingua galega empeza a andar. Quere especializarse na publicación de libros de arquitectura, fotografía, deseño, arte, viaxes e ensaio. Nace en Castro Caldelas, alí onde se atopa unha parte importante do noso vínculo con Galicia. Foi constituida antes do verán e agora, nestes días do outono, chega as librerias o primeiro libro.

Detrás deste proxecto está un pequeno grupo de profesionais, de diferentes eidos, nos que coincide o desexo de axudar no proceso de normalización da lingua e da cultura galega, e entre os que nos atopamos Charo e máis eu, que temos a responsabilidade de dirixilo. Logo de anos de maduración do proxecto, botamos a andar esta iniciativa cultural en Galicia. Para mín, o mundo da edición non me resulta alleo, pois puden ver nacer e dende novo colaborei co meu tio Olegario e tamén coa miña irmá Fabiola no seu proxecto editorial. Moi activamente, alá na metade dos oitenta en Sotelo Blanco, cando a editorial iniciaba o seu camiño en Santiago. E logo, na primeira mitade dos noventa, xa en Barcelona, en Ronsel. A pegada deses anos foi profunda…o exemplo de Olegario, a súa forza e valentía, a toma de conciencia da identidade galega, da necesidade de axudar na normalización da lingua e cultura galega, de traballar por unha idea de Galicia, pasou a ser un obxetivo polo que loitar e ao que adicar unha parte da nosa enerxía. Para mín, verlibros é un recuncho mais de “Máis ala do transformador”. Para Charo, que leva vinte anos adicada ao periodismo e á comunicación cultural, que colaborou con editoriais como Círculo del arte e que traballa no mundo dos museos, é unha extensión do seu traballo. Así que o noso é un proxecto pequeno pero grande en ambicións.



O primeiro libro que sae do prelo é un libro de arquitectura, “Álvaro Siza, conversas no obradoiro”, de Manel Somoza. Neste libro, que conta con 33 debuxos de Siza e un limiar do historiador da arte Tomàs Llorens, o arquitecto galego Manel Somoza, colaborador de Siza desde hai vinte anos, tece unhas conversas nas que o maestro portugués fía temas como as moitas dificultades que arrodean a creación de arquitectura de calidad, a intervención do home no territorio, como nacen as primeiras ideas e os proxectos, fala das súas teimas, influencias e paixóns… Contamos con que esta vindeira semana estará xa nas librerías. É un libro no que levamos traballado moitos meses, fixemos as primerias lecturas na nosa casa do Castro e este verán traballamos, aproveitando a nosa estancia no pobo, correxindo galeradas, deseñando o libro, a páxina web (www.verlibros.es), preparando futuros proxectos, así como a imaxe desta nova empresa.

Pronto chegarán outros libros de fotografía, de viaxes, arquitectura e arte, nos que andamos a traballar. Este é un vieiro que vamos a percorrer lentamente, artesanalmente, para poder degustar o sabor das cousas pequenas e ben feitas.

A través da nosa páxina e do blog que agora encetamos iremos dando conta das xeografías que se tracen nesta aventura.

domingo, septiembre 30, 2007

Embaixada galega en Bos Aires


Mª Xosé Porteiro ven de ser nomeada delegada da Xunta en Bos Aires. A quinta provincia galega terá unha "embaixadora" galega con competencias no eido das relacións comerciais, sociais, económicas e culturais. Por fin unha voz única en Bós Aires. Parabéns. Vieiros publica unha entrevista na que Porteiro fala do seu encargo.
Foto de Vieiros

miércoles, septiembre 26, 2007

Tempo de vendimas


Dín que iste ano a froita é escasa. Poucas uvas.
Pouco viño, ao mellor é de máis calidade.

martes, septiembre 25, 2007

O bosque desanimado

Algunhas ideas sobre o bosque. O bosque desanimado, da serie: As cores do mar de Galicia.
Un documental de Pablo García, feito no 2002.

lunes, septiembre 24, 2007

Memoria

domingo, septiembre 23, 2007

A sala NASA cumpre 15 anos

A sala NASA de Santiago cumpre 15 anos e os seus promotores fan unha festa na que botan a casa pola fiestra. Vieiros faille unha entrevista a Miguel de Lira, un dos pilotos desta factoría: “…As administracións víannos como xente perigosa” e a ela me remito.

Fai un tempo, Carlos Blanco e Miguel de Lira, cando andaban facendo unha curtametraxe entre os piñeiros do parque de Collserola, invitámolos a comer a nosa casa e, a altura do segundo prato, caimos na conta de que Miguel fora compañeiro meu nos primeiros cursos de dereito en Santiago. Daquelo facía uns vinte anos, finais dos oitenta, cando a na facultade de dereito as clases eran de trescentos alumnos. Miguel tiña memoria de case todo… moito rimos lembrando as ocurrencias do “Margarito”, o disparatado profesor de historia do dereito. Parabéns para iste semilleiro que tan bós froitos leva dado e que a Nasa siga descubrindo moitos planetas.

sábado, septiembre 22, 2007

A xunta pon 260.000€ para as ruas do casco historico.


A consellería de Política Territorial ven de otorgar unha subvención para arranxa-las rúas do casco histórico de Castro Caldelas.

Ourense, unha cidade de cine

A capital ourensá convertiuse nunha cidade de cine. A adaptación da obra de Alberto Méndez, "Los girasoles ciegos", publicada pola editorial Anagrama, na que traballa a caldelá Paula Canal, xa empezou a rodaxe. Istes día é habitual ver polas rúas do casco histórico de ourense a José Luis Cuerda, Maribel Verdú ou a Martiño Rivas, o fillo de Manolo Rivas.


imaxes e información de video google/La Región

viernes, septiembre 21, 2007

(I) Viaxe a Paredes, historia dun colchon


Alá á tardiña, entre o lusco e fusco, Pepe Baldonedo estaba a cargar no seu vello Clio uns colchóns. O Baldonedo comprometérase a entregar dous colchóns e un somier, que vendera ese día, ao remata-la xornada. No canellón ao que da “O Comercio Novo”, Pepe acomodaba a mercancía no teito do coche.

—Para onde vas, Pepe…?
—Vou perto de Montederramo a levar istes colchóns.
—Bótoche unha man, vou contigo!

O Comercio Novo é unha tenda fundada a principios do século pasado, ainda que fai un pouco máis dunha ducía de anos atopábase nos baixos da casa que agora ocupa o Banco Pastor, cando era propiedad da familia Casado. Vende colchóns de muelles dende que a xente deixou de dormir nos de lá ou entre as pallas.

Pepe pasoulle unha cordiña aos colchóns que se atopaban no teito, logo meteuna polas fiestras de atrás e tirou ata tensala ben. Nótase que ten atado moitos colchóns. A forma de facelo é moi parecida a como se ataba a herba ou a palla nos antigos carros de vacas. Xa estábamos preparados para sair cando apareceu o tio Domingo, acababa de chegar de Nova York e viña saudar a familia.
Eu pensei que se acaba de chegar dende Nova York, ben seguro que querería seguir viaxando.

—Domingo, vente con nós ata Montederramo que vamos mercar un boi…
—Qué…?
—Que hai que axudarlle ao Pepe a levar uns colchóns.
—Vamos, monta diante, hai que respetar aos maiores.

Para poder abri-la porta de atrás do Clio, Pepe tivo que desata-los colchóns, entrei e logo íl, dende fora, voltou a pasar a cordiña ata apretalos ben.

O coche colleu pola carretera das Laguiñas e enfiou cara arriba. Vou por eiquí por que é máis curto iste camiño e gústame máis. O Domingo ía falando co Pepe da maneira de atar os colchóns no alto do teito, xa levaban un ratiño… que si é mellor asi, que si é mellor da outra maneira…
Pasado San Martiño, decidín intervir e dixenlles,
—Tamén hai un cousa que se chama vaca e non ten cornos…!
—É verdade, … risas…

Perto de Pesqueiras o Domingo sorprendido pola vexetación dixo:
Hai oh!, que verdes están os lameiros. Nótase que iste ano choveu moito. Máis esta zona ten moitos regatiños. É unha zona moi rica. Mira que herva máis verde e abundante. Mira cantas vacas. Ahí hai un bo gando.

O longo do noso camiño, polo lado esquerdo da ventanilla, vamos vendo os moliños de vento. A busqueda de enerxías limpas fixo que se apostara por potencialos moliños que agora son como un enorme bosque branco de dexeño que mudou a paixase destas aldeas.

—É unha boa renda para as aldeas, dice o Pepe.

Tocando Laza, nun lameiro vimos uns fermosos bois. Laza ten fama de boa cria de bois. Agora lévanos para Euskadi, para os concursos de arrastrar pedras.

—Os de Laza traían moi boas caballerías ás feiras. Eran gandeiros ricos.

—Están moi lonxe, nestas montañas, necesitaban boas caballerías para andar os camiños.

—Bueno Domingo, e que vas facer iste verán na casa do Castro…?

—Teño que facer algo, a muller quere cambiar a escada. Quere construila noutro lado. Quere tirar varias paredes e modificar algunha fiestra. Anda con esa teima. Un fulano de Barcelona, que entende bastante, deunos unhas ideas bastante boas.

—E non cres que sería mellor contar co axesoramente dun arquitecto?.

__Non, non creo que sexa necesario.

—Pero Domingo, situar unha escada nunha casa, logo de ter unha que está mal situada, non é cousa fácil.

—Eu contaría con un arquitecto…

—Bueno teño que falar ca miña señora!

Pasamos Sas do Monte e ao pouco chegamos a Paredes, que se atopa no Concello de Montederramo, zona de influencia da antiga Caldelas. É normal que a xente destas parroquias merque no Castro ainda que está a uns 35km.

O pepe sacou do peto un trozo de papel no que estaba anotado o nome do pobo e dos clientes ….

Desengaño



Non, non todo é abandono e desidia na nosa vila… (fontes sen cuidar, verquido de augas residuais sen control, patrimonio sen tutela, parques nas beiras dos bosques, usos incompatibles, mobilidade sen control… hai que desenganarse, o concello está arranxando as rúas do Cimadavila e para que se note empezou pola rúa do desengaño. Para cando as rúas en galego...?. Non está mal, alí fumos e nese estado andamos. Pisamos o novo empedrado da rúa do mesmo nome e por momentos ilusionamonos ca idea de que as cousas poden revirar. Parabéns pola obra.

martes, septiembre 18, 2007

Xaime Isla, a vida dun galeguista


Unha interesante entrevista da serie "Historias de vida" de Xan Leira, publicada na páxina do Consello da Cultura Galega, a un dos fundadores da editorial Galaxia.

domingo, septiembre 16, 2007

Esquire, crónica dun nacemento

Madrid, Gran vía, catorce de setembro, vernes noite, Hotel das letras. Encima do cabezal da cama, na parede, un fragmento dunha obra de Albert Camus, na que se dice dun persoaxe que soio ama de verdade o que non elixiu –a súa mai e o seu fillo-. Frente a dura visión da vida de Camus, salgo á rúa en busca de alguén que me poida axudar a poñer a corbata. Deteño a unha parella, con pinta de xubilados, e pidolles o favor. O home mira aos lados, para ver se se trata dunha broma e hai unha cámara gravando, confíase e lanza as mans ao meu pescozo, sen perder a compostura.
—Que tipo de nudo queres…?
—Non sabería decirlle, na miña vida puxen unha corbata…!
—Onde vas?
—A embaixada americana!
—Entón irache moi ben o nudo Wilson, dí él moi seguro.
—Vale, paréceme ben.

A súa muller rí..., miroa e díme…”está moi acostumado a facerlle o nudo os seus fillos”.

Un taxi lévanos polo centro desta vila que nos últimos dez anos alcanzou dimensións de gran urbe. As luceciñas que pasan a carón da miña fiestra fanme lembrar unha noite, á saída do cine Bilbao. Unha gran nevada e Charo máis eu na nosa vespa voltando para a casa mentres os copos ían blanqueando a gran vila. Penso no gran esforzo e valentía de Andrés e Carlos Rodríguez e o seu equipo de redactores, diseñadores e fotógrafos para sacar adiante iste proxecto que é unha aventura con triple salto mortal e sen rede, por ir soios, sen un gran grupo de comunicación que poña cartos e medios. Eles soios, cos cartos do seu peto e con moita experiencia, profesionalidade e valentía lanzáronse a ela porque, como dice Andrés, “…é un soño que se non o poñíamos en marcha quitábanos o sono, e agora que o temos marcha non nos deixa dormir…”

Unha gran alfombra vermella levounos ata a residencia do embaixador dos EEUU en Madrid. Moita seguridade e protocolo, saúdo ao embaixador e a súa dona. Cámaras, moitas cámaras, flashes, xente coñecida, dos medios, da sociedade madrileña, pasean as súas elegancias polos salóns e xardíns.
— un pouquiño de cava, por favor…!
—Cava, non, champán…!, contesta un camareiro.
—Vale, vale, champán entón.
A muller do embaixador, un cubano marielito adoptado en Texas, non saca os “ferrero” pero hai bós alimentos, boas bebidas, a xente de Hearts —nos que Orson Welles se inspirarou para “Ciudadano Kane”— e moito Smoking e traxes largos…xa temos a revista nas nosas mans, ainda que non estará nos quioscos ata o xoves. Fermosa… a máis digna das do papel cuché. Wody Allen en Portada, toda unha declaración de intencións, nin mozas espidas, nin mozos guapos, nen cores. Ironía en branco e nego, interesantes contidos no interior, moito estilo, un deseño moi coidado… o resultado de moitos meses de traballo.

viernes, septiembre 14, 2007

Xa coñecemos a portada

Esquire nace coroando a Wody Allen. Esta noite, na embaixada americana de Madrid, asistiremos a súa presentación.

sábado, septiembre 08, 2007

Boda en Mazaira

Castro Caldelas, as festas, o irrio e os cabezudos


Dende a nosa casa da Rúa Jose Antonio, antes Rúa Progreso, escomenzaba a escoitarse a banda de Alongos e os foguetes. Non pudéramos ir a recibi-la A Pena, pero ainda podíamos incorporarnos a altura do “Trespés”. O meu pai andaba fora facendo fotos a quen quixera retratarse. A miña mai estaba emocianada pola chegada da banda. Para ela, o paso dos anos, marcábaos a entrada da banda pola estrada de Ourense. Un arrepió subíalle por todo o corpo; era a consciencia de estar viva. Saímos a estrada, o Sr. Abelino, dos últramarinos estaba cun pito na boca e cas mans nos petos, un pequeño sorriso na súa face mirando para os de Alongos que son como da familia, logo de tantos anos vindo á vila. Moita xente acompañaba a banda que continuou ata a airexa.


Onte foi o día sete de setembro e a festa pilloume lonxe. Contaronme a chegada da banda e, xogando co tempo, imaxineu a súa entrada a finais dos sesenta cando o meu pai fixo a foto do irrio e dos cabezudos, mentres eu os miro por detrás imaxinando quen se agocha dentro desas enormes cabezas. Polo que se ve manteño a distancia suficiente por medo as súas cañas. O irrio, con pito quixo fotogrfiarse ca cámara Zeis Ikon ca que meu pai empezou a fotografiar.

Pensámos en ir as festas pero o forte ruido e a dexeneración na que rematou a posta en escea da modernidade, (exceso de tombolas, forte ruido dos coches eléctricos..., desorden…etc), fixo que non contara ca maioría suficiente para tal iniciativa e eso que, iste ano, o tempo prometía. Espero que ista imaxen poida axudar a facer moitas recreacións da festa dos Remedios, según cada quen a viviu, máis alá ou máis aca do transformador. Boas Festas.

Foto de Xoán Bautista Sotelo Blanco (Castro Caldelas 1968)

Adega Vella, un novo mencía na Abeleda

Un exemplo máis do milagre que se está a producir nas nosas ribeiras é aparición dunha nova marca de viño "Adega vella". da man de Jorge Feijoo. Nas súas catro hectareas de viñedos, distribuidos en bancais, cultiva as variedades de uva mencia, brecellao e mouratón. Moito traballo, tesón, paciencia e mimo deron os seus froitos que o parecer chámase "Summum". Parabens por iste nova iniciativa nas nosas ribeiras.

A nova versión dixital da revista "Ribeira Sacra", dirixida por Jesus Losada fai unha achega a esta nova adega e publica unha interesante entrevista a Jorge Feijoo, no seu número 40 de setembro.
Para pedidos contactar co Teléfono 606807897/660047602 ou no correo adegavella@terra.es

jueves, septiembre 06, 2007

A revista “Esquire” sairá a rúa a mediados de setembro



Onte, ao ver a nova no “xornal.com” sobre a saida en castelán da mítica revista de Nova York “Esquire”, editada polo xornalista Andrés Rodríguez, lembrei que axiña tiña que escribir sobre a visita de Andrés, a súa dona Paloma e os cativos ao Castro, a principios de agosto. Alí, no Castro, debaixo dos plataneiros que arodean a terraza da nosa casa, abaneados por un lixeiro vento da Ribeira Sacra, houbo unha interesante achega e intercambio de experiencias de xornalistas, presentes uns e outros amigos asuntes, dos que se falou moito e ben.

En 1989, cando vivíamos en Madrid, Charo entrou a traballar no xornal "El Sol". Directores como José Antonio Martinez Soler e Miguel Angel Aguilar pilotaron esta iniciativa que soio durou tres anos. Ao antigo dono de Anaya saíralle ben a venda das súas accións en Tele 5 e decidiu seguir xogando e aposta-las plusvalías nun xornal, para non ser menos co seu competidor de Santillana. “El Sol” facíase nun ordenador de Apple e or xornalistas escribían na propia maqueta, en pantalla. Iso daquela era toda unha revolución tecnolóxica. Cando se plantexou o peche, os traballadores seguiron sacando o xornal ás rúas, durante o tempo que tardaron en negocia-las indemnizacións. O negarse a distribuilo a empresa, os xornalistas saíron a distribuilo eles mesmos por Madrid. Eu rematara dereito na Complutense e o último lugar onde me vía era exercendo como avogado, sobrábame o tempo e a curiosidade polo periodismo e polo momento que estábamos a vivir levoume a meter o fuciño ata axudar a repartir os xornais. Daquela emocionante aventura quedan amigos como Andrés Rodríguez, Juan Varela e logo sumáronse Salomé García e agora Paloma Leyra.



Andrés, o home que pilotou a edición en castelán da revista de música “Rolling Stones”, entre outros moitos proxectos, contounos a súa nova teima, logo de abandoar ao “Grupo Prisa”, de sacar “Esquire”, con contidos propios. Paloma Leira falounos das entrevistas que fai para a contraportada da “Gaceta de los Negocios” e da súa última entrevista con Miquel Barceló para a revista “Elle”. Falamos das dificultades de facer nacer un medio, dos riscos que hai que asumir cando te convertes en editor, da valentía, da vocación que hai que porlle a ises embrions para que cheguen a madurar e consolidarse, todo isto dentro de unha profesión que está en continua transformación pola velocidade coa que mudan as novas tecnoloxías e que obriga a redefinir a función mesma da prensa escrita.

Na comida falamos do novo proxecto de Juan Varela, a edición dixital do “ADN”. Daquela non sabíamos que Salome estaba a piques de ser contratada polo
novo xornal el “El Público”, como xefa de información. Un novo proxecto que saíra nunhas semáns, lanzado pola potente productora catalana Mediapro, que anda en liortas polos dereitos do fútbol con empresas da orbita do Grupo Prisa.

Outra amiga periodista, Paloma Ortega, que ten visitado o Castro, andaba tamén en San Vicente do Mar. Ë unha pioneira do periodismo dixital e pilota, dende fai anos o Canal Solidario.

“Esquire” presentase en setembro en Madrid na embaixada americana e da súa presentación, si aparecen os “ferrero”, daremos boa conta desta nova, da presentación e dos contidos do primeiro número da revista. Parabéns para istes amigos nesta costosa e dificil andaina indepente.

viernes, agosto 31, 2007

As fronteiras da lingua

O necesario debate sobre a lingua e a súa evolución. A relación co Portugués. Acompaño un pequeno documental atopado en You tube no que opinan, entre outros, destacados membros da Real Academia Galega.

miércoles, agosto 29, 2007

O Ourense de Cuerda chega ao New York Times


A miña prima de Nova York infórmame de que o Galileo chegou a cidade dos rañaceos. Entro na páxina do New York Times e sorprendeme unha interesante reportaxe sobre os diferentes recunchos, pobos, monumentos e restaurantes aos que a xornalista chega da mán do director de cine Jose Luis Cuerda, afincado perto do Carballiño logo de rodar a “Lingua das bolboretas”, basada no libro de contos de Manuel Rivas.

Cuerda descubriu os segredos das nosas terras cando rodaba en Allariz, instalouse nelas e produce, dicen, un excelente blanco do ribeiro que se chama “San Clodio”.

Según os xornais o director de “El Bosque animado” xa empezou a rodaxe en Ourense da versión para o cine do libro “Los Girasoles Ciegos” e parece que a película vai ser filmada, entre outros lugares da provincia, en Montederramo.

martes, agosto 28, 2007

Enrique Nicanor, novo director do Festival internacional de cine Independente


Iste é o novo nome do Festival de cine de Ourense. Os novos aires no Concello de Ourense trouxeron como resultado o nomeamento como director deste caldelao de Sás de Penelas, pai de María Nicanor. No pais.com hai unha nova na que Enrique manifesta que "Un festival debe ser una herramienta a disposición de la cultura, no una fiesta” e que o audiovisual "es la auténtica industria estratégica porque es la imagen de un pueblo y la proyección de nuestra cultura.” Enrique é un gran profesional, con moita experiencia e premios no eido do audivisual. Os seus mensaxes e xestos tran alento e esperanza para a industria audiovisual galega. Benseguro que traballará para que o festival convértase na plataforma do audiovisual galego e, eso non é pouca cousa. Sinto non coñecer a obra de Enrique Nicanor. Sei que fixo varios documentais na zona de Caldelas: un sobre “Os trabazos” e outro sobre os limeses, os homes que ían a segar o pan a castela…espero que alguén nós poida achegar algunha información máis das súas obras.


Cambiando de rego; non dubido das boas intencións do novo tenente alcalde do BNG, Álex Sanchez Vidal, pero cando andaba na busca de información sobre Enrique Nicanor atopeime ca seguinte manifestación ao pais.com “apostaremos por la industria escapando del aldeanismo del pasado”…, Moi ben…por ahí vamos ben… ten algún problema Sanchez Vidal cos da aldea. Non sei de onde ven o Sr. tenientealcalde, pero que non esqueza que a maior parte dos cidadans que goberna veñen das aldeas ainda que o agachen…

domingo, agosto 26, 2007

Vietnam, atrapando formas


Viaxar, mirar, ver, atrapar a beleza, os contrastes, as formas diferentes do impacto do home na natureza. Iso é o que Carlos Vázquez fai coa súa cámara dixital. Onte voltaron Ruth e Carlos desta viaxe ao outro lado do planeta. A través de fermosas e interesantes fotos mostráronos os signos e manifestacións dunha cultura que se atopa moi lonxe, pero que nos atrae con moita forza.


Añado unha nota que me envía Carlos Vazquez sobre a maneira que algúns Vietnamitas elixen para ser enterrados:

"Na foto (feita dende o autobús) podese ver unha tumba que fica no medio dun arrozal. É moi frecuente ver istas tumbas no medio dos campos de arroz, o motivo é que ós campesiños querían, de mortos, descansar no mismo eido no que traballaran toda a vida. En Vietnam, ó goberno adxudica as xentes que viven no rural á explotación de unha porción de terra proporcional ó número de membros da familia. De ista forma teñen un medio de subsistencia, xa que ademais de ter arroz, (fundamental na dieta) poden vender ó que non consumen as cooperativas que ó comercializan. Actualmente está prohibido iste tipo de enterramentos, por motivos de sanidade. Ó noso guía estaba de acordo connosco en que, polo contrario, iste tipo de enterramentos contribúe a mellorar a calidade do producto.
Fora bromas, semella que o amor á propia terra é o mesmo en todolos sitios. E (por suposto) non hay unha terra millor que outras, simplemente a mellor e a que se leva no propio peito."

viernes, agosto 24, 2007

Pepita Sotelo, unha nova mocidade aos 65 anos


Onte, Antón preguntoume como se facían as películas. Eu resposteille que cortando e pegando. Cortando e pegando cachiños de imaxes. Algo parecido ao que facía a aboa Pepita cando era nova e era costureira. Reciclaba a roupa… dunha sotana, de boa tela, facíalle unhas faldas á Ana e á Luz… dun abrigo grande e roto saían unhos abriguiños para os cativos. Antón dixo:
—“entón a aboa era como un mago”.
—Algo así…!
Na fronteira dos 20 casou co Xoán Bautista, que levaba cinco anos de fotógrafo polos pobos e aldeas. Apañou moitos cubos de auga dende a fonte vella ata a sua vivenda-obradoiro nunha casa alugada á Martina, detrás dos ultramarinos do Glorioso. Alí nacemos nós, nun espazo de perto de 30m2. O meu pai facía fotos nas festas ós mozos e mozas e, antes de que rematara ésta, o retratista xa estaba de volta coas fotos reveladas e preparadas para entregar e cobrar. Sí, daquela eso era maxia e a Pepita era a axudante do mago. Na metade dos sesenta lanzouse aos fogós dunha cociña e a maxía do restaurante atrapouna perto de 35 anos. Hoxe cumpre 65 anos e para todos nós é un exemplo de vitalidade e optimismo. Ela asegura que está a vivir unha segunda mocidade. O segredo está na maxia que cada un lle pon á vida. ¡Parabéns!

miércoles, agosto 22, 2007

“ Para Vigo me voy…”

En xullo non puden adicarlle unha entrada ao pasamento de Ingmar Berman. Tampouco puden falar da rodaxe de unha película de Woody Allen en Barcelona. Son dous directores que me teñen feito pasar bos momentos cas súas películas e dos que quería falar en máis alá do transformador.

Hoxe leo en “El País” unha disparatado artigo de Woody Allen sobre iste excelente director sueco e paréceme unha boa oportunidade para xunguilos neste espazo, nun día tormentoso e cheo de auga, máis ala do transformador, entre piñeiros. Unha paisaxe que se mimetiza nunha fraga galega.

O cine de Berman teimaba sobre as grandes preocupacións do ser human… a mortalidade, o amor, o arte, o silencio de Deus, as crisis matrimoniais…a incapacidade para comunicarse das persoas… Dí Woody Allen: “yo creo que, más que vivir en el corazón y la mente del público, prefiriría seguir viviendo en mi apartamento”. Referindose a Berman…” …estoy seguro que le habría encantado cambiar cada uno de sus filmes por un año más de vida”, de esta forma podría seguir disfrutando de 60 años mas para seguir haciendo películas…”

En xullo Woody Allen estivo rodando por Barcelona. Cando ía rodar na coñecida fachada do Mnac, pediulle os responsables do museo que non o fixeran público, para evitar o exceso de curiosos. A nova peli vai dunha moza americana e pintora que se enamora de Gaudí e de Barden. A miña dona fixo o que pudo para atoparme un papeliño. Xa me vía eu a a pouca distancia de Scarlett Johansson e de Penélope. Parece que as miñas habilidades non lle convenceron o director de Manhattan e a cousa non foi a máis. Logo atopeino, nun Hotel do Paseo de Gracia, tocando ca súa banda de jazz “New Orleans”, sen estar previsto, e non foi posible controlar a emoción cando tocaron a conga “Para Vigo me voy”.

martes, agosto 21, 2007

Pablo Devigo, o mellor gaiteiro de Galicia


A través dun mensaxe, que agradezco, en “máisaladotransformador”, soupen que o fillo da Manolita e do Pepiño —o mecánico que está no lugar do Real da Pousa— era un recoñecido gaiteiro. Pablo ten 17 anos e pola información que poiden atopar en internet conta cos máis importantes premios no eido da gaita. Prometo non voltar a falar do fillo do Pepiño, senon máis ben do pai de Pablo.

Según “La Voz de Galicia” toca dende os 7 anos e o 17 de agosto, en Soutelo de Montes, en Forcarei, fixose co prestixioso premio “Avelino Cachafeiro”, que según os entendidos é o título oficioso do mellor gaiteiro de Galicia. O faro de Vigo.es recolle unha interesante retrato e entrevista con Pablo Devigo na que dí, entre outras cousas que: “ Avelino Cachafeiro é o referente. Sobre el recae a figura do virtuoso, a súa técnica e expresividade son totalmente actuais. Noutras nacións con gaita tamén existe esta figura, en Asturias pódese falar de Remis Ovalle, que tamen é a figura do virtuoso e ademais son máis ou menos coetáneos”.

Según me contan, Pablo Devigo foi herdeiro dalgún segredo do Sr. Luis Amaro, o coñecido membro dos primeiros “Trabazos”, formou parte da banda de Castro Caldelas “Os Trabazos” e tamén da “Real Banda de Gaitas de Ourense”.

Noraboa por tantos éxitos e agora xa sabemos que no mundo da gaita, a parte de Carlos Nuñez, Budiño, Susana Seivane e Cristina Pato está por dereito propio Pablo Devigo e, no futuro, seguiremos a súa carreira con moito interés e ilusión.

Teño moita curiosidade por saber máis da súa música e invito Pablo e os que o coñecen a que nos conten as súas andainas.
A foto de Pablo Devigo é do Faro de Vigo.

domingo, agosto 19, 2007

18 de agosto, feira en Caldelas, unha cita do pasado

Xa fai anos que a feira entrou en decadencia. O gando desapareceu e a súa función social e cultural foi mudando. A abundancia de coches fai que a xente das aldeas veña á vila cando ten necesidade, sen esperar ao día da feira, como antes acustumaban facer.

Habería que pensar ou repensar a feira: os seus usos, as súas actividades, e as súas posibilidades no eido dos tempos actuais. Paréceme que as vendedoras de froita e verduras da terra deberían ocupar un espazo destacado na praza, para que outros vendedores de productos da terra, se animaran a vir á feira. Pode que por eí se atopen novos vieiros para a economía caldelá.

jueves, agosto 16, 2007

A tuna no Castro


O Pontelouco chega iste sábado. Para os que esqueceron que foron xóvenes…Tamén había festivales no Castro na súa mocedade. Poñíanse loucos hai 40 anos os mozos e mozas con “clavelitos de mi corazón”? Difícil de imaxinar…mais baixo esas capas e esa apariencia tan relambida, eses tunos podían ser mais canallas que Sabina. E si os pais non son capaces de imaxinar o que fan os seus fillos nos momentos de diversión, tamén aos fillos costanos imaxinar o que podían facer os nosos pais. Para poñerse loucos!
No tempo desta foto, cando o mundo estaba xa na idade do vinilo e por eiquí ainda estabamos no da pedra e había para todos comunión dominical, algún guateque habería no Castro, ao ritmo de Elvis ou dos Beatles. Entón por Galicia sonaban os Tamara, e tamén Miro Casabella e Andrés Dobarro, e Juan Pardo e Amancio Prada…
Foto de Xoán Bautista Sotelo Blanco.

Siza, Serralves, Porto, a cidade do Douro.



Fai uns días voltamos de novo a Porto. Unha cidadade próxima a nós que se foi construindo nas ribeiras do rio Douro, nunha topografía moi complexa. Unha cidade dunha beleza que nos conmove pola intervención do home na paisaxe.
As súas pontes sobre o rio son moi fermosas. A ponte de Don Luis, cos tranvías cruzandoa, no plano alto, e os coches no plano baixo, lembranme ás imaxes da cidade na película de “Metrópolis”, tal como a imaxinou Fritz Lang. Das ribeiras do Douro, que gardan certa similitude coas da Ribeira Sacra, polos bancais, saían en barcos os pipotes co preciado viño de Porto que logo viaxaba a moitos lugares do mundo.

Nun gran parque, no centro desta cidade, atópase o Museo Serralves, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza, un “nobel” da arquitectura, que ten algunhas obras en Galicia (Museo de Arte Contemporaneo e Facultade de Periodismo de Santiago). Un arquitecto que sinte un gran respeto polo lugar onde interven e unha forte conciencia social. Na foto, un detalle dun patio situado na entrada do museo que mostra a beleza e sensibilidade deste portugués universal.