martes, diciembre 19, 2006

Lembranza de Xoan Manuel Casado



Fai uns días a miña irmá Fabiola faloume dun CD de Luar na Lubre "Hai un paraiso" que conta cun poema de Xoán Manuel Casado ó que lle puso música Miro Casabella. Un fermoso poema de Xoán Manuel Casado que tanto gustaba do Castro. Ainda non atopei o CD, pero a través da páxina de Luar na Lubre dín con íl. Parece que xa fora musicado en 1977 por Ramiro Casabella para un disco de Voces Ceibes "Tí Galicia". Miro Casabella, unha das voces deste grupo, foi un gran axitador das conciencias galegistas nos estertores do franquisco. Con esta edición dixital resgatase esta balada esquecida e de moi dificil localización e Sara Louraço e Rosa Cedrón poñenlle voz con tono de fado.

O meu país/ é verde e neboento
É saudoso e antergo,/ é unha terra e un chan.
O meu país/ labrego e mariñeiro
É un recuncho sin tempo/ que durme nugallán.

Q quece na lareira,/ alo na carballeira
Bota a rir.
E unha folla no vento/ alento e desalento,
O meu país.

O meu país/ tecendo a sua historia,
Muiñeira e corredoira / agocha a sua verdá
O meu país/ sauda ao mar aberto
Escoita o barlovento/ e ponse a camiñar

Cara metas sin nome/ van ringleiras de homes
E sin fin.
Tristes eidos de algures,/ vieiros para ningures,
O meu pais.

O meu país/ nas noites de invernía
Dibuxa a súa agonía/ nun vello en un rapaz.
O meu país/ de lenda e maruxias
Agarda novos días/ marchando de vagar.

Polas corgas i herdanzas
Nasce e morre unha espranza/ no porvir.
E unha folla no vento/ alento e desalento
O meu país.

Xoan Manoel Casado

Na páxina de "luar na Lubre" podese escoitar un fragmento desta balada.

Xoán Manuel foi un poeta, que alá nos 70 sorprendeu ca súa poesía intimista e irónica nun tempo no que predominaba a poesía social. O seu sentimento por Caldelas, a terra do seu pai e logo súa, quedou reflexado no "Libro de Caldelas" co que obtivo o Premio Nacional da Crítica. Publicou varios libros de poemas ("Rexistro de menores espantos" " O libro de Caldelas", "Antigo futuro"), duas novelas ("O inverno do lobo" e Os Brasileiros") e un libro de conversas con Mendez Ferrín. Parece que o Pen Club, en pouco tempo, publicará a súa poesía completa recopilada por Xesús González.

Compre lembrarlle ó Concello de Castro Caldelas que debería enriquecer a nómina de persoaxes da súa paxina oficial con unha semblanza de Xoán Manuel Casado e incluso valorar a posibilidade de adicarlle unha rúa.

domingo, diciembre 10, 2006

Matilde Sotelo, unha Bilbiricha de 83 anos


Antonte a Matilde cumpriu 83 anos e celebrouno cun xantar no que estiveron unha boa parte dos seus. Quen nós dera estar alí. Para o vindeiro cumpreanos intentaremos non faltar. O ano pasado, o regalo máis interesante, foi unha manta especial para torear os duros invernos. A abóa vive na Airexa, na mesma casa onde naceu. Nun mundo onde todo muda tanto costa imaxinar unha persoa que leve toda a súa vida mirando dendo o mesmo punto de vista. A súa casa non ten calefacción e no inverno, cada día, encende o lume para quentarse e afuma-los chourizos. A súa casa é como un barco que leva surcando os sete mares e sen grandes cambios. Nada no 1923, en plena república, orfa os trece anos, rica herdeira en lameiros e vacas, leva vivido moito, cunha saude forte e un humor a proba de traxedias.

Os seus fillos sentaron na mesa do comedor, presidida polo retrato da familia que lle fixo o meu pai cando andaba a festexa-la miña mai, alá polos 60 e que é un dos iconos que preside as casas dos fillos.

Iste ano os presentes deron conta dun año entre outras viandas. O Antón cantoulle por teléfono o feliz cumpreanos á bisabóa e esperemos que cumpra moitos máis e que siga a saltar os muros de Mazaira con tanta disposición e poida viaxar moitas veces a Nova York a ver o seu fillo Domingo e ir a peluquería de Queens ca súa nora Nélida. Un bico moi forte para a Bilbiricha.

viernes, diciembre 08, 2006

desdesrilanka.blogspot.com


Por fin temos novas de Srilanka. A caldelá Adriana Canal ven de encetar un blog no que nos informa sobre a súa vida nese pais. O blog conta con duas entradas e estamos seguros que en pouco tempo será unha referencia da xeografía caldelá polo mundo. Unha fonte de información dese país no que non hai xornalistas extranxeiros e están a suceder moitas novas das que Adriana irá dando conta.

Adriana Canal, unha caldelá en srilanka

Inverno en Castro Caldelas


Inverno. Xoán Bautista Sotelo Blanco, o fotógrafo, meu pai, posa no Toural, sobre o tanque da auga que ven do Burgo. Son principios dos anos setenta. Cando a neve era un elemento máis da paisaxe invernal. O Castro baixo a neve. O tempo detido. As agullas do frío, arrecendos cincentos, lumes. Noites baixo moitos cobertores de lá. O inverno devolve eses sabores que traspasan o tempo.
Anuncian neve tras-los días de chuvia. A auga tan esperada caeu a moreas. Nos derradeiros días, moitas noticias teñen que ver ca auga. Algunhas falan de desastres. Fortes chuvias, inundacions. Outras son boas. Por fin os encoros están cheos. No Castro, o Concello tamén anda na auga. Están a mudar as tuberías vellas, que eran de uralita. Por fín. Despois de tantos anos de escoitar decir que a uralita provoca cancro. Ben é certo que as condicions políticas do país non axudaron ó concello socialista, ( o Castro irreductible como o poboado de Obelix e Asterix) a acometer obras desta envergadura. Agora que o contexto mudou e por fín hai outra sensibilidade, esperemos que non sexa demasiado tarde para reaccionar.

ELLE, Arquitectura glamurosa



No último número da revista ELLE (diciembre) no que se celebran os 20 anos desta revista, entre felicitacións, moreas de fermosas mozas e o glamour das marcas de gran calidade, destaca na páxina 140, a reportaxe da periodista caldelá Charo Canal sobre as 20 principais obras da arquitectura dos últimos 20 anos.

Unha selección de obras de Siza, Ghery, Campo Baeza, Herzog, Navarro Baldeweg, Moneo... obras que xa forman parte dos iconos da España dos últimos tempos.

martes, diciembre 05, 2006

Matices


No museo Malba de Bos Aires hai un cadro que representa un conxunto de capas que se van descubrindo cando se van abrindo cremalleras. Detrás de unha cor están outras, cada vez máis pequenas.

Expresa a complexidade e as capas e matices que teñen as cousas. A complexidade deste país formado por aluvions de xentes de todas partes en busca de soños imposibles, como a fundación deste páis. "Fixerono porque era imposible" poema de Mario Benedetti que axuda a explicar as cousas que non teñen explicación.

Os jacarandas de Bos Aires


Nun patio dunda antiga casona había un árbol que podería ter varios centos de anos. O final dunha rama podada, saía unha nova rama cas súas novas follas. Pareceume unha bóa metáfora deste país representada polo tronco vello e podado e a ramiña nova iluminada que representa o renacer diste país, unha vez máis.


É primaveira en Bos Aires. Na maioría das rúas hai jacarandás, un arból de tronco oscuro, parecido o carballo, que ten unha flor violeta que enche as rúas cunha beleza moi singular.

sábado, diciembre 02, 2006

Representar as primeiras formas


As liñas, as primeiras letras, escribir o nome, debuxar, descubrir a linguaxe e representar as formas máis pertas de un, non é tarea facil. Uns nenos van máis rápidos que outros e isto pode causar certas frustacións a algúns pícaros. Metres descubríamos Bós Aires, unha abóa moi versada no aprendizaxe dos cativos, probaba fortuna cos seus netos con resultados moi positivos. Gracias Charo.

Unha casona en San Telmo


No barrio de San Telmo, na rúa Defensa, atópase un exemplo de pazo da aristocracia de Bos Aires. Esta casona estaba distribuida en duas prantas e tres patios, espazos para comerciar, salóns e habitacións dos donos, espazos para o servicio, hortos e cuadras. Logo a aristocracia, nos tempos da fiebre amarilla, mudou a outros barrios da cidade e este edificio foi convertido en "conventillo" ocupado por unhas 32 familias. Moitos galegos que decidiron probar fortuna nestas terras, a principios de século, soian vivir nestes conventillos ata que podían ter vivenda propia. Boa mostra da vida nestes conventillos é a novela "Frontera Sur" de Horacio Vázquez Rial, descendente de galegos. No 1980, iste edificio, foi convertido nunha galería comercial e hoxe representa un exemplo das transformacións sufridas polo Barrio Sur da cidade.

jueves, noviembre 30, 2006

Bos Aires, o gran plato


Os tempos do "corralito" fixeron que os precios baixaran moito na cidade de Bos Aires. Os profesionais da publicidade son moi valorados en todo o mundo ( cámaras, fotógrafos, iluminadores e todo o equipo auxiliar...) polo que se empezaron a rodar nas rúas de Bos Aires moreas de anuncios. Nun día contei, ó longo do meu paseo pola cidade catro rodaxes. Na foto, un anuncio de Gucci que se estaba gravando no exclusivo barrio da Recoleta. Unha rubía platino choca contra un camión que transporta galiñas e que saen voando por encima da moza loira e do seu expectacular coche. Que ninguén queira verlle relación co "corralito".

miércoles, noviembre 29, 2006

Arxentina, hai luz ó final do tunel,


Os arxentinos empezan a sentir que hai luz ó final do tunel. Como decía un paisano, cando tocas fondo xa soio podes subir. Logo da forte crisis do "Corralito", expresión que ironiza sobre a situación na que quedaron os arxentinos cando se conxelaron os seus aforros, nas entidades bancarias, as cousas parece que están mellorando. As fortes exportacións, o aumento da inversión extranxeira e do turismo está facendo entrar moitas divisas que aceleran a recuperación da súa extragada economía. A cidade de Bos Aires vive unha explosión de creatividade. Nas súas impresionantes ruas puden ver os locais máis modernos coexistindo con antigos cafés e restaurantes. As tendas máis vangardistas, a carón das tendas de principios do século pasado.

lunes, noviembre 27, 2006

A quinta provincia galega, Bos Aires


Moitos son os locais de Bos Aires onde se atopan referencias a Galicia. A avenida de maio é coñecida popularmente como a rúa dos galegos. O longo do século pasado, moreas de galegos embarcaronse nunha dura viaxe a unha das zonas máis austrais da terra e escomenzaron de novo a súa vida.

Daquela, a mellora das condicións de vida era tal que o efecto chamada fixo que uns tiraran dos outros. Non había municipio galego que non tivera o seu referente nesta cidade. Ata houbo un Centro Galego de Castro Caldelas.

viernes, noviembre 17, 2006

Maña, o Máis Alá... é Bos Aires


Cando era pequeno escoitaba falar do Norte (Nova York) e do Sur (Bos Aires). Estas cidades, ainda que lonxes, sentimentalmente, sempre estiveron moi pertas. Logo dunha viaxe de 14 horas poderei pasear pola cidade de Borges, sentar na cadeira do café que frecuentaba.


Imaxinar as ilusións de miles de galegos que soñaron ista cidade. Vexo a cidade, as súas rúas, a vaidosa cidade, que quería ser Paris, o esforzo de millóns de emigrantes por repensa-lo mundo, o mundo editorial nado, dese lado do mar, cando a longa noite se fixaba no vello mundo, a cidade de Gardel, a cidade que públicou "cien años de soledad"e outras cosas que fan que a viaxe se atope sementada de ilusións.

miércoles, noviembre 15, 2006

Castro Caldelas no 1929

Un informante anónimo falounos da existencia dun video de Castro Caldelas de ano 1929. Coñecía iste video porque sae nun cinta en VHS que acompaña o libro de Olegario Sotelo Blanco, "Antropoloxía cultural de Caldelas". Lembro que o video de Olegario tiña máis imaxes. Por exemplo: o rio sil e a ponte. De todas formas eiquí está. Gustoume moito voltar a velo.

"As terras do Sil", do realizador: Fco. Rio Barja

Navegando pola rede atopei na páxina do Consello da Cultura Galega este fermoso documental de Francisco Rio Barja sobre "As terras do Sil". Pertence a serie "Xeografía galega". Que o disfrutedes.

domingo, noviembre 12, 2006

María Nicanor no Guggenheim de Nova York



En poucos días o Museo Guggenheim de Nova York inaugura unha importante exposición de pintura española. Sobre esta exposición escribe Manuel Vicent hoxe no Dominical do diario El País. "Pintura española de El Greco a Picasso: El tiempo, la verdad y la historia" reunirá 170 obras, prestadas por diferentes museos e coleccionistas privados españois. Os comisarios son Carmen Giménez, antiga directora do Museo Picasso de Málaga, e Francisco Calvo Serraller, crítico de arte e exdirector do Prado. Nesta exposición participa tamén María Nicanor, filla de Nicanor Gonzalez, de Sas de Penelas. María marchou a Nova York a completar os seus estudos en Historia da Arte que rematou en Madrid. Hai xa un tempo que traballa no Museo Guggenheim como coordinadora de exposicions. Na organización desta mostra de pintura española, María leva traballado moito, a carón de Carmen Giménez.
A casualidade fixo que María, que acompañaba a un grupo de periodistas americans nunha viaxe para coñecer alguns dos Museos que prestan obra para esta exposición, atopouse no MNAC de Barcelona con Charo Canal, sen saber que de mociñas correran polas mesmas corredoiras. Descubrironno de casualidade, porque coincidiu que sentaron xuntas na mesa á hora do xantar, entre periodistas de Nova York, a directora da oficina de turismo de España en Nova York e a xefa de prensa de turismo de Barcelona. Resultou que a conservadora do Guggenheim de Nova York, tiña raíces en caldelas e a anfitriona catalana, tamén. O mundo é un pañuelo? cheo de caldelaos.

sábado, noviembre 11, 2006

viernes, noviembre 10, 2006


Ratzinger foi visto fai pouco, collendo uvas nunha aldea de A Coruña.

lunes, noviembre 06, 2006

Modesta, de Nova York ó ceo

Nos EEUU andan a voltas cas eleccións ó congreso. Parece que Bush non o ten facil e no horizonte do capitolio aveciñase un cambio. A complexa sociedade americana, formada por unha poboación multiétnica, decide. Os hispanos forman unha comunidade moi numerosa e cada vez máis influinte. Os que lograron o soño americano sintense fascinados por isa terra e son facilmente manipulables pola opción política máis populista.



No setembro do 2004, cando estaba en Nova York, falaronme de Modesta, unha muller que emigrou, os 19 anos, a finalis dos cuarenta, a cidade dos rañaceos, en plena postguerra. Naceu en Santatecla no ano 30, nunha familia moi numerosa. A miseria moral e económica debía ser moi grande obrigando a ésta caldelá a tomar decisións que marcarían o rumbo da súa vida. A súa é a historia de moitos e un valioso documento para o resgate da memoria dos nosos.

sábado, noviembre 04, 2006

Mozas de Caldelas con mantilla española



A foto foi atopada nos arquivos persoais da Margarita e da familia Movilla. Está feita polo meu pai, Xoán Bautista Sotelo Blanco, no adro da airexa, diante do cruceito, alá polos anos 60. As mozas representan a "flor e nata" da vila. Entre as mozas poido identifica as seguintes: Margarita, Aurorita, Cachí, Macuca, Piediña, Isabelita, Manolita, Marisa Amor e María Mercedes...; Cubren a cabeza e os hombros coa tradicional mantilla española negra e algunhas combinan esta mantilla coa peineta negra, posiblemente, de carey. Na man a maioría levan un rosario. Os texidos, encaixes, da mantilla, soían ser de Blonda, Chatilly e Tul e estaban feitas con formas vexetais bordadas. A mantilla negra soía levarse en acontecementos sociais, bodas (mantilla branca), actos relixiosos, funerais; o longo da mantilla debía ser proporcional á persoa que a viste. Pola parte dianteira tiña que chegar ata altura das mans e pola parte traseira uns dedos por baixo da cadeira. Nunca debe ser máis longa ca falda. A mantilla parece que representaba certo recollemento, propio, por exemplo, da seman santa. Soia ser un pequeño tesouro nas familias e gardabase envolta en papel de seda.

A moza segunda, escomenzando polo lado esquerno, vai cos brazos descubertos, en contra do protocolo polo que, según me contaron, armouse unha boa. Así eras as cousas.

Para moitas persoas a mantilla española representa un elemento típico do folclore franquista. Agora utilizase pouco ainda que hai famosos diseñadores de moda que a utilizan nos seus pases de modelos e persoaxes famosos das revistas do corazon, lucenas cando visitan o Vaticano.

miércoles, noviembre 01, 2006

Historia dun catro latas


Tantos viaxes e penalidades por las estradas de Mazaira para acadar abandoado nunha esquina da aira, debaixo dun castaño. Cando te aparcaron a última vez, nin en soños imaxinabas que non voltarías a moverte. Un día levaches un rebañiño de ovellas á feira da vila, outro día houbo que levar ó Farruco ata o médico por unha enchenta de figos. Nun Nadal, de moita neve chegaches a tempo ata San Clodio para que os primos colleran o Sanghai que ía á cidade dos prodixios. Cantas veces levaches o peso dunha vaca na vaca. Abundaba o petroleo e ainda así pouco máis gastabas ca un chisqueiro. Nin un pasamento como merecías e cando xa pensabas que chegarias a ser lata de conserva... non... non... non... o pago é unha condena a vivir para sempre baixo o castaño, ata que te descompoñas. Espido, no último momento da vida, soio ante a natureza.

martes, octubre 31, 2006

Memoria dun territorio, 1890-1975


Hoxe vou falar dun libro de fotos antigas promovido pola Asociación para o desenvolvemento rural do Pais do Bibei - Ribeira Sacra do Sil, que saiu do prelo o 17 de maio, coincidindo co día das letras galegas. O libro e obra de Isauro Pérez González, Mario Rodríguez González e Eladio Osorio Montenegro. Conta ca colaboración de Tomas Vega Pato, ainda que non se nos dí onde, nin como?

Trátase de unha iniciativa de gran calado pois abarca case un século de fotografía, indo case ó momento do nacemento da fotografía. A idea do libro é, según reza, "contribuir á posta en valor do potencial turístico do territorio e á difusión da súa riqueza cultural". Dín os autores na súa introducción que "esas imaxes constitúen valiosísimos documentos para o estudio da antropología social". "Na fotografía atoparémonos con imaxes de persoas entrañables ou de gran popularidade; con paixases urbanas ou edificacións que o século XX destruiu en aras dun mal entendido progreso; esceas de festas, e manifestacións religiosas; xuntanzas populares e familiares; con actos públicos, eventos deportivos ou lúdicos, etcetera".

O libro elixe unha estructura de sete apartados temáticos nos que se van metendo fotos, que contrastan por abranguer, entre elas, ata 80 anos, pero que curiosamente parecen da mesma época, polo virado unificador e alienador. Un "totum revolutum", sen orden nen cocerto. Os autores da obra viraron a totalidade das fotos e fragmentaron algunha (comisión de festas de Castro Caldelas do 1969), sen explicar a razón de esta manipulación. Notamos en falla, nun proxecto diste calado, feito con cartos públicos, máis rigor á hora de presentar cada foto, intentando ser fieis á memoría que se intenta resgatar.

O libro conta con moitas fotografías de gran valor por revelarnos información a cerca da evolución dos diferentes pobos e das xentes que forman O Pais do Bibei e a Riberia Sacra do Sil; fotos que merecerían ser individualizadas, explicando o seu orixen, o seu formato, a forma da reproducción, o seu estado e o seu autor (si é anónimo, pois anónima). Poñer ó final do libro unha relación de fotógrafos, sen relacionalos ca súa obra, esquence os dereitos morais que garantiza a Lei da Propiedade Intelectual. Nomes importantes como Pacheco, Samaniego, Villar, Xocas, Barrio, López, Reza, Taboada, Covelo, Del Rio, Vega, etc. ven os seus nomes separados das súas fotos, nunha sorte de xogo para ver quen é capaz de relacionar autor e obra.

Na páxina 25, a foto "Maceda, saúdo característico nun sepelio en 1936" é un pé de foto que resulta incomprensible e ataca o propio obxetivo do título deste libro, que non é outro que a "Memoria dun territorio". Títular unha foto que representa un sepelio, no que o público alza o brazo co saúdo fascista, decindo que é "un saúdo característico", non creo que sexa unha boa maneira de resgatar a nosa Memoria. Na mesma páxina "Maceda, xulgados en consello de guerra e despois fusilados, 1937". Cinco homes novos que perderon a súas vidas polas ideas e soio merecen ise pé de foto..? Na páxina 23, a inauguración do lavadoiro en Arboiro, un acto da república, foto do abó do Florencio, un persoaxe moi interesante da época, non merece un pouco máis?? Na páx 45 a foto do Mario de Langullo, dí Manzaneda pero, a foto está feita na praza do prado, un día de feira, e é unha foto moi interesante polo revoo que se armou cando o Mario visitou o Castro, logo da súa volta de Francia. A historía é a que é, e non vale reinterpretala para os máis mozos. O pasado é o pasado, pero está cheo de etapas e matices, non me parece doado mezclar fotos do século XIX con fotos dos sesenta, setenta. Perdoenme, pero non entendo a intencionalidade de esta relación.

domingo, octubre 29, 2006

Adriana Canal, unha caldelá en Sri Lanka


Adriana foi imaxinada en alta mar, a súa mai vivía xunto co seu pai, xefe de máquinas, nun barco, e percorrían o mundo facendo cruceiros. Ainda así, a neta da Marina naceu a mediados dos setenta, na cidade de Madrid. Viviu os seus primeiros anos en Vigo, unha cidade desordeada pero con paisaxes moi fermosas, difíciles de esquencer, cando un se vai mudando de residencia en función do traballo do pai.

Xa mociña, voltou a Galicia, ilusionada ca idea de estudar na universidade de Santiago. Logo quedaría defraudada pola calidade da facultade de Psicoloxía. Na praza de Mazarelos, frente á sede da facultade de historia, un mozo austríaco acercouselle a preguntar pola praza da Quintana dos Mortos. Ela ofreceuse a acompañalo e xa non deixaron de camiñar xuntos.



Adriana e Richard representan o mellor dunha xeración con forte vocación de solidaridade e cooperación cos desfavorecidos da terra. Pode parecer que ben pouco se pode facer pero, si cambiamos o punto de vista e por un momento nos poñemos no pelexo desa xente, entenderemos que o que nos consideramos pouco para eles é moito. É a semilla de Caldelas polo mundo. Unha proba de gran vitalidade.

Richard é enxineiro da universidade de Cambridge e ela psicopedagoga. Decidiron adicar o seu tempo a participar en proxectos que melloren a calidade de vida da xente do terceiro mundo. Adriana traballou con discapacitados mentais en Bratislava, máis tarde traballou en Londres, dando apoio psicológico a refugiados políticos latinoamericanos. Estivo en Tailandia, Laos e Camboya e traballou como voluntaria nun orfanato para nenas con parálisis cerebral en Bangkok.

Richard estivo en Afganistán, traballou nas obras do metro de Londres, traballou reconstruindo casas en Sri Lanka, nas zonas afectadas polo tsunami, logo traballou como consultor para ACNUR, e agora taballa para un empresa que fai proxectos como prantas eléctricas, hoteis e fabricas no mesmo pais. Un pais do tamaño de Galicia con 20 millons de persoas, e que conta con 71 ministros que son case todos familiares e amigos do presidente.

Adriana estaba traballando con psicólogos sin fronteras en Batticalo, pero foi evacuada a Colombo, polos conflictos políticos e a guerra coa guerrilla Tamil. En Colombo vive actualmente con Richard e acaba de encetar un blog no que nos irá contando cousas dises lugares da aldea global dos que casi non chega información. Pronto daremos conta do enlace e estará entre os meus favoritos.

sábado, octubre 28, 2006

Verónica, o don da ubicuidade.


Non está todo perdido no Castro. Hai xente moi lacazá pero hai outros que se moven moito. Sen duda é terra de extremos. Iste verán Verónica botounos unha man cos pícaros levandoos ás tardes ó parque infantil, que hai no adro da airexa. Sabía que Verónica facía moitas cousas: estuda, coida ó irmán, ten noivo en Mazaira, axuda a súa mai e logo fai algún traballiño de canguro. Sabía que tocaba na banda de gaitas e que ademáis cantaba no coro Lembranza.

O día da festa da luz, fumos ver a procesión e as danzas das cocas. Logo, acerqueime a ver a fermosa airexa de Santatecla e os seus retrablos e vín como se ían turnando o coro Lembranza e a banda de gaitas o longo da misa. Vín que se movía moito a Verónica, de un lado para o outro e, caín na conta, que por momentos tocaba o bombo na banda e cando esta paraba, deixaba o bombo e marchaba ó lugar onde estaba o coro a cantar e así, subindo e baixanso da tribuna, no tempo que dura unha misa.

A luz do Galileo, en Santabaia


Logo do amplio debate que se está a producir no blog O prado, da ASOCIACION DE AMIGOS DE CALDELAS, a cerca da cociña e da variedade dos alimentos da nosa bisbarra, véxome obrigado a facer unha importante salvedade. Non todo é como se dí. Moi perto, en Santabaia (Pereiro de Aguiar), hai un exemplo da nova Galicia que emerxe con forza e da que outros deberían copiar. Alí onde os primeiros panameños de Águil fixeron construccións para contribuir o feismo da arquitectura de Galicia, atópase o Galileo, un restaurante instalado nunha casa antiga de pedra, con grandes ventanais de cristal que dan a un coidado xardin. Nesa casa, hoxe, estase a facer unha das mellores cociñas de Galicia. Dende moitos lugares do pais acuden a probar os pratos de Flavio Morganti.

Flavio, italiano, coñeceu unha galega (Joaquina), na emigración suiza, que lle prometeu amor eterno, pero si se viña para Ourense. Logo de varios proxectos na capital (Restaurante Mamma Mía e a cafetería Baviera) chegou o Galileo. Os deuses están con nós e, gracias a ista galega, hoxe podemos comer unha mestura de pratos galegos e italianos, cunha presentación e preparación moi moderna e de grande calidade. Os seus pratos están para lamber os dedos, para sorte dos bolsillos que poidan pagalo. Agora ben, que ninguén se queixe. Non é para todos os días. É como ir os Milagres, e iso ten un custe. Non tes que arrodillarte nin pasar por ningúnha penalidade. Soio deixar que os sentidos disfruten e que o paladar se volva tolo. Hai que probar o carpacio de polvo, as láminas de foie, os mariscos con pasta e logo acadar cos postres de Edi.

miércoles, octubre 25, 2006

Humaniza-la praza


Parece unha película de principios do século pasado. A praza típica dunha vila medieval. Os nenos xogan nun tempo onde case non hai xoguetes. É un espacio sen peligros. Non hai coches, nen motos, nen camions. De vez en cando pasa un carro. Non é o caso pero non deixa de ser unha ilusión de un tempo no que había algunhas cousas de certo valor que se perderon. A maneira de usar os espacios, a maneira de xogar e relacionarse os nenos. Tratase de unha película feita nunha zona peatonal dunha vila medieval na que os cativos xogan, sen peligros, tal como o farían uns cativos de principios de século.

domingo, octubre 22, 2006

Outro Máis alá en Vieiros


Vieiros estrea novo canal con contidos culturais. Unha fiestra para propostas que vaian máis ala do que estamos acustumados a ver, dentro e fora das nosas fronteiras, según manifestan. Onde a imaxe e o video estarán moi presentes. Dende máis alá do transformador saúdo ista nova iniciativa de vieiros (máis alá), e manifesto que non estou molesto por utilizar o nome do meu blog. Coido que non se producirá confusión.

sábado, octubre 21, 2006

Cortés, o extremo dereita do Depor



Logo de moitos partidos gañados ó longo dunha vida de competición, Elidio Cortés atopouse xogando un partido contra o cancro. Istes días faleceu o gran xogador de fútbol dos setenta, que se fixo famoso no Deportivo de A Coruña. (Na foto: Cortés con Luis Suarez).



Dende Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo), Cortés decidiu voar moi pronto ó Maceda F.C:, logo ó atlético Ourense e de ahí ós laureis da primeira división (O Depor). A finais dos sesenta incluso foi preseleccionado por KUBALA para xogar contra Irlanda, coa selección nacional. Xugou, entre outros equipos, no Cadiz e no Jerez. Finalmente, adicouse á enseñanza e a transmitir os mozos o seu talento para mover o balón con velocidade e seguridade no campo, todo un arte. Cortés aproveitou a súa experiencia deportiva como profesor de educación física nun instituto de O Barco de Valdeorras.

En pleno éxito profesional, os caldelaos coñecímolo da mán da fermosa caldelá Manolita, filla da Plácida, peluqueira da vila, ca que casou e ca que tivo unha filla: Marta.

Sendo eu cativo, lembro a Cortés pola vila, persoaxe famoso. E, como todo persoaxe famoso, a súa presencia na vila causaba certo balbordio. Os nenos, como agora, tíñamos moita curiosidade polos xogadores profesionais de fútbol e incluso tivemos a sorte, nos tempos da fundación do Caldelao C.F., a principios dos oitenta, de poder ser entrenados por él. Lembro un home humilde, tímido, reservado, moi amable e cariñoso con aqueles mociños que xogábamos a emular os grandes xugadores e codeábamonos con un deles, no noso campo do Texo. O seu toque e o seu estilo alentábanos no duro esforzo de xogar ó fútbol, nunha zona onde os campos de fútbol atopábanse cheos de lama, terra e pedras. Da brutalidade desa época lémbrome a miudo porque teño as canillas destrozadas.

viernes, octubre 13, 2006

As louxas de Trevinca



Inmensos zarpazos na paixase.
Carreiriñas sobre bancais, que suben e baixan.
As montañas das louxas que nos tapan da choiva
ca súa impermeable superficie.

Paisaxe dura, monte pelado.
Cabalos salvaxes que siguen o seu lider.
Ilusión de liberdade.

sábado, octubre 07, 2006

Transitos



Viaxar...ir e vir
mirar e ver
Europa, África
Atlántico, Mediterraneo
norte, sur
contraste de olores, formas e maneiras.
prexuicios culturais
de Tarifa a Tanger
Estreito de Gibraltar

miércoles, octubre 04, 2006

Tempo de chouparros


Os Bilbirichos andan os chouparros. Os primeiros chouparros deixaronse ver no lameiro da Bruña, nas Barreiras, no Salgueiral, no Moliño, Os Carballiños. Gustame máis velos que comelos. A abóa Matilde sabe deles e, ano tras ano, vai mirar si chegarón, repetindo o ritual do tempo.

domingo, octubre 01, 2006

Volvoretas en Tarifa, o ronsel dun caldelao



Invitados por uns Caldelaos, que viven a carón do faro de Punta Carnero, mirando ó estreito de Gibraltar, dende unha fermosa casa, con grandes fiestras abertas ó mar, viaxamos a parte máis meridional da pel de toro. Carlos Canal, un caldelao que viaxou por todo o mundo como xefe de máquinas, de unha morea de barcos, vixía agora o estreito co seu potente telescopio. O estreito é a autoestrada máis transitada por barcos que un poida imaxinar.

No punto onde se atopan o mar meditaneo e o mar atlántico, sempre hai vento. Un vento suave, perfecto para surfear ou practicar unha nova modalidade de surf que é o kitesurf, voar con cometas sobre as ondiñas da praia. No lugar onde as estadísticas situan o nivel máis alto de suicidios hoxe acuden miles de mozos fascinados pola idea de voar sobre as ondas da costa do atún. Praias con dunas de gran tamaño como as de Bolonia ou Valdevaqueros son pobladas por un ambiente ?Chill out?, que se mezcla con unha paisaxe de adormecidas vacas de grandes cornos.

viernes, septiembre 29, 2006

Unha de vaqueiros no Caldelas



No inicio da decada do 2000 a miña curiosidade polo cine levoume a facer un curso de cine no CECC (Centro de Estudios Cinematográficos de Cataluña). A mellor maneira de entender a linguaxe cinematográfica e a complexide dunha rodaxe é lanzandose a rodar. O longo do curso, en función dos temas, íamos rodando pequenos curtos. Neste caso a temática viñanos dada (unha pelí do Oeste). Tratabase de por en escea os coñecementos de encuadre, espacio, luz e montaxe, sen diálogos e sen sonido. A música puxenlla agora para darlle un pouco de ritmo.

Daquela tiña que aproveitar o tempo do verán, no Castro e ocurriuseme que o Café Caldelas, xa pechado, era un local que fora moi pouco modificado o longo dos anos. Podería ser un café do século XIX sen moitos problemas. Soio modificamos a entrada de luz das fiestras principias, cun papel de embalaxe, que producía unha atmosfera parecida a que podería existir nunha cantina do Oeste. Con moita humildade, unha pequena cámara de video, a luz natural, a paciencia infinita da familia e, de algún amigo, queda ista curtometraxe que agora serve, ademáis, como lembranza do antigo Café Caldelas, un local de referencia durante moitos anos na vila.

Na temática introdoxen unha homeaxe a muller e a posibilidade doutro tipo de familias na épica da conquista do Oeste. ?Por un puñado de oro? é a historia de duas mulleres e unha nena que son sorprendidas por uns foraxidos interesados no seu ouro. Uns actores, que nunca actuaran, traballaron, sen descanso, durante tres días para executar o guión do meu exercicio e a todos iles lles adico iste humilde traballo.

jueves, septiembre 28, 2006

Tras o fío dun mantón


Anna de Cristosende, texedora e investigadora, ca axuda dunha beca da Anglo-Spanish Socity de Londres, estalle seguindo a pista a un MANTÓN DE LÁ que veu de Chandrexa de Queixa. O Mantón é de coor marrón, feito nun antigo telar. Anna solicita para a súa invetigación a axuda da xente da nosa zona que poida identificar o mantón e poida ter información desta peza: fotos nas que poidan sair mulleres con iste tipo de mantón, en que época se texía ?, cando se deixou de usar ?, porqué sempre eran marrons ou negros ?, cal era o estado das mulleres que o soían levar ?, era levado por mozas ?, con que teñían a lá distes mantóns ?. Según Anna tratase de unha peza sencilla, moi elegante e con un toque de distinción. A súa forma é cuadrada e está feita en duas pezas cosidas. A idea é facer un estudo da historia desta peza e logo, reconstruir o mantón, e texer unha serie limitada. A nova peza terá as características da peza antiga: quente, elegante, de calidade, con flecos, moi duradeira e estará feita cunha lá máis luxosa e un pouco máis suave. Na foto vese a Silvia, de Santa Tecla que fai de modelo.

Maisaladotransformador / Anna de Cristosende

miércoles, septiembre 20, 2006

As Médulas, a ruta do ouro


Dende Roma chegaron os romans cos seus coñecementos de inxeñería para aplicalos na procura do ouro que había en León, na zona do Bierzo. Nas Médulas, os romans facían tuneles en diferentes niveis, logo enchíanos de auga e, por non sei qué efecto físico, reventaban a montaña en mil pedazos que acababan pasando pola peneira, onde se seleccionaban as pepitas de ouro. Na foto vense as marcas dos túneles, situados, como decíamos, a diferentes niveis. Hoxe pódense visitar e a excursión merece moito a pena. A beleza da paixase en contraste ca coor da arcilla roxa é conmovedora. As postas de sol alí son moi fermosas. Hai varios túneles que se poden visitar con casco de mineiro. Antón tiña o día malo pero cando viu que lle daban un casco e unha linterna afloroulle o bó humor e a emoción de camiñar por un tunel oscuro, un pouco tenebroso, ainda non se lle esqueceu hoxe. Hai camiños que discurren entre unha exuberante vexetación que foi crecendo no interior de esta especie de crater. Esta é unha excursión para facer nunha xornada dende Caldelas, pasando polas explotacións de pizarra na zona de O Barco, e ollar o contraste entre as explotacións da época dos romans e as de hoxe.

martes, septiembre 19, 2006

Os restos do naufraxio


Unha mañá brilante. Pola sombra das árbores, vese que é media maña. Atraido polo gran burato que se produxo na desafortunada Praza da Devesa baixei polas escadas que durante moito tempo ían a ningures. Mirei as enxebres fontiñas e o trazado armónico deste xardín francés e logo deixeime levar polos camiños da memoria. De neno foron moitas as tardes que pasei xogando no lameiro do Condiño. O bó e xeneroso Xesús cuidaba as poucas vacas que lle quedaban, e uns cantos nenos acompañábamos o seu fillo Xoán Xesus e a súa filla Conchita, e deixábamonos levar por mil xogos e fantasías. Logo a decadencia do Condiño, que na súa peripecia vital ía papando todo o seu patrimonio, puxo en venda iste gran parque natural e un urbanismo apurado e irracional xerou o que sería a ampliación do Castro. Á gran beleza e equilibrio das lentas construccións dunha época veuse a añadir o urbanismo feito lonxe por arquitectos covizosos, amigos soio do cheque rápido. O resultado, salvo algunha excepción, é lamentable. Seguín baixando e atopeime con un resto do naufraxio. Na parte máis baixa da Devesa hai un pequeno bosque intacto. Modificado soio por uns pequenos camiños para salvar as pendentes. Ó fondo, unhas barbacoas. Por fín algo ben feito. Unha intervención respetuosa co espacio. Sen grandes modificacións. Unha posta en valor deste pequeno bosque. O meu agradecemento á man sensible que salvou iste espacio.

domingo, septiembre 17, 2006

Os fachos, a noite do lume



Agora que se acaban as festas dos Remedios, lembrome da festa dos fachós, adicada ó San Sebastían. Celebrase en xaneiro, en pleno inverno, entre o calor da palla queimada, o viño de mencía e os chourizos. Unha festa maravillosa que me trae lembranzas da miña infancia. Logo de moitos anos sen poder ir, fun co meu fillo Antón, ilusionado ca posibilidade de poder mostrarlle parte da nosa cultura. O San Sebastián mantense, e parece que vai a máis, polo esforzo do concello, que é quen fai que haxa palla e xestiona con xenerosida a festa, podendo comer e beber, de valde, chourizos e viño.

Un gran fachón, collido por un grupo de Caldelaos, dende o adro da airexa, atravesa o Prado, sube por a rúa do Sol e baixa pola rúa Grande. Logo volta a travesar o Prado e remata no adro da airexa, onde se van depositando os fachós a modo de ofrenda a unha gran pira que se vai consumindo, xunto cos chourizos e o viño de mencía. No tempo que dura a procesión a vila está as escuras e un regueiro de pingadas de lume na oscuridade percorre o Castro e convirte esta festa nun momento máxico de gran emoción. No frio do inverno, as faces quedanse conxeladas ollando para ó lume, imaxinando a pronta chegada da primaveira. O día de San Sebastián tivo unha importante covertura mediatica e ata a vila acercouse moita xente da capital, de Vigo, Santiago e outros lugares que se fixeran eco da celebración dos anos anteriores. Iste ano o día 18 cae en xoves e, se todo vai ben ala estaremos.

Sen pau de palleiro / mais alá do transformador

sábado, septiembre 16, 2006

domingo, septiembre 10, 2006

O ronsel de Allariz


Hai veces que é moi difícil atopar exemplos como o de Allariz que mostren con craridade que hai camiños por percorrer. Allariz representa o dexeso dunha vila de mudar o seu destino e ilusionar a sociedade civil na procura de novas alternativas. O seu nome está asociado a transformación do espacio incorporando principios modernos como a sostenibilidade na forma de facer política. A través da súa páxina, podese acceder a información do Concello, a súa normática urbanística, a impresos que facilitan as xestións ós cidadans, a explicacións sobre a súa historia, a novas sobre a súa actividade? Teremos algún día algo parecido en Caldelas??

sábado, septiembre 09, 2006

O Prado, blog da Asociación de Amigos de Caldelas


Xa naceu o blog da Asociación de Amigos de Caldelas. Os debates sobre as iniciativas desta asociación transladanse o novo blog. Do seu manifesto fundacional reproduzco un fragmento: "...Unha praza sen portas nin barreiras, unha praza para todos, para os que viven aquí e os que están lonxe pero síntense perto de Caldelas. Decidimos chamarlle "O Prado" como símbolo de lugar de encontro, libre, sen coaccións (xusto o que nos gustaría que fora tamén a Praza do Prado). Este blog é un espazo no que a xente pode opinar, aportar ideas e información e falar sobre os temas que preocupan os caldelaos. Interésanos todo o que pase en Caldelas ( as intervencios no patrimonio histórico, o tratamento e preservación dos seus espazos naturáis, os problemas medioambientáis, a vida cultural e social e a mellora das infraestructuras para todos os cidadans, tamén os neno, os mais xóvenes e os vellos). Interésanos tamén, moi especialmente, traballar pola dignificación e normalización da nosa lingua e cultura. Esperamos a participación de todos."

miércoles, septiembre 06, 2006

Casino Cultural e Deportivo



Alá polo ano 1956 fundouse o Casino Cultural e Deportivo de Castro Caldelas. Fundárano Don Gonzalo Fidalgo, Don Cesar Fernández, Xesús Losada, o Javierito da Sofía e o Manolito, pai da Aurorita. O presidente era Don Cesar, o dentista, e o secretario era Don Luis, o pai da María Mercedes. O casino estaba situado nos baixos da miña casa do Castro (Estrada de Ourense,4). O Casto facía as veces de secretario do casino. Neste club xogábase as cartas, celebrábanse festas, bailes de disfraces e era un lugar de encontro para un grupo de mozos do Castro. Imaxino que debían de ter un tocadiscos co que se animaban os mozos de finais dos anos 50. Na foto aparece unha taza de café do casino, regalo do Gonzalito, o fillo de Don Gonzalo, e que pertencía ó casino. A outra é unha foto de X.B. Sotelo Blanco, dun baile de disfraces, no xardín do casino. Foto resgatada dos arquivos persoais do Luisiño e da Margarita. Vendo esta foto non parece que o pasara tan mal a xeración dos nosos pais.

Vamos ver como anda a memoria


Ainda que teño algo de información sobre esta foto, que me acaban de enviar, vou ver como anda a memoria da xente que entra no meu blog e non vou contar nada. Prefiro que entre todos os comentarios se vaía construindo esta entrada. E decir, que cada quen diga o que lle dí esta foto deste camión. ( época, lugar, persoaxes, etc. etc.).

martes, septiembre 05, 2006

Diego Rodriguez, o home do café


Fai uns días faleceu Diego Rodríguez. Un Caldélao de adopción que fixo bós amigos na vila.
Era un habitual das partidas no Caldelas, onde disfrutaba da complexidade psicolóxica dunha partida de pocker. Nos últimos días da súa loita vital viñeronme a visitar ecos da vida deste broker moderno, con olor a café, que viviu a cabalo entre España e Portugal.

Os seus pais, dende facía anos, establecéranse na cidade de Lisboa, cunha tenda de pasteis, cerca do Chiado. A vida da postguerra na cidade lusa, lonxe do pobo de Covelo (Pontevedra) que os seus pais abandoaran, resultaba doce. Ainda que resultaba un gran esforzo para súa familia, foi enviado a estudar ó exclusivo colexio español de Lisboa.

Dende moi novo tivo que cabalgar con pesadas lembranza nas súas alforxas. A pesar de eso, nas cartas que a vida lle repartira como mínimo levaba unha escada de trévoles do mesmo coor. Nos sesenta estivo en Londres para estudar inglés, evita-lo servizo militar e esquivar a posibilidade de que o azar o levara a guerra de Angola. Estudaba e gañabase a vida traballando nun club no que os clientes máis habituais eran famosos actores, que apuraban o máximo o sentido da vida. A principios dos 70 voltou a España, estableceuse Madrid, casou con Mercedes Canal e tivo dous fillos, Diego e Marcos.

Na praza do Comercio de Lisboa Diego recollera o espiritu dos grandes comerciantes portugueses que importaban e
exportaban ás indias. Decidiu adicarse a mercadear co café de ultramar que vendía os grandes tostadores españois, portugueses e italians. Pódese decir que gracias a Diego (o noso Juan Valdés), que seleccionaba e importaba os mellores cafés de ultramar, tomábamos café de boa calidade en España. Ainda que él confirmaba o dito de que en Portugal tómase millor café que en España, acostumbrados como estamos aquí á purrela do torrefacto, por culpa da escasez, nos tempos da postguerra.

Lembro moitos momentos compartidos con Diego na época na que eu entro en contacto ca familia de Charo. Cando festexo a Charo, cando disfruto sentado a carón da Fé, no zenit da súa vida. Cando coñezo a Marina e a toda a familia. Cando Diego e Mercedes lle daban un pouco de glamour a vila, ou así o vía eu.


DEBATE/PEATONALIZACIÓN CALDELAS
200 firmas pola peatonalización

lunes, septiembre 04, 2006

Esmorga no Frade


Non había case televisións e os mozos formaban corro e cantaban. Según rezan os calendarios da parede estamos no 1960. Fai frio, ainda que os mozos están perto da salamandra. Entre o cava e o canto vaise entrando en calor. Tocan a guitarra o Luisiño Amaro (serradeiro) e o Xexus Losada, que tiña un comercio nos baixos da casa de Don Gonzalo. Xosé (da tenda Campos) xunto con outros mozos poñenlle voz a música. Polo número de botellas que hai na mesa parece que a festa está ben animada cando aparece o retratista.

O Bar Frade estaba nos baixos da casa de Doña Fe (Carretera de Ourense, 2) onde antes estivera o comedor da famosa pensión Celta, (da que pronto falaremos), fundada por Doña Fe e o Manolo, conductor do autobús que ía do Castro a Monforte. O local era rexentado polos pais do David, que tiñan tamén un servicio de gasolina na praza. Foto de Xoán Bautista Sotelo Blanco, atopada nos arquivos persoales do Campos e do Luisiño.

Acumulación de espuma no rio Caldelas


A finais de xullo no rio Caldelas, na mitade do camiño que percorre a ruta dos muiños, fixen esta foto que mostra a acumulación dunha espuma branca. Había un tronco no medio do rio que facía de colador. É decir, pasaba a auga pero non o que a auga traía. O día seguinte vin unha persoa, de medio ambiente, que viña do rio e tiña o coche aparcado na zona da piscina, pregunteille que si vira a espuma e qué era. Dixo que podía ser de algunha granxa. Pregunteille si podían as granxas verter liquidos no rio, e contestoume:
E logo, onde os van a verter...?
Daquela calei, o non saber de que se trataba. Cos vertidos, istes días, no rio Umia, no que peligra a ría de Arosa, lembreime deste feito e quero compartilo ca xente que visita o meu blog para ver si alguén pode identificar esta espuma.



DEBATE/PEATONALIZACIÓN CALDELAS(40 comentarios)
200 firmas pola peatonalización
(32 comentarios)

domingo, septiembre 03, 2006

Nazón de Breogán virá ó Castro


Unha versión máis pequena da exposición Nazón de Breogán virá ó Castro. Xa foi visitada en Santiago por unhas 15.000 persoas. Según parece visitará a aqueles concellos que o soliciten e entre eles atopase Castro Caldelas. A mostra percorre a nosa historia dende os seus orixes ata o ano 1936. Rinde unha homenaxe ós galeguistas que traballaron polo autogoberno do pais, incidindo, ademáis, no tema da identidade e intentado facer participar a sociedade galega no momento historico que estamos a vivir ca elaboración do novo estatuto.



DEBATE/PEATONALIZACIÓN CALDELAS
200 firmas pola peatonalización