lunes, julio 30, 2007

Pepe Sotelo, criador de bois



Bermello, vasco, experto ollador de bois, levaba semans sen atopar unha boa xogada de bois. Tiña unha petición urxente para un caserío perto de Bilbao e xa levaba tempo sen atopar nada que valese a pena. En Monforte oira falar das terras altas de Caldelas, con carreiras empinadas, onde os bois da raza “vianesa” cargan moito e móvense por angostos camiños onde é dificil a entrada dos tractores e eles teñen que ter moita habilidade para moverse.

Pola mañá cedo atravesou a ponte do Sil. Parou alí o tempo de fumar un pito, para ver a fermosura dos bancais nos que se cultiva o viño de Amandi. A vila do Castro, a esas horas, debuxábase entre a néboa e era difícil saber onde empezaba e onde acababa o pobo. Entrou no Bar Grilo e preguntou polo paradeiro do Bilbiricho, criador de bois, de sona.



Xa na Airexa, na parroquía de Mazaira, Pepe Sotelo mostroulle a parella que levaba preparando facía catro anos. A maneira de acercarse de Bermello fixo que os bois, asustadizos normalmente, mostráronse tranquilos sen apenas moverse. Pepe montou a xugada, puxo a molida e o xugo, ata que os dous animais foron un soio, “teñen que quedar como se estiveran soldados”, dixo o Bilbiricho…, logo foron camiñando o paso que lles marcaba ca aguillada e en nengún momento estes bravos e valentes toros desobedeceron as ordes do Pepe. Bermello abriu ben os ollos, meteu a man no peto e sacou o seu móbil. En euskera falaba con alguén e, pola súa expresión, notábaselle que estaba ledo polo que acaba de ver. Pechou o móbil, foi onda o Pepe e con un forte apretón de mans cerrou o trato da compra dos bois do Bilbiricho.

En Euskadi, os deportes rurais teñen gran afición e teñen o seu orixen nos traballos do mundo rural, ligados ós caserios, ás labores agrícolas e ás explotacións forestais e que logo foron trasladados ó campo deportivo. Son xogos nos que prima o emprego da forza ou a resistencia física, combinada con certas habilidades e capacidades técnicas. As probas de bois (idi-proba o idi-dema) son un dos deportes máis arriscados. No pasado eran utilizados en moitas tareas do campo, no tiro dos carros e outras actividades como as canteiras e os asteleiros.

Hoxe a proba celebrase nun recinto chamado probadoiro (probaleku), o aire libre, na praza dos pobos ou xunto o frontón, ainque que tamén existen locais modernos (probalekuhomologado) preparados para esta actividade, na que se fan fortes desafíos. A parella de bois, atada por un xugo de madeira ten que arrastrar un bloque de pedra de 1500 a 4500 kilos, durante un tempo, gañando a parella que máis “clavos” ou “plazas” faga. Hay diferentes tipos de probas (de peso comparado e peso libre) según o peso dos animais e o peso das pedras. A veces o arrastre faise con un único boi. Durante a proba os bois son guiados polos arreadores (akullaris), chamado así pola vara ou akullu que empregan.

miércoles, julio 25, 2007

25 de xullo, día da patria galega


Hoxe no diario “El Pais” o lingüista Enrique Monteagudo, nun artigo, co galo do 25 de xullo, “Idioma galego: da identidade á modernización”, logo de reflexionar sobre os símbolos cos que se representa a identidade, acaba cun fragmento de Castelao en “Sempre en Galicia” que me parece que resume de unha maneira moi clara o valor do noso idioma:

“Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inagotable de obras de arte”.

lunes, julio 23, 2007

Casado Nieto, "...xuventude de novicio de Montederramo no XV..."



Buscando entre os libros que teño na casa do Castro o azar fixo que “Vendima” de Manolo Casado Nieto caira de novo nas miñas mans. “Vendima” foi un dos primeiros libros de poesía que Olegario Sotelo Blanco levou ó prelo alá polo 1982. É unha escolma de poemas xa publicados e outros inéditos.

Xosé Filgueira Valverde escribiu para a ocasión un fermoso e interesante limiar no que se perfila un retrato cas andainas deste caldelao.

Quero lembrar tamén que sendo Conselleiro de Cultura, Filgueira Valverde, Casado traballou arreo pola creación da actual biblioteca do Castelo. Non estaría demáis algunha lebranza, nun rinconciño, desta fiestra aberta por Casado e Filgueira.

“ Cando chega o outono, ise caldelao que leva no cerne Manuel Casado Nieto sinte máis punxente a señarda do Castro. Antre os seus libros, na Fiscalía, camiñando de vagar polas Ramblas ou polas vellas rúas do Barrio Gótico, ten un desacougo que non se atura. É que aló están xa na sazón das vendimas. Quén lle dera andar nelas arastora: baixar correndo dende o Cima da Vila, atrochar o Prado, a saudar xente, porque todos lle teñen lei como lla tiveron aos seus pais. E coller o camiño cara Torbeo, ou cara Lumeares, onde os acios aviñados van caíndo no queipos, antre risadas e cantigas…
-Vellos anotos que lañan xa na foxa da acordanza-.

Tempo vendimieiro, -outono farto e dourado- Tamén chega a il, o escritor, nunha lucidía, vizosa naturalidade. E pode botar unha ollada á colleita, garelo da súa fartura. Mirándose nela, remese nas lembranzas dos primeiros anos, na casa paterna de Caldelas e na –matria- de Verín, e de aquela primeira door inesquecibre:-vou de negro porque morreu o meu pai-. Tiña cinco aniños. E logo, do internado no Colexio de Celanova, solene, aterecido, resoante, gaiola dourada:-un témero mosteiro, a miña escola-. Para rematar os estudos de Bachiller Universitario (daquela chamábase así), o Instituto de Pontevedra, no 1926. E remataríaos ben: tíduo con nota de sobresaínte e Premio Extraordinario. Alí estaban de mestres Lousada Diéguez, Castelao, Sobrino…, xentes sabedoras na cencia da galeguidade que soñaban e traballaban por un porvir mellor para a Terra. Viríalle tamén ao recordo aquela incerteza de ter que escoller camiño para a vida aos quince anos. Elexiu Cencias, e perdéu o tempo en Compostela i en Madrid, refugando da –análitica- e despicándose nas redaccións, nas tertulias, no Ateneu. Madia leva cando refire que, deixando o camiño errado, abondáronlle dous cursos para facer a carreira de Dereito, e menos de outros dous para ingresar na Carreira Fiscal, co primeiro destino en Ourense, ao pé dos homes do –Nós-: Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas. Logo viría á Pontevedra da posguerra, ca xentiña do Museo, de –Sonata-, de –Litoral-, da tertulia do –Birinbao-: Iglesias Alvariño, Bouza, Portela, Peña, Viñas, Torres, Landín…

Dende neno, a escribir: lírica, refendas, teatro, crítica, dereito, artigos, moitas traballosas e belidas versións, antre elas a da Biblia ao galego. Fixo periodismo moi cedo, dirixiu xornaes de loita e revistas. De tan fartas anadas Casado Nieto –ún dos nosos poetas maiores-, autoridade da fala –vai escoller agora os froitos do viñal benquerido: o da poesía. A xeira leva por nome “Vendima”. Tiña ben onde escolmar, denque aquil primeirizo, cuase infantil, libriño de versos, “Retazos”, que lle prologara Herminia Fariña, no 1927. No 1930, saía “Amor i eleuciós”. Cinco anos despóis tiña pra o prelo “Sol e lúa, versos do día e da noite”. “Orto” saíu xa en Barcelona, no 1942. En adiante virían: “Orballo ispido” (1955), “O ronsel do meu silencio” (1956), “Canta de lonxe o corazón do tempo” (1969)…, e aínda ten no peto “Falo cos meus”.

Neste medio século foi camiñando cas mudanzas da poesía, leal sempre ao seu esprito. No escomenzo, como todos nós, Rosalía, Curros, Valle-Inclán, Pondal. Pouco despóis o descobrimento de García Lorca, e o de Amado Carballo, cando poucos sabían entelo. Rendíu tributo ao hilozoísmo, achegouse, por un tempo, aos ultraístas, adeprendeu ben os recursos do neopopulismoe do anovamento das formas trovadorescas, levado ao cume polo –compadre seu- Alvaro Cunqueiro. Na década dos cincuenta, acena unha volta ao parnaso renacentista cos escorreitos sonetos da “Parábola do fume eterno” e cos “Tempos” de “Nas trebas da miña voz”. A fala poética vaise ceibando das ataxentas da rima e das unidades métricas. Mesmo sinte, sen ceder a íl, o anceio de fuxir da gramática e de percurar unha melodía sen verbas: “ Se eu soubera falar como iles falan!/Pro nós sóio sabemos /poñer suxeito, verbo, complemento…/ Qué pouquichiña cousa / para afondar no misterio!”. A carón dos temas da natureza e da vida, do alén e do infindo foron xurdindo os da diáspora, o pranto polos que so foron: “ Cánta mourenza, cánta, morte negra!”. “Fala cos seus” ha ser a testemuña do galego esencial, entendedor de canto foi o seu entorno e deliñóu o seu vivir: “ Douche as gracias, ouh Deus, po facéresme galego!”.

Cando me puxen a debullar estas verbas, non facía mentes de me entrar polas portas da obra de Casado Nieto a escudriñar nos recantos das ideas e das formas. Quixera somentes decirvos cómo foi xurdindo e medrando níl a fala poética e de qué feito atoparedes sempre nela o home bó e xeneroso, afinal todo amor-, que non finxe os sentires e que loita arreo co anxo da fala para que poida chegar deica nós o eco das súas emocións. Un home que prefire camiñar polos outos e que refuga os neboentos lameiros do fondo do val: o Castro está nun outeiro. É un home de camiño, e de camiño na montaña, sempre a albiscar abertas largacías. Decíalle don Ramón: -e cas súas verbas remato- “vostede alenta sempre nunha xuventude de novicio de Montederramo no XV, mozo máis profeso na serra que na régoa”. Non pode facerse mellor semblanza en menos verbas. Nelas está canto hai en Casado Nieto de perenne mecedade, de contino adestramento, de lealtade á religación, de libertade de esprito, polo natural, frente ao canon e o preceptismo…e hastra un topónimo que cifra a conxunción de cume e do ramo, o –ramo frorido- das cantigas, onde Deus deixa sempre un doce froito
para os poetas.

domingo, julio 22, 2007

Voltar perto do transformador


O exceso de obrigas profesionais impediron facer algunha entrada ultimamente. Se un se deixa levar, ese lugar que se atopa lonxe do transformador, que xa é un espacio moi importante na vida miña e dos meus, as obrigas e as responsabilidades, poden consumir todo o tempo que un ten para seguir alimentando esta fiestra. Un espacio no que entre eu o os meus lectores vamos construindo unha caldelas imaxinaria, reflexo da que levamos na nosa memoria ou da que construimos frente a dura realidade. Agradezco a fidelidade dos moitos que entran cada día nesta praza, dende lugares máis alonxados que un poida imaxinar, e o alento que supón para seguir nesta andaina, que xa vai para ano e medio. Gustaríame que participaran máis, ainda que sexa de forma anónima, sempre que se manteña o respeto polas opinións dos demáis.