lunes, julio 23, 2007

Casado Nieto, "...xuventude de novicio de Montederramo no XV..."



Buscando entre os libros que teño na casa do Castro o azar fixo que “Vendima” de Manolo Casado Nieto caira de novo nas miñas mans. “Vendima” foi un dos primeiros libros de poesía que Olegario Sotelo Blanco levou ó prelo alá polo 1982. É unha escolma de poemas xa publicados e outros inéditos.

Xosé Filgueira Valverde escribiu para a ocasión un fermoso e interesante limiar no que se perfila un retrato cas andainas deste caldelao.

Quero lembrar tamén que sendo Conselleiro de Cultura, Filgueira Valverde, Casado traballou arreo pola creación da actual biblioteca do Castelo. Non estaría demáis algunha lebranza, nun rinconciño, desta fiestra aberta por Casado e Filgueira.

“ Cando chega o outono, ise caldelao que leva no cerne Manuel Casado Nieto sinte máis punxente a señarda do Castro. Antre os seus libros, na Fiscalía, camiñando de vagar polas Ramblas ou polas vellas rúas do Barrio Gótico, ten un desacougo que non se atura. É que aló están xa na sazón das vendimas. Quén lle dera andar nelas arastora: baixar correndo dende o Cima da Vila, atrochar o Prado, a saudar xente, porque todos lle teñen lei como lla tiveron aos seus pais. E coller o camiño cara Torbeo, ou cara Lumeares, onde os acios aviñados van caíndo no queipos, antre risadas e cantigas…
-Vellos anotos que lañan xa na foxa da acordanza-.

Tempo vendimieiro, -outono farto e dourado- Tamén chega a il, o escritor, nunha lucidía, vizosa naturalidade. E pode botar unha ollada á colleita, garelo da súa fartura. Mirándose nela, remese nas lembranzas dos primeiros anos, na casa paterna de Caldelas e na –matria- de Verín, e de aquela primeira door inesquecibre:-vou de negro porque morreu o meu pai-. Tiña cinco aniños. E logo, do internado no Colexio de Celanova, solene, aterecido, resoante, gaiola dourada:-un témero mosteiro, a miña escola-. Para rematar os estudos de Bachiller Universitario (daquela chamábase así), o Instituto de Pontevedra, no 1926. E remataríaos ben: tíduo con nota de sobresaínte e Premio Extraordinario. Alí estaban de mestres Lousada Diéguez, Castelao, Sobrino…, xentes sabedoras na cencia da galeguidade que soñaban e traballaban por un porvir mellor para a Terra. Viríalle tamén ao recordo aquela incerteza de ter que escoller camiño para a vida aos quince anos. Elexiu Cencias, e perdéu o tempo en Compostela i en Madrid, refugando da –análitica- e despicándose nas redaccións, nas tertulias, no Ateneu. Madia leva cando refire que, deixando o camiño errado, abondáronlle dous cursos para facer a carreira de Dereito, e menos de outros dous para ingresar na Carreira Fiscal, co primeiro destino en Ourense, ao pé dos homes do –Nós-: Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas. Logo viría á Pontevedra da posguerra, ca xentiña do Museo, de –Sonata-, de –Litoral-, da tertulia do –Birinbao-: Iglesias Alvariño, Bouza, Portela, Peña, Viñas, Torres, Landín…

Dende neno, a escribir: lírica, refendas, teatro, crítica, dereito, artigos, moitas traballosas e belidas versións, antre elas a da Biblia ao galego. Fixo periodismo moi cedo, dirixiu xornaes de loita e revistas. De tan fartas anadas Casado Nieto –ún dos nosos poetas maiores-, autoridade da fala –vai escoller agora os froitos do viñal benquerido: o da poesía. A xeira leva por nome “Vendima”. Tiña ben onde escolmar, denque aquil primeirizo, cuase infantil, libriño de versos, “Retazos”, que lle prologara Herminia Fariña, no 1927. No 1930, saía “Amor i eleuciós”. Cinco anos despóis tiña pra o prelo “Sol e lúa, versos do día e da noite”. “Orto” saíu xa en Barcelona, no 1942. En adiante virían: “Orballo ispido” (1955), “O ronsel do meu silencio” (1956), “Canta de lonxe o corazón do tempo” (1969)…, e aínda ten no peto “Falo cos meus”.

Neste medio século foi camiñando cas mudanzas da poesía, leal sempre ao seu esprito. No escomenzo, como todos nós, Rosalía, Curros, Valle-Inclán, Pondal. Pouco despóis o descobrimento de García Lorca, e o de Amado Carballo, cando poucos sabían entelo. Rendíu tributo ao hilozoísmo, achegouse, por un tempo, aos ultraístas, adeprendeu ben os recursos do neopopulismoe do anovamento das formas trovadorescas, levado ao cume polo –compadre seu- Alvaro Cunqueiro. Na década dos cincuenta, acena unha volta ao parnaso renacentista cos escorreitos sonetos da “Parábola do fume eterno” e cos “Tempos” de “Nas trebas da miña voz”. A fala poética vaise ceibando das ataxentas da rima e das unidades métricas. Mesmo sinte, sen ceder a íl, o anceio de fuxir da gramática e de percurar unha melodía sen verbas: “ Se eu soubera falar como iles falan!/Pro nós sóio sabemos /poñer suxeito, verbo, complemento…/ Qué pouquichiña cousa / para afondar no misterio!”. A carón dos temas da natureza e da vida, do alén e do infindo foron xurdindo os da diáspora, o pranto polos que so foron: “ Cánta mourenza, cánta, morte negra!”. “Fala cos seus” ha ser a testemuña do galego esencial, entendedor de canto foi o seu entorno e deliñóu o seu vivir: “ Douche as gracias, ouh Deus, po facéresme galego!”.

Cando me puxen a debullar estas verbas, non facía mentes de me entrar polas portas da obra de Casado Nieto a escudriñar nos recantos das ideas e das formas. Quixera somentes decirvos cómo foi xurdindo e medrando níl a fala poética e de qué feito atoparedes sempre nela o home bó e xeneroso, afinal todo amor-, que non finxe os sentires e que loita arreo co anxo da fala para que poida chegar deica nós o eco das súas emocións. Un home que prefire camiñar polos outos e que refuga os neboentos lameiros do fondo do val: o Castro está nun outeiro. É un home de camiño, e de camiño na montaña, sempre a albiscar abertas largacías. Decíalle don Ramón: -e cas súas verbas remato- “vostede alenta sempre nunha xuventude de novicio de Montederramo no XV, mozo máis profeso na serra que na régoa”. Non pode facerse mellor semblanza en menos verbas. Nelas está canto hai en Casado Nieto de perenne mecedade, de contino adestramento, de lealtade á religación, de libertade de esprito, polo natural, frente ao canon e o preceptismo…e hastra un topónimo que cifra a conxunción de cume e do ramo, o –ramo frorido- das cantigas, onde Deus deixa sempre un doce froito
para os poetas.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

pódese ser xeneroso tendo obsesión por xuntar capital?

Bautista Sotelo dijo...

Non sei por onde vás... as persoas poden ser moi complexas e incluso ter contradición... e seguir sendo moi interesantes... Casado Nieto é, sen dubida, dende o meu punto de vista, un Caldelao con unha obra e vida moi interesante.

Anónimo dijo...

Por moito que che interese sería bon que non contamines unha obra literaria con andanzas e contradicións de outros réximenes.Analiza os escritos, a vida non é unha novela e moitas cousas mancan.