sábado, septiembre 05, 2009

O reino do cativo Balduino, lembrando ao Nano Baldonedo


Os meus primeiros anos están asociados á rúa Progreso, —que fermoso nome a resgatar—, onde o meu pai tiña o seu estudio de fotografía e a vivenda, pero sobre todo lembro o espazo diante do comercio novo, ese é o gran espazo da miña infancia, e alí estaba o vello comercio novo, os “almacéns Harrods”, dí con orgullo Iago Casado, un comercio de ultramarinos mítico na Terra de Caldelas. Alí un podía mercar dende bacallau ao mellor pimentón e as mellores conservas, panos de Sabadell, boinas de Bilbao, ata cobrar un cheque librado na Habana, a través do Banco Pastor. Un microcosmos ao que me gustaba ollar, sentado no alto do inmenso mostrador de madeira de castaño. Alí reinaba Don Abelardo, o home de Casado Nieto no Castro, que era un tipo que a un neno lle metía respeto e que adicou un gran esforzo a esclarecer se o noso rio se chamaba Edo ou Caldelas. Pero daquela a alma do comercio era o Nano, como máis tarde foi o Pepe. Alí o tempo pasaba lentamente, escoitando mil historias. Os cativos xogabamos diante deste comercio, era un lugar amigo e coido que amolábamos moito pero non lembro conflito algún. Nano decidiu rebautizarme como Balduino, polo nome da miña irmá Fabiola, e durante esa etapa da miña vida reinei naquel espazo, ou así é como eu o lembro. Se a miña información é boa, Nano Baldonedo foi un dos catro que fundaron o PSOE de Castro Caldelas, e esta é a miña pequena lembranza dun home bo de caldelas.

No hay comentarios: