miércoles, septiembre 06, 2006

Casino Cultural e Deportivo



Alá polo ano 1956 fundouse o Casino Cultural e Deportivo de Castro Caldelas. Fundárano Don Gonzalo Fidalgo, Don Cesar Fernández, Xesús Losada, o Javierito da Sofía e o Manolito, pai da Aurorita. O presidente era Don Cesar, o dentista, e o secretario era Don Luis, o pai da María Mercedes. O casino estaba situado nos baixos da miña casa do Castro (Estrada de Ourense,4). O Casto facía as veces de secretario do casino. Neste club xogábase as cartas, celebrábanse festas, bailes de disfraces e era un lugar de encontro para un grupo de mozos do Castro. Imaxino que debían de ter un tocadiscos co que se animaban os mozos de finais dos anos 50. Na foto aparece unha taza de café do casino, regalo do Gonzalito, o fillo de Don Gonzalo, e que pertencía ó casino. A outra é unha foto de X.B. Sotelo Blanco, dun baile de disfraces, no xardín do casino. Foto resgatada dos arquivos persoais do Luisiño e da Margarita. Vendo esta foto non parece que o pasara tan mal a xeración dos nosos pais.

No hay comentarios: