domingo, agosto 17, 2008

O punto de vista dos veteranos


Cando se organiza un curso de fotografía estase aprendendo a ollar, a limpar a mirada e mirar de novo, ao pequeno, ao grande, aquelo que nos chama a atención ou o contrario, aquelo que é invisibel. Moitos veciños, incluso caldelaos da terceira idade participaron no curso e ao final fixeron fotos do lume no San Sebastian. O resultado é unha sorprendente exposición de fotos sobre os fachóns e o San Sebastian que merece a pena ver polo punto de vista que aportan istes veteranos caldelaos.

Alentar, promover, asesorar, informar e sobre todo sementar… esto é o que fai Pepita e o seu pequeno equipo (Dori e Amelia) da Fundación Terra de Caldelas, E faino dende a fermosa casa da “ruín de fariñas”, exemplo de de rehabilitación.

lunes, agosto 11, 2008

Reflexo


Reflexo na ponte das taboas

De Harlem a Santa Tegra


Modesta que vive en Nova York dende finais dos anos 40, volta a ver a súa familia a Santa Tegra. Cinco irmans reunironse onte na festa da luz, catro xa superan os oitenta anos. Modesta viaxou co seu fillo, a súa nora e os netos para non deixar pasar un ano sen estar cos seus.

viernes, agosto 08, 2008

Castro Caldelas, novo empedrado da zona vella


As obras do novo empedrado avanzan por diferentes rúas e prazas do casco vello. Molestan, sí, as obras sempre molestan...pero son boas e necesarias. Parece que se está a facer unha obra de calidade e tamén de gran alcance... novos saneamentos, etc. Xa era hora de que o Castro recibira as axudas necesarias para acometer este importante proxecto. O noso patrimonio necesita destes cuidados e a forza do exemplo debe influir nas futuras execucións privadas e públicas. Mágoa que esta mellora tan importante da calidade das nosas rúas e prazas non signifique tamén un cambio no seu uso, e que continúen a ser os coches, en gran parte, os seus beneficiarios.

Carlos Blanco, comer, beber...

Na terra do viño Carlos Blanco aproveitou para falar da nosa relación co viño.

jueves, agosto 07, 2008

Caldelas Sacra, un restaurante con historia

Na rúa grande, onde a pendente empeza a perder forza, antes da fonte dos dous caños, a carón da casa do Cura, construida sobre a vaidade da do Conde de Oleiros, ahí está a casa rural Caldelas Sacra. Quique e Euxenia, logo de moitos traballos e viaxes por mares que non eran os seus, non lograron borrar o tatuxe que imprime na memoria o lugar onde un nace e se fai. Voltaron a terra e levantaron con moito esforzo, mimo e ilusión este pequeno hotel con restaurante. Na galería, onde o rico e poderoso Don Germán ollaba para as súas posesións na ribeira, hoxe pode calquera, vilego ou aldeán, sentar na súa mecedora e saborear un caldo, un revolto de grelos, un polbo ou un bacallao á galega, e acompañalo con calquera viño da variada adega da Ribeira Sacra. O ambiente confortable, tranquilo e luminoso, está presidido por un retrato dunha parella de vilegos, antergos do Quique, que observan a circulación de ricas viandas que lles van pasando por diante, e non acadan de dar fe desta época, na que a fartura está bastante xeneralizada.

Pablo Devigo gaña en Lorient o trofeo MacCrimmon





Pablo Devigo gañou este sábado o trofeo MacCrimmon, no festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. O MacCrimmon é un dos trofeos mais prestixiosos e nel participan gaiteiros galegos, asturianos e bretones. Pablo, de 18 anos, continúa así a súa brilante carreira. Esperamos poder escoitalo algún día no Castro.

O Festival de Lorient, que se celebra entre o 1 e o 10 de agosto, cumpre iste ano a súa 38 edición. Reúne a músicos de todolos territorios celtas, da Bretaña, da Galiza, de Asturias, de Cornualles, de Irlanda, Escocia, da isla de Man e do País de Gales, que iste ano é o país convidado.

martes, agosto 05, 2008

A sociedade segreda e ilegal

A asociación Amigos de Caldelas, por fín da datos e pon enriba da mesa información perto da sociedade segreda e ilegal da que falou Quico Cadaval…
Cámara: Xosé Luis (Do Milucho).

lunes, agosto 04, 2008

A noite de Quico Cadaval


Se o primeiro día a choiva e o exceso de consumo de luz xeraron algunha sombra, superadas pola profesionalidade de Carlos Blanco e a xenerosidade do público, na segunda noite, un universo de estrelas iluminou o éxito da convocatoria. Según moitos seguidores do narrador de Ribeira, foi unha das súas mellores actuacións. Houbo moita xente, máis da que esperábamos, perto de 300 persoas, un público entregado. Baixo a protección de San Paio, Quico impugnou os contos, descubriunos a moitos outro punto de vista sobre as historias que se lle contan aos nenos. Coa historia de Presenta viaxamos á súa infancia. Coa súa versión do complexo de Edipo, mentres a súa nai prepara unha carne guisada, manexou ao público como o vento manexa as follas dun árbore.
Foto: Carlos Campos

viernes, agosto 01, 2008

Carlos Blanco engaiola na Ribeira Sacra



Noite de verán. Risas a escachar. Problemas, sí. Pasar a acción significa correr riscos. Por momentos chegou a luz a este mosteiro máxico, novo espazo para a cultura. Xente de Ourense, de Monforte, Chantada, Trives, Doade, Abeleda, santa Tegra... e, sorprendentemente, algún había do Castro. Hoxe contaremos con Quico Cadaval, actor e director teatral de gran prestixio. Ven de camiño e chamou para decir que parou a dormiu unha siesta nunha carballeira antes de chegar a Monforte, polo que virá moi descansado. A cousa promete, o número de entradas vendidas é alto. Seguro que será unha noite para lembrar. Foto: Carlos Campos.

jueves, julio 31, 2008

Hoxe, “dúas noites de contos”




Xa está case todo preparado para a noite de contos. É a primeira vez que os Amigos de Caldelas organizamos este acto e esperamos que o tempo e os elementos se poñan da nosa parte, que a maxía do mosteiro de San Paio chegue a todos os que nos confirmaron que alí estarán. Vendéronse moitas entradas e esperamos vender máis alí, media hora antes do acto. Amigos de Caldelas, xente do noso Concello, todos axudan a que cousa marche ben.

miércoles, julio 30, 2008

O proxecto de José Luis


A axencia Efe ven de dar a noticia do nacemento da marca de productos de agricultura Mosteiro de San Paio, noticia que recolleron diferentes medios, sobre todo de carácter económico. Desde o día que o noso amigo José Luis Táboas descobriu o mosteiro, xa hai catro anos, nunha visita ao Castro, quedou fascinado. Despois de esa visita voltou en diversas ocasions, incluso veu a unhas festas dos Remedios. José Luis decidiu rehabilitar o mosteiro e poñer en marcha un proxecto de agricultura que potencie os productos da nosa zona. Nacido en México, de país ourensans, de Beariz, e instalado dende hai anos en Pontevedra, José Luis é un empresario valente e un home convencido de que os soños se poden cumplir á forza de moito traballo e tesón.
Con enorme tozudez, perseguiu desde entón ese soño. Non foi doado porque o bisbado recuperou a propiedade do mosteiro e él tivo que chegar a un acordo. Foi unha boísima noticia saber que o conseguía.

Cando na asociación amigos de caldelas pensamos en organizar Dúas noites de contos, pensamos que o adro do mosteiro era o lugar ideal. Un espazo histórico que debe voltar a ocupar un lugar na nosa vida. José Luis aceptou con moita xenerosidade acollelas.

martes, julio 29, 2008

Despois do espéctaculo viño da Ribeira Sacra.


O luns, un pouco antes das 14h, na Ser, Carlos Blanco estivo a falar de Dúas noites de contos. Era na desconexión para Ourense, no curso dunha entrevista para falar do seu espetáculo de este xoves e do de Quico Cadaval, que será o venres, no mosteiro de San Paio.

A través da Ser podedes conseguir entradas para os espectáculos. Basta con chamar e contestar unha pregunta sinxela. Regalan 10 entradas. Iste verán Carlos é tamén un habitual do programa La Ventana, no que participa os martes na tertulia. Explicou tamén que, ao finalizar o espectáculo, nese fermoso espazo que está na entrada do mosteiro, a Asociación de adegueiros da Ribeira Sacra ourensá ofrecenos a posibilidade de tomar un viño debaixo dos padrairos. Esperamos que será un final redondo para o que esperamos sexa unha fermosa noite verán.

sábado, julio 26, 2008

"dúas noites de contos", preparativos

Alá no mes de xuño, polo San Xoán, Carlos Blanco, Dani e nós achegámonos ao mosteiro de San Paio para ver o espazo e últimar os preparativos. Acompañounos Eladio Osorio e algúns veciños de Santa Tegra.

I mostra de viños da Ribeira Sacra ourensá


Con moita forza e ilusión empezou hoxe a primeira mostra de viños da Ribeira Sacra ourensá. Houbo probas, catas, conferencias e visita da ministra Elena Espinosa. Moito público e agua para unha iniciativa de moita calado que nos pon ao día dos viños que produce a nosa terra.

faltan 5 días


En xuño, Carlos Blanco visitou o mosteiro de San Paio para ver as posibilidades de "dúas noites de contos".  Cando se abriu a porta do mosteiro e viu todo o que se asomaba ao adro mostrouse fascinado pola idea de facer unha contada neste lugar, pola noite. Estou preparando un pequeno video desta visita para seguir facendo boca.

jueves, julio 24, 2008

Para facer boca, Carlos Blanco

Carlos Blanco, persoaxe coñecido da TVG ten feito monólogos nos seus programas moi celebrados como este que se atopa no you tube sobre os carteis das vodas.


miércoles, julio 23, 2008

Entre bancais, fermosas noites de verán



Si a cousa vai ben e non se torce, ao rematar os contos o público poderá tomar unha copa de viño de calquera das adegas da nosa zona. Estamos falando ca Asociación de Adegueiros da Ribeira Sacra que instalará un pequeño espazo fora do mosteiro, perto dos centenarios padrairos, para todos os que teñan un chisco de tempo e queiran seguir disfrutando destas fermosas noites de verán en San Paio.

domingo, julio 20, 2008

Dúas noites de contos, faltan 11 días



Todo está en marcha. Os “Amigos de Caldelas” estámos preparando todo para que “dúas noites de contos” teña o éxito que merece esta doble oportunidade: escoitar a Carlos Blanco e Quico Cadaval no adro do mosteiro de San Paio. Alí a carón da porta que da ao sagrado, onde unha imponente escada accede a parte alta do mosteiro, Carlos e Quico, baixo a lúa da ribeira Sacra, nunhas fermosas noites de verán, esperemos que sen choiva, texerán os seus xogos de verbas retranqueiras. O aforo deste espazo é limitado polo que pregamos os interesados que merquen con tempo as entradas no 902 43 44 43 ou na páxina de caixa galicia.

Tudela, parque natural de Bardenas Reales


En Navarra, nunha terra rica en verduras, entre os trigais, non hai moito brotou este hotel de vangarda, Aire de Bardenas. Á primeira ollada, un lugar onde ninguén pararía, nen para botar un pito. Antes de entrar na fermosa vila de Tudela, unhas arriscadas e valentes mozas sembraron de beleza e poesía unha paraxe inhóspita, á entrada do parque natural das Bárdenas Reales, declarado Reserva da Biosfera. Unha aposta pola beleza segreda das cousas arrodeada de unha muralla de caixas de froita. Luxo esencial. Dous arquitectos novos deseñaron todos os mobeis e obxectos necesarios para relaxarse e descansar neste novo motel de estrada.