lunes, julio 31, 2006

Posta de sol


Onte poidemos contemplar en Castro Caldelas unha extraordinaria e fermosa posta de sol. Os últimos raios de sol filtrados polas nubes deron como resultado unha composición de gran beleza sobre o monte Meda.

Mariña vai a fonte


A miña cativa ven onda a mín e co seu sorriso agarrame da man e dime que quere dar un paseo. Eu deixome levar. A súa vista e sorprendida polos carteis de xelados do Grilo; convenzoa de que é mellor seguir. Pasamos a praza do prado. Subimos pola pequena pendente da rúa pequena. Saudamos a filla da Sra. Aurora e chegamos a fonte da rúa grande, perto do antigo pazo do Conde de Oleiros. Era eiquí onde quería vir a Mariña. Gustalle beber auga da miña man. Rise, rise moito, faille gracia beber a auga que reten escasos segundos a cunca da miña man, mentres ela sorbe e sorbe.

domingo, julio 30, 2006

Mozos de festa


Case non había coches e o normal era ir dun lado para outro nas vestas que cada casa tiña. Ir a ver unha moza a ribeira. Mercar unha fouciña en Quiroga. Ir as feiras. Lembro as feiras de entón con vestas atadas por todos os recantos da vila mentres esperaban os homes que apuraban un trago nas tabernas, negociaban cos tratantes ou gastaban algunhas moedas da venda dalgunha vaca ou porco. Os mozos cabalgaban con moita elegancia e soltura pois dende nenos convivian cas vestas e cabalos da casa. Como se ve ían ben elegantes e sempre levaban unha manta pra volta, a noitiña, cando o fresto chega a ser frio. A foto foi feita por Xoán Bautista Sotelo Blanco. O mozo da esquerda é o Raúl dos Espiñeiros, o do medio é o Hilario de Mazaira e o da dereita é o Antonio de Alende. Un dos sitios onde os mozos soían acudian cas vestas era a festa de San Xoan de Rio e a festa do San Pedro do Burgo.

O tabeiron da modernidade


Mozas de Caldelas. Foto feita por Xoán Bautista Sotelo Blanco. A finais dos sesenta as mozas e mozas soianse retratar diante de motos e coches como símbolo da modernidade. Esta foto, xunto con outras, foron atopadas en Mazaira no album dos recordos da Carmiña do Bolero.

A escada da rúa do sol


No tempo dos canteiros as pedras eran moi ambiciosas e orgullosas; Sabían que podían conquerir calquera forma. Ser columna dunha fermosa casa, baranda dunha solaina, chimenea, escudo dun orgulloso señor ou escada dunha fermosa casa. A foto mostra unha escada que se atopa na rúa do sol e da acceso a unha casiña que ben podería ser de monecas.

Outros usos perto da praza do prado


Non todo son fermosos rincons nesta vila medieval. Dentro do casco historico, a escasos metros da fermosa casa de Manolo Casado, o antigo comercio novo, vemos como van mudando os usos. Nin nos tempos no que comercio novo era unha referencia para mercar na bisbarra se vía esta acumulación de materiais, máis propios dun polígono industrial.

A auga da Fonte vella


Nos sesenta ainda había moitas casas sen auga corrente. Xoan Bautista e Pepita, vidos da parroquia de Mazaira, casaran facía pouco. Alugaban unha pequena vivenda ó pai da Martina na parte de atrás da antiga tenda do Milucho (O Glorioso). A maior parte desta vivenda estaba ocupada polo laboratorio e o estudo do meu pai. Xoan Bautista era o retratista da vila e no seu laboratorio, para levar a cabo o revelado de negativos e o positivado, necesitaba moita auga limpa que saía da fonte vella. A miña mai sempre nos hembra os moitos baldes de auga que apañaba para axudar no milagre da conversión do bromuro de prata.

miércoles, julio 26, 2006

O espazo da Ponte das Taboas


A principios dos setenta, cando non había ponte, os coches atravesaban a estrada que ía a Mazaira por onde hoxe está a piscina. Os coches tiñan que atravesar o rio e continuar por unha estrada de terra. Entón había poucos coches e o normal era viaxar nas caballerías polo camiño de Valdigrou, que atravesaba a ponte que hai a carón do Muiño do Laberco. A Ponte das Taboas íamos a bañarnos os nenos a un porraca que non cubría máis ala das rodillas.


Hoxe naquel lugar construiuse unha piscina con mesas de pedra para merendar e instalacións para os cativos. A piscina recolle a auga do rio que entra por un lado e sai polo outro. É como bañarse no mesmo rio. O lugar conta cunha frondosa vexetación que protexe dos calores do verán. Auga, polo que puiden comprobar, agora, en xullo ten boa temperatura, e debe de ter algunha propiedade que deixa a pel limpa como o mellor xabón.

martes, julio 25, 2006

O manantial curativo de Piñeira


Moi perto da vila, atopase un manantial de moito valor para os Caldelaos. É unha fonte humilde e con problemas de accesibilidade pero de gran fermosura conceptual. Atopase no medio duns lameiros, en pendente, e debaixo dun carballo, a carón dun regato que recolle as augas desta fonte. O olor desta auga parecese ó dos ovos chocos. A riqueza deste manantial mineiromedicinal ten aliviado doenzas ó longo da historia. Sempre veu xente a toma-las augas polas súas propiedades curativas. Neste lugar de certa maxia e misterio algúns toman auga durante nove días e dín que si se segue ben o ritual non haberá logo nin resto de catarro durante o inverno. Según dín, tamén, cura enfermedades da pel e fai cicatrizar as feridas.

lunes, julio 24, 2006

Outro simulacro


Perto da fonte do Cimadavila, nunha casiña que hai no frente atopaxe outro exemplo de simulacro. Moitas das casa que arrodean o Castelo están construidas sobre unha gran pena. A foto mostra o encintado dunha pedra de dimensións importantes, que en lugar de resaltala como valor en si mesmo, queda disimulada polo encitado. Nestes simulacros atopo eu rasgos que definen a nosa persoalidade e sobre os que deberíamos de reflexionar.

maisaladotransformador/simulacros

A ruta dos muiños





Si o calor apreta, pero queremos ir a dar un paseo por Caldelas, recomendo a ruta dos muiños. A maior parte desta ruta faise baixo unha enorme bóbeda de árbores, acariciados polo frescor que produce o rio. A xenerosa vexetación que crece nas ribeiras desta ruta fai baixa-la luz ata facerse prematuramente noite. Por moitos buratos desta inmensa bóbeda filtranse raios de luz que se reflexan nas augas marrons coloreadas polas raices dos arbores que crecen nas súas beiras.

Gustame baixar polo antigo camiño do Valdigrou, que empeza onda granxa dos Farraca e, baixo un bosque de castaños e carballos, levanos ata o Muiño do Laverco, hoxe rehabilitado pola Fundación Sotelo Blanco. Alí collemos pola beira esquerda ata a zona da piscina. O paseo dura perto de media hora, e a parte do muiño do Laberco, podemos ver otros dous muiños en ruiña con unha fermosa ponte que atravesa o rio.

domingo, julio 23, 2006

Paiasos na praza do prado


Onte, entre lusco e fusco, o Concello trouxo un grupo de paiasos que animaron os nenos e maiores que se acercaron ata praza do prado. Fixeron malabarismos de gran envergadura e lograron a complicidade dos máis novos.

Nova tenda de artesanía


A finais do mes de xuño abriu unha nova tenda de artesanía perto da librería Nós. Nesta tenda podese atopar: cerámica tradicional (Gundivós, Niñodaguia), roupas de liño, xoguetes de madeira, mermeladas da Terra de Baronceli, esculturas talladas en madeira, bisutería e xabóns da Maite Vázquez, entre outras moitas cousas. Noraboa a iste proxecto que mostra a vitalidade da actividade comercial orientada o turismo.

sábado, julio 22, 2006

A tía Lucita


Entre venda e venda sempre hai un momentiño para poder sentarse no muro do comercio novo e ver como anda o ambiente no prado. Neste asento de pedra é habitual atoparse co sorriso da Luz. Luzdivina coma súa abóa paterna. Filla do Antonio e da Matilde da Airexa. A Lucita formouse primeiro axudando a súa irma no Blanco, logo no comercio do Alfredito e máis tarde casou co Pepito (fillo do Castor), e dende o mostrador do comercio novo descubriron o mundo. O seu fillo Andrés triunfa agora como peluqueiro na cidade de Vigo. A luz e tamén divina e por isto debe de ter tanta paciencia co Antón e ca Mariña cos que sempre está disposta a xogar.

Paseo polas rúas de Mondoñedo


Os nenos corrian polas rúas da capital mindoniense. Era mediodía e pensamos que os berros dos cativos ían espertar os que estaban a durmir a siesta. Dende o alto dunha silla saudounos Cunqueiro. Pregunmoslle onde podíamos comer e él, gran experto nestas cousas do xantar dixonos que se queríamos comer ben, que fosemos a un club de xubilado que se atopa perto da catedral. Puxemos cara de sorpresa e él, fixo un xesto, dicindo que as cousas estaban asi, e que Galicia necesitaba mil primaveiras máis. Non quixemos discutir e alí fumos. No noso paseo por ista vila medieval, onde Pardo de Cela desafiou os Reises Católicos, un vello reloxeiro mantivo un longa conversa ca Mariña, que lle manifestaba o ben que facían os espaguetis con carne os xubilados desta vila tan principal.

A cidade que renace


Esta foto non ten nada que ver con Caldelas, pertence a un lugar máis alá do transformador? É unha foto que fixen fai uns días en Getxo, en Bilbao, na bocana da ría. O fondo vese a silueta das grúas deste importante porto. No primeiro plano vese unha escada que se funde no mar, unha metáfora da decadencia desta importante cidade da primeira revolución industrial que agora renace con forza a través de mulplipes manifestacións artísticas.

A mariña luguesa



Dende fai moitos séculos os caldelaos relacionanse social e comercialmente con Lemos. O Conde de Lemos recollía o froito dos seus foros en Caldelas, xa fora en forma de centeo ou en forma de trigo. Os mozos seguen casando en Lemos e non perden unha feira en San Clodio ou en Quiroga. A provincia de Ourense, cos lindes tal como os coñecemos, nace froito dunha división administrativa de Xavier de Burgos a finais do século XIX. O limite natural do Sil, que nunca antes fora un limite pros de Caldelas, muda as relacións ancestrais e xera novos vinculos ca capital de Ourense.

Se temos en conta o anterior, pertencemos máis a Lugo que a Ourense. Xa que logo, o noso mar non é praia america senón máis ben a mariña luguesa e ata alá fumos para ver o que debería ser o noso mar natural.

O sol abunda menos pero a fermosura e engado das praias da mariña provocou en nós unha forte emoción. A foto mostra a praia das catedrais nun día cheo de calor e nevoa. O xogo das mareas e a nevoa distorsiona a realidade ata producir nos visitantes unha sensación máxica.

O viño da Ribeira do Sil


Cumpriuse o soño. O longo dos últimos dez anos as vides das ladeiras do sil, a maior parte o ermo, froleceron. Hoxe están cultivadas, ordeadas e mimadas coma se dun gran xardín se tratara. Fixeronse camiños novos que permiten sacar o viño con tractores e permiten o acceso a pequenas máquinas que aran os bancais. Instalaronse motores que permiten subi-los sacos das uvas dende o fondo das viñas.

Decía Josep Pla, o gran escritor catalán, que lle emocionaba máis ca o gran cañon do colorado, obra da natureza, as obras do home e puña como exemplo os bancais de pedra feitos o longo de sécalos pola man do home para poder cultivalos montes.

O mesmo pasou no val da Abeleda. Froreceron de novo as vides por todo-los lados desta terra. Naceron adegas con marcas importantes como a Ponte da Boga, Ponte Loma, Peza do Rei, Alodio e outras. Froito delicioso, mimoso e sutil que leva o nome desta terra polo mundo. Viñas o ermo dende fai moitos anos voltaron a recupera-la súa fermosora e vitalidade. A uva mencía, godello e treixadura son as variedades autóctonas que renacen nestas terras.

Agora soio falta, para que iste soño bote raices, que utilice os novos medios de comercialización e que saía a vender os seus viños noutros mercados alleos esta terra.

viernes, julio 21, 2006

Novo libro de Olegario Sotelo Blanco



Olegario acada de publicar XENTES DO MAR DO GROVE. Aproveitamos algunhas notas do limiar de Francisco Fernández Rei.
Olegario Sotelo Blanco seguindo o ronsel de Xaquín Lorenzo (Xocas) e doutros estudosos da poética e funcional dorna, achégase neste libro a dorna como elemento propio da cultura galega e, sobre todo, como medio de vida. O autor quere contribuir á salvagarda de espazos ameazados da identidade colectiva dos galegos, igual que antes o fixera cando estudara a terra labrega da Terra de Caldelas, na banda ourensá do Sil, onde Olegario naceu e se criou.

O autor reflexiona sobre o descoñecemento mutuo entre a Galicia mariñeira e a Galicia do interior. O contraste entre a forma de ser de uns e outros. Dalle a palabra a os homes e mulleres do Grove. Xente que dende a infancia andaron ó mar en dorna, pescarón con liña, escolleron marisco a flote, andaron a rápeta ou con aparello, e que coñecen a costa e as súa suas postas da ría da Arousa tan ben como a súa casa. Testemuñas aínda vivas dun mundo que desaparecerá con eles.

Un fermoso libro, cuidadosamente editado e ilustrado con fotos propias do autor e do gran fotográfo Xurxo Lobato que quedan como acta e testimuña diste mundo a piques de desaparecer.

jueves, julio 20, 2006

Tornado no Sil


Según me contan, fai uns días, nas plácidas augas embalsadas do Sil, un pequeño tornado fixolle dar voltas en circulo ó catamarán. Os turistas levaronse un gran susto e incluso os cativos enfundaron a toda velocidade o salvavidas. O capitán manifestou con sorna que nunca vira olas no Sil.