viernes, enero 18, 2008
martes, enero 15, 2008
Cafe Casino, unha parada en Santiago
En Santiago chove moito. Xa era hora, dí o taxista, que me leva ata o centro. Antes de mergullarme no obxetivo que me trouxo a Compostela aproveito para visitar un dos lugares da miña ruta sentimental, o café Casino, un café dos de antes, un cacho de madeira que se salvou do naufraxio. Atopa na rúa do villar e ainda por riba ten wifi, bó café e piano.
sábado, enero 12, 2008
(3) Antonio Caneda, homeaxe a un represaliado
No nadal, en San Xoán de Rio, institucións, familia e amigos fixeron unha homeaxe ao mestre de Medos, Antonio Caneda, asesinado polos que ilexitimamente usurparon o poder. Na sala de plenos do Concello, primeiro proxectouse un documental de Xan Leira que non puden ver e que intentarei colgar eiquí cando dé con íl, se é posible a súa difusión. O video que acompaña esta entrada recolle fragmentos das intervencións na homeaxe e publicase en dúas partes por esixencias de YouTube. A forza do testimonio de Maximino, alumno de Antonio Caneda, pareceume que tiña que romper a idea temporal dos discursos e retrocer no tempo para reconstruir a crueldade daquel momento. José Miguel Pérez, concelleiro de Cultura de Sant Xoan de Rio, resaltou o compromiso do mestre de Medos ca idea de axudar no proceso de alfabetización; Gonzalo Iglesias Sueiro, delegado de educación de Ourense, salientou a homeaxe, logo de 71 anos, dentro da aprobación da Ley para a recuperación da memoria hostórica. Xosé Carlos Sierra, delegado de Cultura de Ourense, falou do mestre como portador de valores cívicos e domocráticos, Dario Álvarez, sinalou que a situación de paz que vivimos debemoslla a homes que como o mestre asesinado que deron a vida por os seus ideais. Ramón Luis Acuña, xornalista, a través de unha carta, solidarizouse co acto de homeaxe e dixo que homes como Antonio Caneda representaba a sal da terra; Xosé Manuel Cid, decano de educación, falou dos tres mestres da zona represaliados, os verdadeiros herois: Armando Fernández Mazas, de Pedrouzos, Luis Acuña, de Sobrado e Antonio Caneda de Medos; Ana Rodriguez Caneda, sobriña do mestre, sinalou a idea da memoria agochada no entorno familiar por medo a máis represalias, Alfredo Suarez Canal, Concelleiro do Medio Rural, pechou o acto manifestando que con iste acto sobretodo estamos contribuindo a cimenta-la racionalidade, a por en valor, a facer humanismo.
A Rexiónvaldeorras recolle o momento no que se descobre unha praca pola que se lle adica seu nome a escola de San Xóan de Rio.
miércoles, enero 09, 2008
Señalización en galego

Para cando unha señalización das rúas en galego e posta en valor dos edificios e patrimonio de Castro Caldelas. Concellos como o de Manzaneda, por non ir máis lonxe, xa nos dan exemplo de normalización linguística.
jueves, enero 03, 2008
A miña vila

Penso na miña vila:
As casas con alicerces de rocha
Agatuñando polo picouto
no que se pousa a mole do castelo.
Penso nas galerías de cristáis,
nos encintados brancos das paredes,
nas louxas desgastadas,
nos tellados con coios para sosteren as tellas
contra as lufadas do vento.
(Pequenas homildezas de montaña).
Chégame con pechar os ollos
pra ver a miña vila, as miñas vilas:
A clara, luminosa, mañanceira
con ceo de azur heráldico
e un áer sotil que fai brillar as cousas:
Ou a seria, grisalla,
De pingueiras teimosas, envolveita
Quer na chuvisca mol, quer nas abátegas:
Ou a entalada na friaxe
do carambelo, queda, caladiña,
co algún home que pasa enguriñado
botando da bufanda que lle tapa a queixada
un bafo noboento:
Ou a branca de neve, lucidía,
Neve nas rúas, nos albres,
nas tellas, nos muros, nas hortas:
Ou a debruzada no outono
A estrenar unha nova sifonía
Nos adeuses do sol de cada tarde.
Deixádeme maxinar un cataclismo,
un tremor, un abalo xeolóxico,
un embalse cobríndoa toda, toda,
un vulcán, qué sei eu, un arrombarse,
e que a miña vila desaparece.
Fallóume o mundo enteiro:
Nin dúas e dúas son catro,
Nin hai xeometría nin metafísica,
nin é verdade o devalar da historia,
nin a é tampouco o lampexar das artes
nin as leises de Newton,
nin o me eu despedir dos seus camiños.
Os parámetros ideolóxicos platónicos
Perdéronse nunha Atlántida esquecida.
Todo o celme vital
Solidóuse—pra min—nun inmenso iceberg.
Pero a ucronía é un exercicio parvo,
e as magnificacións
poden ser escorregas de poetas.
Penso na miña vila
tan pequeneira,
tan libre de asulagos na súa altura.
E, pesie as miñas remembranzas varias,
tan ela mesma sempre.
MANUEL CASADO NIETO
“Vendima” antoloxía poética (1982)
Ilustración: Prego de Oliver
Sotelo Blanco edicións
“ún dos nosos poetas maiores, autoridade da fala…”
Xosé Filgueira Valverde
martes, enero 01, 2008
Autoretrato de Xaime Quessada
Así é como se quixo representar o pintor Xaime Quesada fai 22 anos. A xenerosidade do editor de “Lucenza”, a segunda novela deste artista, fixo que chegara a min como agasallo o orixinal deste autorretrato. Xaime Quessada dominaba a pintura e o dibuxo e era un admirador rendido das vangardas. Xaime foi un dos mellores intérpretes da vida de artista. Probou todos os estilos e construiuse como persoaxe de referencia na vida local ourensá dende os tempos do “Volter” onde reinaba a figura de Vicente Risco, que bautizou a Xaime e o seu grupo como “Os artistiñas“. Fai trinta anos visitei a súa casa e estudo en Vilar das Tres. Unha espectacular casa moi moderna, deseñada pola súa dona, Chus, toda en formigón, con grandes fiestras que daban a un souto de castaños. Realmente impresionoume, xa que, a modernidade que rodeaba a súa vivenda e o seu estudo era pouco común no entorno no que eu me movera ata entón.
Etiquetas:
Xaime Quessada Pintor Ourense autoretrato
Novo flequillo
A Mariña aproveitou os días de lecer do primo Andrés que traballa na peluquería do Corte Inglés para retoca-lo flequillo.
Etiquetas:
Andrés Baldonedo Mariña Flequillo caldelaos
Xa me podes chamar pintora
domingo, diciembre 30, 2007
(2) Antonio Caneda, a dignidade recuperada

Houbo un tempo no que te podían matar ata dúas veces. Unha arrancándoche a vida e outra negándoche a posibilidade de ser lembrado pola túa familia e os teus seres queridos. Esto foi o que lle pasou a Antonio Caneda, mestre da República. Primeiro arrebatáronlle a vida nun lugar de Irixo e logo o medo fixo que silenciaran a súa existencia.
Onte celebrouse unha homeaxe a este mestre fusilado organizada pola familia e diversas institucións, entre elas o Concello de San Xoán de Río, a Xunta de Galicia, a Delegación do Governo e a Facultade de Ciencias da Educación de Vigo. Unhas duascentas persoas, entre amigos, veciños e familiares arrouparon a emotiva lembranza deste primo do meu abó, víctima dos desvarios da razón humán. Ana Caneda, sobriña, lembrou como xa de maior atopou o diploma de mestre do seu tío Antonio e, logo de facer algunhas preguntas, soupo que a súa mai tivera un irmán. Maximino, alumno de Antonio en Medos, deu testemuña da súa labor como mestre e como persoa boa e comprometida cos seus alumnos. E tamén do seu encontro co mestre en Ourense, cando xa estaba detido, poucos días antes de ser paseado.
A lembranza deste mestre é un mais dos actos que se están a promover logo da aprobación da Ley da Memoria Histórica. Houbo moitas intervencións, Suárez Canal, Conselleiro do medio rural dixo que “…con actos como istes facemos país, facemos memoria, xeramos valores, pero sobre todo estamos contribuindo a cimentar a racionaliade, a forza da razón e que acontecementos como o do 1936 non se permitan no futuro…”
Despois de 70 anos, recupera en parte a vida Antonio Caneda, polo menos no que atinxe ao honor e dignidade da súa memoria. Noraboa a todos os que o promoveron: a familia, os amigos e ao Concello de San Xoán de Rio e o seu alcalde, Dario, por colaborar na reivindicación da memoria e pola súa valentía ao axudar nesta fermosa iniciativa de porlle o nome de Antonio Caneda á escola pública de San Xoán de Rio.
viernes, diciembre 28, 2007
Mr. Grii, Fernández e Margarita

Istes días non paran de nacer añiños. A cousa empezou ca idea de limpa-las fincas e agora a gandería non para de medrar. Antón bautizou os añiños co nome de Mr. Grii e Fernández e a mai decidiu charmarlle Margarita.
Etiquetas:
Mr. Grii años castro caldelas
As fotos da emigración

Esta foto, do 1966, da Concha de Bustelos, aparentemente simple, sen ningunha intencionalidade artística non era unha foto calquera. A maioría das fotos que facía Xoán Bautista Sotelo Blanco, nos sesenta, eran por necesidade: a foto da familia numerosa, as fotos para os diferentes documentos oficiais, ou para alimentar a lembranza dos que emigraron para mellorar a súa situación económica. Concha cumprira once anos e a foto facíase para enviar a súa mai que se atopaba traballando en Alemania. Esta foto ten a virtude de lembrarnos o noso duro pasado como emigrantes polo que non nos é dificil entender as razóns dos que agora nos visitan por causas diferentes ás do turismo.
jueves, diciembre 27, 2007
(1) Homeaxe a Antonio Caneda, un mestre paseado.

No ano 1937 Antonio Caneda (1906-1937), de Medos, mestre, como tantas outras víctimas dese tempo, foi paseado polos que se levantaron contra o goberno legal e democrátivo da última republica. Con 31 anos foille roubada a vida por aquiles que impuseron unha nova orde: a das pistolas. Logo de tantos anos, dentro dos necesarios actos de reivindicación da memoria histórica, a familia e os amigos organizan o próximo sábado, día 29, ás 12,30h, unha homeaxe no recinto escolar de Sant Xoán de Río. Alí estaremos para saber un pouco máis daquel tempo, a través deste mestre que pertencía a familia do meu abó Antonio Sotelo Caneda.
Biografía sobre Claudio Movilla

Coincidindo co novo homeaxe en caldelas, sae do prelo o libro da editorial Ir Indo “Claudio Movilla, un xuiz na sociedade civil”, no que Perfecto Andrés vai construindo a biografía deste caldelao, membro fundador de xuices para democracía, que ocupou postos de moita responsabilidade no eido da xusticia. O libro vai facendo un retrato da vida de Claudio, con moitas fotos que ilustran o libro, dende a súa infancia no Castro, os seus estudos, a súa familia… ata súa actividade profesional, a súa participación na democratización da xustiza, os seus artigos, a entrada no Supremo e os seus últimos anos en Santander. Sen dubeda, unha oportunidade para saber máis da pegada deste interesante caldelao.
martes, diciembre 25, 2007
O mar da Ribeira Sacra
Onte pola maña, á hora de ir a mercar o pan, a obrigada mirada ao val sorprendeume con ista imaxe ireal que ben podería ser de unha das moitas rías da nosa costa. Os primeiros raios de sol da mañá agariman a Teixeira convertida nunha illa.
Homeaxe a tres xuristas caldelaos

Non entendo moi ben a razón da homeaxe conxunta a tres xuristas caldelaos, ainda menos porqué a uns lles toca adiante e a outros atrás. Non dubido dos seus méritos, que os teñen. Os tres foron homes importantes dentro do eido da xustiza, e con logros salientabeis no eido da literatura, no caso de Manolo Casado Nieto.
Lembro, sendo eu un mociño, a Casado Nieto no antigo Comercio Novo, paseando diante do mostrador, mentres refunfuñaba, axitando os seus longos brazos, polo intento da Airexa de facerse co espazo veciño ao adro, onde hoxe está o “microparque infantil”. Daquela Manolo Casado e Claudio Movilla axudaron ao Concello a que non prosperara esta toma de posesión. A pedra de tres lados, cas faces dos homeaxeados, situada á entrada deste antigo espazo reivindicado pola eirexa entón podería ser un agradecemento do Concello polos servizos prestados antaño. Non sei como quedou a cousa, se houbo pleito, quen gañou… espero que me axudedes a matizar e ampliar esta entrada.
domingo, diciembre 02, 2007
Esquire, terceiro numero

No terceiro número da revista "Esquire", Javier Barden vai desta guisa. O tipo que xerou a súa imaxe de home bruto e ancestral na peli de Bigas Luna, "Jamón, Jamón" e defedía a súa moza a xamonazos, cambia de look. O contraste entre a imaxe que temos deste gran actor e a representación que fai para esta revista está facendo que ninguén se poida perder este número. O cadelo non puido resistir esta portada e quitoulle un anaco. Ademáis, ollo, Charo Canal entrevista ó arquitecto portugués Álvaro Siza.
Etiquetas:
Andrés Rodriguez Esquire Nova revista Barden
Suscribirse a:
Entradas (Atom)





