jueves, enero 03, 2008

A miña vila



Penso na miña vila:
As casas con alicerces de rocha
Agatuñando polo picouto
no que se pousa a mole do castelo.
Penso nas galerías de cristáis,
nos encintados brancos das paredes,
nas louxas desgastadas,
nos tellados con coios para sosteren as tellas
contra as lufadas do vento.
(Pequenas homildezas de montaña).

Chégame con pechar os ollos
pra ver a miña vila, as miñas vilas:
A clara, luminosa, mañanceira
con ceo de azur heráldico
e un áer sotil que fai brillar as cousas:
Ou a seria, grisalla,
De pingueiras teimosas, envolveita
Quer na chuvisca mol, quer nas abátegas:
Ou a entalada na friaxe
do carambelo, queda, caladiña,
co algún home que pasa enguriñado
botando da bufanda que lle tapa a queixada
un bafo noboento:
Ou a branca de neve, lucidía,
Neve nas rúas, nos albres,
nas tellas, nos muros, nas hortas:
Ou a debruzada no outono
A estrenar unha nova sifonía
Nos adeuses do sol de cada tarde.

Deixádeme maxinar un cataclismo,
un tremor, un abalo xeolóxico,
un embalse cobríndoa toda, toda,
un vulcán, qué sei eu, un arrombarse,
e que a miña vila desaparece.

Fallóume o mundo enteiro:
Nin dúas e dúas son catro,
Nin hai xeometría nin metafísica,
nin é verdade o devalar da historia,
nin a é tampouco o lampexar das artes
nin as leises de Newton,
nin o me eu despedir dos seus camiños.
Os parámetros ideolóxicos platónicos
Perdéronse nunha Atlántida esquecida.
Todo o celme vital
Solidóuse—pra min—nun inmenso iceberg.

Pero a ucronía é un exercicio parvo,
e as magnificacións
poden ser escorregas de poetas.

Penso na miña vila
tan pequeneira,
tan libre de asulagos na súa altura.
E, pesie as miñas remembranzas varias,
tan ela mesma sempre.


MANUEL CASADO NIETO
“Vendima” antoloxía poética (1982)
Ilustración: Prego de Oliver
Sotelo Blanco edicións

“ún dos nosos poetas maiores, autoridade da fala…”
Xosé Filgueira Valverde

1 comentario:

Anónimo dijo...

moi fermoso.