martes, octubre 14, 2008

“Miña filla”, nace Martina


Nace Martina, no hospital máis moderno de Barcelona, mirando a cidade dende arriba, ollando ao mar, nun día de sol, entre o verán e o outono, baixo a tutela do Dr. Sostoa. Esta caldelá de Barcelona nace a carón dunha gran estrada, como símbolo dun futuro movido. Celebramos a súa chegada, Mariña máis, quere levala a escola e mostrar a súa primiña en público.

Os seus pais elexiron facer o niño no bosque, a carón da cidade e xa está eiquí a primeira cativa. O sentimento máis profundo do pai, dende o outro lado do cristal, sae en galego… “miña filla”. Identidade, nun futuro neboento… por si acaso, eu digolle que anote o número que leva o seu berce. A colectividade de galegos asentada nun bosque perto da capital ampliase con esta moziña que chega en plena crisis, co seu pan centeo debaixo do brazo.

Días de premio


E fumos a Madrid, alí onde esta gran cidade segue mantendo a súa identidade. A Pepita ca mellor moda de Ourense, leda coma nós, traqueteados pola suavidade do AVE, Barcelona, Madrid. Un fin de semán de premio, realeza moi real, museos e visitas aos espazos míticos. Camiñamos polas rúas de O Prado e disfrutamos da impresionante ampliación de Moneo.

miércoles, octubre 01, 2008

Fabiola Sotelo, premio de Unicef



Acaba de chegar de África, adiantando a volta catro días. Unha compañeira atopouse moi grave e Fabiola tivo que organizar a repatriación a toda velocidade. Viaxar polos paises onde se levan a cabo proxectos non é doado. Os proxectos da Dirección Xeral de Cooperación están espallados por varios continentes e para xestionar a súa execución compre ir a pe de obra e verificar a súa efectiva realización. Pozos de auga en Africa, humildes cociñas en America, loita contra as enfermedades (sida, malaria, cólera…etc), apoio a educación, aumentando os niveis de escolarización, axuda a muller, na reivindicación dos seus dereitos, apoio aos gobernos no fortalecemento das institucións e moitas cousas máis. A maioria das veces hai que voar a miles de kilómetros e logo viaxar durante horas por estradas perigosas, de trocha, sen asfaltar, comer e beber o que atopas en cada lugar, e cuidarse moito para non enfermar.

O venres, a caldelá Fabiola Sotelo, recibe en Madrid, o premio de Unicef pola “cooperación ao desarrollo”. O premio, según me manifesta, é un estimulo para ela e o seu equipo, unha multitude de xente espallada por varios continentes que silenciomente, a veces en duras condicións, traballan pola solidaridade e por un mundo mellor, en nome dos galegos.

Somotillo. Nicaragua. ONG "entreculturas"
Construcción da escola e loita contra o analfabetismo






Chiriaco. Amazonas.
Siervas de San Xosé
Instalación da luz e rehabilitación das escolas

Entrevista a Florencio de Arboiro

Entre as cousas boas que se atopan no último número da revista Ribera Sacra hai unha interesante entrevista ao Florencio de Arboiro que hai que ler. Florencio é amigo, dende fai moitos anos. Teño pendente publicar un pequeno video que lle fixen un día en San Estevo e que estou preparando.

martes, septiembre 30, 2008

Antonio G. Amaro e a súa páxina


Xa fai tempo que Antonio G. Amaro, o presidente do PP de Castro Caldelas, ten unha páxina na que vai mostrando a súas opinións e as do grupo que representa. Tamén se poden atopar moitos datos das contas do concello dos anos 2006 e 2007. Por exemplo, o custe dos chourizos, da última festa dos fachóns, o custe das obras das rúas, os gastos en persoal, as deudas de luz, quen ten chaves para acceder ao concello e moitas cousas máis. Sempre está ben saber moitas cousas dos interiores do Concello. É a maneira de comprender, por exemplo, que detrás do excesivo agasallo de chourizos hai unha subvención e apenas representa custe para o Concello.

lunes, septiembre 29, 2008

Deuda histórica cos exiliados e os seus fillos



Hoxe no diario "El Pais" dase a nova sobre unha norma que se está cocendo para podir papeles logo do 29 de decembro.
Para ser español
- Disposición adicional sétima. Adquisición da nacionalidade española. 1. As persoas cuxo pai ou nai fose orixinariamente español poderán optar á nacionalidade española de orixe se formalizan a súa declaración no prazo de dous anos desde a entrada en vigor da presente disposición adicional. Devandito prazo poderá ser prorrogado por acordo de Consello de Ministros até o límite dun ano. 2. Este dereito tamén se recoñecerá aos netos de quen perderon ou tiveron que renunciar á nacionalidade española como consecuencia do exilio.

- Artigo 18. Concesión da nacionalidade aos voluntarios das Brigadas Internacionais. 1. Co fin de facer efectivo o dereito que recoñeceu o Real Decreto 39/1996, de 19 de xaneiro, aos voluntarios integrantes das Brigadas Internacionais que participaron na Guerra Civil de 1936 a 1939, non lles será de aplicación a esixencia de renuncia á súa anterior nacionalidade (...) 2. Mediante Real Decreto (...) determinaranse os requisitos e o procedemento a seguir.

domingo, septiembre 28, 2008

A imaxe importa


Fai pouco que Eladio Osorio reformou a cabeceira do seu blog con unha imaxe a contraluz que repruduce a liña das edificacións do Castro. Posiblemente unha vista, en contrapicado, dende o camiño do Valdigrou, ou unha montaxe. Moi boa. A blogosfera caldelá, o longo de dous anos, foise ampliando e a visibilidade do Castro e as súas novas son fáciles de atopar nos moitos blogs que agora se ven na rede.

Tempo de vendima


Na última entrada Javier fala do inicio das vendimas e reproduce unha interesante entrevista a Cesar Enriquez, o promotor de "Peza do Rei", no diario "La Voz de Galicia".

A Ribeira Sacra no diario "El Pais"



A semán pasada, Harguindey e Delgado en El Viajero, nas páxinas de viaxes deste diario, fan unha reportaxe sobre a Ribeira Sacra e os seus viños. Falan ben e moito. Millóns de españois almorzaron lendo un posible destino nas próximas vacacións. A semente vai saindo adiante pero fan falta máis cousas para que esto do turismo de calidade funcione. Hai que seguir traballando.

viernes, septiembre 26, 2008

Contido da revista da festa dos Remedios 2008


Foto do blog de Alberto de Camba.

Na anterior entrada hai varios comentarios que amosan interés pola revista da festa dos Remedios 2008. Espero acertar e que ós autores lles parezca ben. A intención é darlle máis difusión os seus contidos e tamén que os que están máis alá do transformador, e que non poideron estar nas festas, poidan lela.


















domingo, septiembre 21, 2008

A revista da festa dos Remedios 2008


Unha foto dos Remedios de finais dos anos 70, coa praza de O prado e o castelo ao fondo, do meu pai, serviu como portada á revista das festas deste ano. A proposta fixenlla eu a Manuel e agradezo o detalle de aceptala. A festa é para moitos a conexión co espazo sentimental e pareceume que era unha foto das festas da nosa memoria. Espero que a Maite non lle parecera mal, porque quedan moitas portadas por diante para voltar a imaxinar a vila no seu Castro. A máis do saúdo do alcalde, a revista conta con sete artigos de caldelaos. Según me contaron, houbo peticións a outros veciños, que polo que se ve ao final non colaboraron. Estaría ben que cada ano se abrira a revista a novas olladas. Polo que vin, oín e leín, a nova comisión formada por Olegario, Alberto, Roberto e Manuel fixo unhas festas na liña clásica pero de bastante nivel. Voltando á revista, o interesante artigo de Clemente foi o que máis polémica xenerou. Non lle gusta como se fan algunhas cousas e como exemplo, seica pouco afortunado, puxo o do Pontelouco, parece que ferindo a sensibilidade de moitos caldelaos. Lucía, xornalista dos informativos de antena3, fixo unha achega á saudade e a influencia desta na visión distorsionada da realidade…; Conchita, alma do coro lembranza e do caldelao, escribiu sobre o pasado esplendoroso do noso equipo; como alicerce para o futuro, Charo explica, dende a galería da Fe, como romper o maleficio do esquecemento contando historias; eu escribo sobre a miña aventura no faiado e lembro ao Xosé de Pacios, desaparecido recentemente; Pedro resgata o camiño dos “Airiños de Caldelas” no seu 20 aniversario, dende os seus inicios lúdico-taberneiros. A revista ten moitos anuncios e hai que agradecerlle o patrocinio, con cartos do seu peto, ao empresario Caldelao da mercantil “Oteca”. Magoa que o deseño e a montaxe desta revista sexa da época do descubrimento da imprenta.

martes, septiembre 16, 2008

Ataque de George Steiner ao galego


Fai uns días o filósofo, filólogo e crítico literario George Steiner nunha entrevista de Juan Cruz manifestou a súa sorpresa de que houbera unha universidade en galicia onde era necesario útiliza-la lingúa galega. O xornalista canario manifestoulle que igual que en cataluña existía o catalán...: "¡No me compare el catalán con el gallego!", dice Steiner a Juan Cruz e añade "El catalán es un idioma importante, con una literatura impresionante".

manifesto do PEN CLUBE DE GALICIA que agrupa a poetas e escritores. 

En relación coa afirmación do filósofo, ensaista e crítico literario, George Steiner, expresada ao xornalista e escritor Juan Cruz, na devandita entrevista, o P.E.N. de Galicia manifesta:

Que o ignorante atrevimento do vedraio intelectual, nado en París en 1929, nas súa afirmación sobre "la obrigatoriedad de hablar en gallego en una universidad de España" e o seu desprezo pola literatura galega, comparándoa pexorativamente coa catalá, puido ser remediado, perfectamente, polo entrevistador.

Juan Cruz, máis que entrevistador coautor de Yo intento fracasar mejor mejor, non é un octoxenario desinformado. Este escritor canario coñece a existencia e a traxectoria da literatura galega, trata directamente a varios autores actuais, non se lle escapan nomes como o de Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Alfredo Conde...e ten participado en numerosas actividades literarias en Galicia, a última nas Xornadas de Mariñán, organizadas pola Fundación "Carlos Casares", do 4 ao 7 de xuño pasado.

Non cabe dúbida ningunha de de Juan Cruz aproveitou as declaracións de George Steiner para botar leña ao lume na actual situación lingüística e literaria no Estado das Autonomías, co "Manifiesto por la lengua común" como telón de fondo. Pouco lle debemos agradecer a partir de agora, ao simpático e poderoso novelista, que acostuma a festexar os "chistes de gallegos", os que loitamos, día a día, en Galicia e nos foros internacionais, pola pervivencia da literatura de noso.

Basilio Baltasar sale hoxe, nun artigo en El País, en defensa do inocente Juan Cruz, chamándolle clérigos aos do P.E.N. Clube. 

domingo, septiembre 14, 2008

Gervasio, Pilar e a roda de afiar


Igual que os americanos envian naves para investigar o espazo exterior, con vistas a futuras colonizacións, o Gervasio do Burgo, ca súa roda, saiu polo mundo a gañar cartos e buscar sitios onde establecer a súa familia. Logo de varias rodas gastadas, fixou o seu enderezo na antiga capital do reino, Valladolid. A carón do Pisuerga foi medrando a súa familia composta por Pilar de San Xulián, xa falecida, Pacita, Pili e Marisa. Na foto Jorge, a nova xeración, fillo de Pili. Como evolución lóxica do negocio de afiar, non deixaron as texoiras e empréganas cortando o pelo e peiteando a quen se lle poña por diante. A principios dos 70 emigraron a capital vallisoletana, ainda que non faltan nunca as festas dos Remedios e manteñen a súa casa en San Xulián.

Vivian no Castro, nunha casiña veciña da nosa e alí diante do Comercio Novo e na rúa dos pilos, entre xogos e descubrementos, fumos compartindo os primeiros anos da infancia. Pili lembrase de case todo. Como para moitos caldelás a vila soio foi unha parada no camiño da aldea a cidade. Seguro que mentres pon fermosas a súas clientas da cidade na sua perruquería fálalles da vila onde viviu as primeiras emocións, dos xogos no comercio novo, antes de ser aparcadoiro ou dos xogos nos Pilos. Gracias a bonanza da roda na súa casa vimos por primera vez a televisión, cas súas cadeas en branco e negro. Alí descubrimos os “irmans malasombra” ou as aventuras de “Furia”, o cadelo “Rin Tin Tin” e moitas máis cousas.

jueves, septiembre 11, 2008

O apagamento, un conto de Charo Canal




A finais da década do 1990 viaxamos por primeira vez a Nova York. Daquela o célebre apagamento e o contacto ca familia e os galegos de alá inspiraronnos moitas cousas. Charo escribiu iste conto que quero incluir en máis alá do transformador. No 2001 foi premiado na Feira do Libro de Madrid e publicado pola editorial Plaza y Janés, xunto con outros relatos. Con estes contos a editorial agasallóu aos seus visitantes. Traducción ao galego do castelán.


O apagamento

O curmán Melchor estaba a esperarlles no aeroporto co seu taxi amarelo. O curmán estaba alí de pé, no hall do aeroporto Kennedy, cos brazos cruzados sobre o peito e os pantalóns de algodón marrón que caían engurrados sobre os zapatos de rejilla. Tiña un aspecto diferente a cando marchara do pobo. Salvo polo escarvadentes, que coma sempre levaba colgado na comisura dereita da boca.

Ao saír da terminal, a Rosa pareceulle que lle apuntaban directamente á cara co secador da perruquería á que a súa nai acudía sempre que debía asistir a algunha voda ou algún bautizo. Facía tanto calor que o asfalto estaba a piques de derretirse baixo as rodas dos coches.

Sen baixarse da beirarrúa, Rosa sacou o pé do bordo e, coa punta do zapato, tocou o asfalto para comprobar a súa consistencia. Comprobou que a costra exterior resistía aínda que no interior o alcatrán, como lava negra, parecía incandescente.

Rosa botou unha ollada ao redor e non viu ningún rañaceos. Preguntoulle a Melchor onde estaban os rañaceos e este sinaloulle unha dirección. Alí onde o curmán lle indicou reverberaba unha mancha difusa. Na liña do horizonte a cidade era unha balsa brilante e pringosa de aceite para coches.

Rosa levaba posta unha saia curta e as pernas pegábanselle ao asento de escay do taxi. Cada pouco despegaba as pernas do asento, schhop, schhop. Unha perna, schhop. E despois, schhop, a outra. Desprender a pel do escay era como retirar o papel protector dun cromo adhesivo. Revolvíase nervosa, movía as pernas e estiraba o pescozo en todas as direccións. Ata que a súa nai mandoulle acougar.

Esa noite, desde a xanela do apartamento dos seus curmáns en Queens, puido ver por primeira vez os rañaceos, alén do East River. A cidade parecía un barco impoñente con todos os seus camarotes iluminados. Ela explicoulle ao seu irmán Raúl que aquela cidade era en realidade un gran transatlántico. Como os que atracaban no porto de Vigo, só que moito máis grande. E tíñano ben amarrado para que non partise á deriva.
—Se rompesen amarras ¿ Qué pasaría ? —Na voz de Raúl tintineaba certa inquietude.
—Pois pasaría que viría directo cara onde estamos e chocaría contra nós. Non recordas aquel barco de pesca que escachou contra os cons da praia?
O seu irmán creuna.
E tamén ela, que sempre trataba de enganalo, case, case, creu a mentira. á mañá seguinte, cando abriu os ollos, temeu atoparse a proa da illa de Manhattan embarrancada no seu cuarto. Con todo alí seguía a cidade, no seu sitio. Á luz do día deixou de parecerlle un barco.


A súa nai mostroulle un dos edificios con decenas de pisos. Era alí onde ía traballar, limpando oficinas. E explicoulle que en Nova York os rañaceos teñen nome. Como os ríos, os montes, os vales. O rañaceos onde traballaría a súa nai chamábase Panam.
Todas as tardes, a nai de Rosa marchaba en metro a Manhattan. Non regresaba até pasada a medianoite. Tiña que limpar a planta 34 dun edificio chamado Panam.
O seu pai atopou enseguida traballo na construción do túnel Holland; naquela cidade necesitaban homes que aguantasen oito horas perforando a terra sen saír ao exterior. Él, que sempre traballara no campo, dixo que se arara a terra por fóra, agora ben podía arrarla por dentro.
Pronto se instalaron nun pequeno apartamento preto de onde vivía o primo Melchor, fronte ao East River.
Co primeiro soldo compraron un televisor. Despois compraron un ventilador.

Rosa e Raúl empezaron a ir ao colexio e aprenderon moi rápido un curioso inglés trufado de palabras doutros idiomas. No colexio a mestra trataba de podar e abonar con cancións e poemas ese idioma novo para eles, “para que medre frondoso e san”, dicíalles. Pero os nenos pasaban as tardes a xogar na rúa e alí o que aprenderan contaminábase irremediablemente. En Queens, ademais dunha pequena colonia de galegos, vivían numerosos gregos e iugoslavos, que eran os seus compañeiros de xogos. Tamén hindús, paquistanís e bengalíes. A todos eles os seus pais chamaban indios.
Cando o pai regresaba do traballo subían a casa e ceaban ante o televisor. A miúdo quedaban durmidos os tres fronte á pantalla acesa, ata que a medianoite regresaba a nai e mandábaos a todos á cama.
Pero non sempre podían ver a televisión porque a miúdo saltaban os plomos. Entón ouvíase un balbordo de protestas en varios idiomas. O edificio convertíase nun galiñeiro alborotado. A que máis protestaba era a veciña do segundo E, que non tiña televisión. Polo menos era a ela á única que entendían cando se alborotaban os veciños. Falaba castelán de Cuba e o seu aspecto era tan exuberante como a súa maneira de falar.
A veciña do segundo E traballaba facendo limpeza nunha casa elegante de Lexington Avenue. Iso era polas mañás. Polas tardes quedaba no seu apartamento e entretíñase lendo revistas e novelas rosa que compraba no quiosco da esquina. Os mozos quedaban mirando para ela cando subía as escadas. Facían apostas. Intrigáballes a maneira en que se lle pegaba a roupa ás coxas e apostaban sobre se levaba ou non roupa interior.
No verán, cando a calor se fixo de novo insoportable, os ventiladores eléctricos permanecían acendidos até ben entrada a noite. A veciña do segundo E tampouco tiña ventilador. Abanicábase con calquera cousa que tivese a man.
No momento que se poñían en marcha os ventiladores, Rosa e Raúl tiñan ter-mi-nan-te-men-te prohibido acender o televisor.
Terminantemente era a palabra que a súa nai empregaba cando quería deixar claro que non estaba disposta a tolerar ningunha desobediencia. Estaba terminantemente prohibido fumar. Terminantemente prohibido traer nenos a casa. E terminantemente prohibido xogar na beira do río. O seu pai, cando quería prohibir algo, non empregaba ningún adverbio. Nunca malgastaba saliva. Limitábase a arrearles unha labazada. A aquilo afixéronse, xa non lles doían as labazadas. Mais aos adverbios da súa nai, non se afixeron.
Terminantemente prohibido acender o televisor polas tardes, no verán. A cambio, e para que lle deixasen dormitar tranquilo na súa butaca, baixo as aspas do ventilador, o seu pai permitíalles xogar na rúa até pasadas as 10h. Diso a nai de Rosa non estaba informada.
Pasara xa un ano desde a súa chegada a Nova York e Rosa e o seu irmán non coñecían aínda Manhattan. Para eles a cidade era a rúa 34, en Astoria, Queens. Todas as noites Rosa miraba pola xanela cara ao gran transatlántico iluminado e sempre listo para partir. Trataba de adiviñar en cal dos miles de camarotes traballaba a súa nai limpando retretes, pasando o aspirador e baleirando papeleiras.

Aquela tempada puñan na tele a súa serie favorita, Black Beauty, as aventuras duns nenos e o seu purasangre negro. Cada tarde Rosa e Raúl subían a casa e pedíanlle ao seu pai que lles deixase acender o televisor. Éste, invariablemente, enviábaos a xogar á rúa. “Cando baixe a calor e apaguemos o ventilador”, repetíalles.
Pero ela non estaba disposta a perderse un novo capítulo de Black Beauty. Así que decidiu contravenir as ordes, subir a casa e acender o televisor moi baixiño. Sabía que se arriscaba ás labazadas do seu pai e os adverbios da súa nai. Mais pensou que podía ver a serie sen espertar ao seu pai, que seguramente dormitaría na butaca, esgotado tras unha dura xornada de traballo.
Ao entrar na casa sorprendeulle non atopar ao seu pai durmiento na butaca, nin tendido na cama, nin no baño. Aínda asi, polo si ou polo non, Rosa puxo o volume ao mínimo. Apenas podía ouvir os diálogos, só lle chegaban os relinchos lonxanos de Black Beauty que trataba de escapar dun cortello en chamas.
Cando os nenos conseguiran por fin liberar ao cabalo e saían ao exterior do cortello tosindo polo fume, de súpeto, ocorreu. Saltaron os plomos. Foise a luz. As aspas dos ventiladores paráronse.
Rosa apurou a saír do apartamento antes de que o seu pai regresase e atopásea alí, ante o televisor que tiña ter-mi-nan-te-men-te prohibido acender. Baixou aturullada as escaleiras escuras. Ao chegar ao rellano do segundo piso ouviu susurros e unha risa que se desbocaba detrás dunha porta. Continuou a baixar e entón, cando xa casi chegara ao portal, dous pisos máis arriba algién saíu ao corredor e tropezou.
Puido ouvir con toda claridade unha maldición curta e sonora. Unha maldición como un golpe de karate. Como as do seu pai. Soubo que era el e soubo tamén que saía do apartamento segundo E.

Na rúa a Rosa sorprendeulle a escuridade. Levantou a vista máis aló do río e non viu luces. Non había nin unha luz en toda Nova York. O gran barco estaba completamente apagado. “Agora si que a fixen boa”, pensou, “saltaron os plomos en toda a cidade”.

Aquilo non se arranxaba cunha labazada. Aquilo non se arranxaba nin cunha retahíla de adverbios. Manhattan era un muro de escuridade. E dentro habería un barullo de voces en diferentes idiomas. Na planta 34 dun rañaceos chamado Panam, cando Black Beauty e os nenos escaparon do cortello incendiado e saltaron os plomos, a súa nai, por un momento, detívose cunha papeleira chea de lixo na man. E sospeitaría que a súa filla desobediente acendera o televisor.

E mentres, o seu pai, en vez de descansar na súa butaca baixo as aspas do ventilador, rumoreáballe algo á rapariga do segundo E, e facíaa rir. Él, que nunca malgastaba saliva.

E todo pola súa culpa. Mil veces llo tiñan dito, mesmo prohibido ter-mi-nan-te-men-te, que non se pode acender o televisor cando están os ventiladores en marcha.

martes, septiembre 09, 2008

Nano e Xerardo entre bandulinas e bandeiras


Mitade do século pasado. Nun destartalado sotano da Avenida de Ourense, debaixo do Concello, cunhas grandes fiestras que miran para a Debesa do Conde, uns cativos preparan unha tandada de bandeiras. Comparten o espazo con algún resto de mobiliario da vila, os palcos, desmontados e apilados, da banda e da orquesta. Un mozo dirixe a operación. A oportunidade de participar na confección das bandeiras concede certo estatus de maior aos cativos. Barullo de mociños mezclado co sonido das esquilas das vacas do Bernardino que pastan a carón, no lameiro do Condiño. Tensados os cordeis dunha tanda e preparado o engrudo con auga e farelos, os cativos van pegando ordeadamente, deixando a distancia adecuada, as bandulinas e bandeiras de cores.

Tarde do día seis, setembro, deste ano. Os cativos xa son máis que mozos. Nano e Xerardo son pillados furtivamente facendo bandeiras na trastenda da súa casa. Igual que medio século atrás, con engrudo, feito de farelos e auga e seguendo o mesmo ritual, caladiños, metidos na súa fuxida sentimental, van facendo tandas nas que combinan as bandeiras e as bandulinas. Os barrios do Castro, logo de moito conflicto, conseguiron certa autonomía, no tema das bandeiras, e cada un prepara as súas. Nas Laguiñas están moi organizados. Sen esperar ao licor café esta xeración incombustible sale a por as bandeiras. Nano dí que as súas están tan ben feitas que duran anos.

domingo, agosto 31, 2008

O noso casco vello na Voz de Galicia



O casco vello de Castro Caldelas a examen no xornal “La Voz De Galicia”. “Apretados en la Galicia Interior”, unha reportaxe de Kiko Novoa. A voz adica tres páxinas con entrevistas a Osorio, Nini e Roberto Gónzalez. Parece que todos coinciden na necesidade de ordear o tráfico. Non perdo as esperanzas de poder velo.

jueves, agosto 28, 2008

O mundo, según Vicente Risco



Nunha conferencia de Basilio Losada, sobre Xoán Manuel Casado, soupen da existencia duns debuxos feitos por Vicente Risco, na mitade do século pasado. Basilio falaba dun neno previlexiado que de cativo podía ver nas paredes do seu dormitorio a recreación do mundo cos seus continentes e aquelas formas, obxetos e animais que mellor definen cada parte da terra. Vicente Risco debuxou nunha habitación da vivenda do “Comercio Novo”, tigres, elefantes, portadores, serpes e paisaxes moi fermosos en Asia; camellos, leons e cazadores, o Nilo, en Africa; indios en norteamerica e moitas máis cousas. Bueno, os previlexiados foron Xoán Manuel, Iago e Eva Casado. Fai uns días, Ana Jorcano, a muller de Xoán Manuel, mostrounos a que seguramente é unha das casas do Castro que mellor representa ao estilo da antiga burguesía local. Está en moi bo estado de conservación polos cuidados que Ana lle adica e foi unha ledicia vela. Imaxinar as voltas e reviravoltas de Casado Nieto pola longa galería, buscandolle a forma a un poema ou a volta a un conto. As tertulias de Risco e Casado. A pegada deste mundo no futuro poeta, Xoán Manuel, os primeiros debuxos de Iago e seguramente o nacemento da fascinación de íste polos lugares lonxanos e éxoticos.

martes, agosto 26, 2008

O Castro íntimo


Buscando unha imaxe sobre as festas do Castro atopei esta foto dunha aboa e un neno na rúa pequena, a altura da parte posterior da vivienda do xurista e poeta, Casado Nieto. A foto pertence a Miguel Angel que adxunta en flickr unha descripción persoal da vila. Hai moitos comentarios falando da excelencia da foto. Moi fermosa.

lunes, agosto 25, 2008

Castro Caldelas, festas dos Remedios


Logo do fracaso das últimas festas dos Remedios, según me contou a maioría dos presentes, un grupo de mozos formou a nova comisión ao día seguinte de remata-los festexos e parece que a cousa vai ben. Este ano non van ter que subir os mozos a cantar. Que ninguén prepare o seu salto a fama. As orquestas según os entendidos son boas e a cousa pinta ben.
video: Puskas22 (youtube)

jueves, agosto 21, 2008

Carrión de los condes, terra de lendas



De volta do Castro, atraidos polas lendas, facemos un descanso no Mosteiro de San Zoilo, en Carrión de los Condes. Nesta parada obrigada do camiño de santiago, chea de historia e patrimonio, non hai nin unha referencia ao episodio do “Cantar do mio Cid” onde os condes maltratan as fillas do Cid. Ninguen quere quedar como maltratador. Dí o conto que os condes fuxiron ante a presencia dun león, mentres que o seu sogro, O Cid, domou ao felino, sen moito esforzo. Logo de tal humillación os condes vengáronse maltratando as fillas do gran cabaleiro e o conto segue… Un lugar moi apropiado para facer unha parada e descansar dos chapuzons sentimentais.