jueves, septiembre 06, 2007

A revista “Esquire” sairá a rúa a mediados de setembro



Onte, ao ver a nova no “xornal.com” sobre a saida en castelán da mítica revista de Nova York “Esquire”, editada polo xornalista Andrés Rodríguez, lembrei que axiña tiña que escribir sobre a visita de Andrés, a súa dona Paloma e os cativos ao Castro, a principios de agosto. Alí, no Castro, debaixo dos plataneiros que arodean a terraza da nosa casa, abaneados por un lixeiro vento da Ribeira Sacra, houbo unha interesante achega e intercambio de experiencias de xornalistas, presentes uns e outros amigos asuntes, dos que se falou moito e ben.

En 1989, cando vivíamos en Madrid, Charo entrou a traballar no xornal "El Sol". Directores como José Antonio Martinez Soler e Miguel Angel Aguilar pilotaron esta iniciativa que soio durou tres anos. Ao antigo dono de Anaya saíralle ben a venda das súas accións en Tele 5 e decidiu seguir xogando e aposta-las plusvalías nun xornal, para non ser menos co seu competidor de Santillana. “El Sol” facíase nun ordenador de Apple e or xornalistas escribían na propia maqueta, en pantalla. Iso daquela era toda unha revolución tecnolóxica. Cando se plantexou o peche, os traballadores seguiron sacando o xornal ás rúas, durante o tempo que tardaron en negocia-las indemnizacións. O negarse a distribuilo a empresa, os xornalistas saíron a distribuilo eles mesmos por Madrid. Eu rematara dereito na Complutense e o último lugar onde me vía era exercendo como avogado, sobrábame o tempo e a curiosidade polo periodismo e polo momento que estábamos a vivir levoume a meter o fuciño ata axudar a repartir os xornais. Daquela emocionante aventura quedan amigos como Andrés Rodríguez, Juan Varela e logo sumáronse Salomé García e agora Paloma Leyra.



Andrés, o home que pilotou a edición en castelán da revista de música “Rolling Stones”, entre outros moitos proxectos, contounos a súa nova teima, logo de abandoar ao “Grupo Prisa”, de sacar “Esquire”, con contidos propios. Paloma Leira falounos das entrevistas que fai para a contraportada da “Gaceta de los Negocios” e da súa última entrevista con Miquel Barceló para a revista “Elle”. Falamos das dificultades de facer nacer un medio, dos riscos que hai que asumir cando te convertes en editor, da valentía, da vocación que hai que porlle a ises embrions para que cheguen a madurar e consolidarse, todo isto dentro de unha profesión que está en continua transformación pola velocidade coa que mudan as novas tecnoloxías e que obriga a redefinir a función mesma da prensa escrita.

Na comida falamos do novo proxecto de Juan Varela, a edición dixital do “ADN”. Daquela non sabíamos que Salome estaba a piques de ser contratada polo
novo xornal el “El Público”, como xefa de información. Un novo proxecto que saíra nunhas semáns, lanzado pola potente productora catalana Mediapro, que anda en liortas polos dereitos do fútbol con empresas da orbita do Grupo Prisa.

Outra amiga periodista, Paloma Ortega, que ten visitado o Castro, andaba tamén en San Vicente do Mar. Ë unha pioneira do periodismo dixital e pilota, dende fai anos o Canal Solidario.

“Esquire” presentase en setembro en Madrid na embaixada americana e da súa presentación, si aparecen os “ferrero”, daremos boa conta desta nova, da presentación e dos contidos do primeiro número da revista. Parabéns para istes amigos nesta costosa e dificil andaina indepente.

viernes, agosto 31, 2007

As fronteiras da lingua

O necesario debate sobre a lingua e a súa evolución. A relación co Portugués. Acompaño un pequeno documental atopado en You tube no que opinan, entre outros, destacados membros da Real Academia Galega.

miércoles, agosto 29, 2007

O Ourense de Cuerda chega ao New York Times


A miña prima de Nova York infórmame de que o Galileo chegou a cidade dos rañaceos. Entro na páxina do New York Times e sorprendeme unha interesante reportaxe sobre os diferentes recunchos, pobos, monumentos e restaurantes aos que a xornalista chega da mán do director de cine Jose Luis Cuerda, afincado perto do Carballiño logo de rodar a “Lingua das bolboretas”, basada no libro de contos de Manuel Rivas.

Cuerda descubriu os segredos das nosas terras cando rodaba en Allariz, instalouse nelas e produce, dicen, un excelente blanco do ribeiro que se chama “San Clodio”.

Según os xornais o director de “El Bosque animado” xa empezou a rodaxe en Ourense da versión para o cine do libro “Los Girasoles Ciegos” e parece que a película vai ser filmada, entre outros lugares da provincia, en Montederramo.

martes, agosto 28, 2007

Enrique Nicanor, novo director do Festival internacional de cine Independente


Iste é o novo nome do Festival de cine de Ourense. Os novos aires no Concello de Ourense trouxeron como resultado o nomeamento como director deste caldelao de Sás de Penelas, pai de María Nicanor. No pais.com hai unha nova na que Enrique manifesta que "Un festival debe ser una herramienta a disposición de la cultura, no una fiesta” e que o audiovisual "es la auténtica industria estratégica porque es la imagen de un pueblo y la proyección de nuestra cultura.” Enrique é un gran profesional, con moita experiencia e premios no eido do audivisual. Os seus mensaxes e xestos tran alento e esperanza para a industria audiovisual galega. Benseguro que traballará para que o festival convértase na plataforma do audiovisual galego e, eso non é pouca cousa. Sinto non coñecer a obra de Enrique Nicanor. Sei que fixo varios documentais na zona de Caldelas: un sobre “Os trabazos” e outro sobre os limeses, os homes que ían a segar o pan a castela…espero que alguén nós poida achegar algunha información máis das súas obras.


Cambiando de rego; non dubido das boas intencións do novo tenente alcalde do BNG, Álex Sanchez Vidal, pero cando andaba na busca de información sobre Enrique Nicanor atopeime ca seguinte manifestación ao pais.com “apostaremos por la industria escapando del aldeanismo del pasado”…, Moi ben…por ahí vamos ben… ten algún problema Sanchez Vidal cos da aldea. Non sei de onde ven o Sr. tenientealcalde, pero que non esqueza que a maior parte dos cidadans que goberna veñen das aldeas ainda que o agachen…

domingo, agosto 26, 2007

Vietnam, atrapando formas


Viaxar, mirar, ver, atrapar a beleza, os contrastes, as formas diferentes do impacto do home na natureza. Iso é o que Carlos Vázquez fai coa súa cámara dixital. Onte voltaron Ruth e Carlos desta viaxe ao outro lado do planeta. A través de fermosas e interesantes fotos mostráronos os signos e manifestacións dunha cultura que se atopa moi lonxe, pero que nos atrae con moita forza.


Añado unha nota que me envía Carlos Vazquez sobre a maneira que algúns Vietnamitas elixen para ser enterrados:

"Na foto (feita dende o autobús) podese ver unha tumba que fica no medio dun arrozal. É moi frecuente ver istas tumbas no medio dos campos de arroz, o motivo é que ós campesiños querían, de mortos, descansar no mismo eido no que traballaran toda a vida. En Vietnam, ó goberno adxudica as xentes que viven no rural á explotación de unha porción de terra proporcional ó número de membros da familia. De ista forma teñen un medio de subsistencia, xa que ademais de ter arroz, (fundamental na dieta) poden vender ó que non consumen as cooperativas que ó comercializan. Actualmente está prohibido iste tipo de enterramentos, por motivos de sanidade. Ó noso guía estaba de acordo connosco en que, polo contrario, iste tipo de enterramentos contribúe a mellorar a calidade do producto.
Fora bromas, semella que o amor á propia terra é o mesmo en todolos sitios. E (por suposto) non hay unha terra millor que outras, simplemente a mellor e a que se leva no propio peito."

viernes, agosto 24, 2007

Pepita Sotelo, unha nova mocidade aos 65 anos


Onte, Antón preguntoume como se facían as películas. Eu resposteille que cortando e pegando. Cortando e pegando cachiños de imaxes. Algo parecido ao que facía a aboa Pepita cando era nova e era costureira. Reciclaba a roupa… dunha sotana, de boa tela, facíalle unhas faldas á Ana e á Luz… dun abrigo grande e roto saían unhos abriguiños para os cativos. Antón dixo:
—“entón a aboa era como un mago”.
—Algo así…!
Na fronteira dos 20 casou co Xoán Bautista, que levaba cinco anos de fotógrafo polos pobos e aldeas. Apañou moitos cubos de auga dende a fonte vella ata a sua vivenda-obradoiro nunha casa alugada á Martina, detrás dos ultramarinos do Glorioso. Alí nacemos nós, nun espazo de perto de 30m2. O meu pai facía fotos nas festas ós mozos e mozas e, antes de que rematara ésta, o retratista xa estaba de volta coas fotos reveladas e preparadas para entregar e cobrar. Sí, daquela eso era maxia e a Pepita era a axudante do mago. Na metade dos sesenta lanzouse aos fogós dunha cociña e a maxía do restaurante atrapouna perto de 35 anos. Hoxe cumpre 65 anos e para todos nós é un exemplo de vitalidade e optimismo. Ela asegura que está a vivir unha segunda mocidade. O segredo está na maxia que cada un lle pon á vida. ¡Parabéns!

miércoles, agosto 22, 2007

“ Para Vigo me voy…”

En xullo non puden adicarlle unha entrada ao pasamento de Ingmar Berman. Tampouco puden falar da rodaxe de unha película de Woody Allen en Barcelona. Son dous directores que me teñen feito pasar bos momentos cas súas películas e dos que quería falar en máis alá do transformador.

Hoxe leo en “El País” unha disparatado artigo de Woody Allen sobre iste excelente director sueco e paréceme unha boa oportunidade para xunguilos neste espazo, nun día tormentoso e cheo de auga, máis ala do transformador, entre piñeiros. Unha paisaxe que se mimetiza nunha fraga galega.

O cine de Berman teimaba sobre as grandes preocupacións do ser human… a mortalidade, o amor, o arte, o silencio de Deus, as crisis matrimoniais…a incapacidade para comunicarse das persoas… Dí Woody Allen: “yo creo que, más que vivir en el corazón y la mente del público, prefiriría seguir viviendo en mi apartamento”. Referindose a Berman…” …estoy seguro que le habría encantado cambiar cada uno de sus filmes por un año más de vida”, de esta forma podría seguir disfrutando de 60 años mas para seguir haciendo películas…”

En xullo Woody Allen estivo rodando por Barcelona. Cando ía rodar na coñecida fachada do Mnac, pediulle os responsables do museo que non o fixeran público, para evitar o exceso de curiosos. A nova peli vai dunha moza americana e pintora que se enamora de Gaudí e de Barden. A miña dona fixo o que pudo para atoparme un papeliño. Xa me vía eu a a pouca distancia de Scarlett Johansson e de Penélope. Parece que as miñas habilidades non lle convenceron o director de Manhattan e a cousa non foi a máis. Logo atopeino, nun Hotel do Paseo de Gracia, tocando ca súa banda de jazz “New Orleans”, sen estar previsto, e non foi posible controlar a emoción cando tocaron a conga “Para Vigo me voy”.

martes, agosto 21, 2007

Pablo Devigo, o mellor gaiteiro de Galicia


A través dun mensaxe, que agradezco, en “máisaladotransformador”, soupen que o fillo da Manolita e do Pepiño —o mecánico que está no lugar do Real da Pousa— era un recoñecido gaiteiro. Pablo ten 17 anos e pola información que poiden atopar en internet conta cos máis importantes premios no eido da gaita. Prometo non voltar a falar do fillo do Pepiño, senon máis ben do pai de Pablo.

Según “La Voz de Galicia” toca dende os 7 anos e o 17 de agosto, en Soutelo de Montes, en Forcarei, fixose co prestixioso premio “Avelino Cachafeiro”, que según os entendidos é o título oficioso do mellor gaiteiro de Galicia. O faro de Vigo.es recolle unha interesante retrato e entrevista con Pablo Devigo na que dí, entre outras cousas que: “ Avelino Cachafeiro é o referente. Sobre el recae a figura do virtuoso, a súa técnica e expresividade son totalmente actuais. Noutras nacións con gaita tamén existe esta figura, en Asturias pódese falar de Remis Ovalle, que tamen é a figura do virtuoso e ademais son máis ou menos coetáneos”.

Según me contan, Pablo Devigo foi herdeiro dalgún segredo do Sr. Luis Amaro, o coñecido membro dos primeiros “Trabazos”, formou parte da banda de Castro Caldelas “Os Trabazos” e tamén da “Real Banda de Gaitas de Ourense”.

Noraboa por tantos éxitos e agora xa sabemos que no mundo da gaita, a parte de Carlos Nuñez, Budiño, Susana Seivane e Cristina Pato está por dereito propio Pablo Devigo e, no futuro, seguiremos a súa carreira con moito interés e ilusión.

Teño moita curiosidade por saber máis da súa música e invito Pablo e os que o coñecen a que nos conten as súas andainas.
A foto de Pablo Devigo é do Faro de Vigo.

domingo, agosto 19, 2007

18 de agosto, feira en Caldelas, unha cita do pasado

Xa fai anos que a feira entrou en decadencia. O gando desapareceu e a súa función social e cultural foi mudando. A abundancia de coches fai que a xente das aldeas veña á vila cando ten necesidade, sen esperar ao día da feira, como antes acustumaban facer.

Habería que pensar ou repensar a feira: os seus usos, as súas actividades, e as súas posibilidades no eido dos tempos actuais. Paréceme que as vendedoras de froita e verduras da terra deberían ocupar un espazo destacado na praza, para que outros vendedores de productos da terra, se animaran a vir á feira. Pode que por eí se atopen novos vieiros para a economía caldelá.

jueves, agosto 16, 2007

A tuna no Castro


O Pontelouco chega iste sábado. Para os que esqueceron que foron xóvenes…Tamén había festivales no Castro na súa mocedade. Poñíanse loucos hai 40 anos os mozos e mozas con “clavelitos de mi corazón”? Difícil de imaxinar…mais baixo esas capas e esa apariencia tan relambida, eses tunos podían ser mais canallas que Sabina. E si os pais non son capaces de imaxinar o que fan os seus fillos nos momentos de diversión, tamén aos fillos costanos imaxinar o que podían facer os nosos pais. Para poñerse loucos!
No tempo desta foto, cando o mundo estaba xa na idade do vinilo e por eiquí ainda estabamos no da pedra e había para todos comunión dominical, algún guateque habería no Castro, ao ritmo de Elvis ou dos Beatles. Entón por Galicia sonaban os Tamara, e tamén Miro Casabella e Andrés Dobarro, e Juan Pardo e Amancio Prada…
Foto de Xoán Bautista Sotelo Blanco.

Siza, Serralves, Porto, a cidade do Douro.



Fai uns días voltamos de novo a Porto. Unha cidadade próxima a nós que se foi construindo nas ribeiras do rio Douro, nunha topografía moi complexa. Unha cidade dunha beleza que nos conmove pola intervención do home na paisaxe.
As súas pontes sobre o rio son moi fermosas. A ponte de Don Luis, cos tranvías cruzandoa, no plano alto, e os coches no plano baixo, lembranme ás imaxes da cidade na película de “Metrópolis”, tal como a imaxinou Fritz Lang. Das ribeiras do Douro, que gardan certa similitude coas da Ribeira Sacra, polos bancais, saían en barcos os pipotes co preciado viño de Porto que logo viaxaba a moitos lugares do mundo.

Nun gran parque, no centro desta cidade, atópase o Museo Serralves, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza, un “nobel” da arquitectura, que ten algunhas obras en Galicia (Museo de Arte Contemporaneo e Facultade de Periodismo de Santiago). Un arquitecto que sinte un gran respeto polo lugar onde interven e unha forte conciencia social. Na foto, un detalle dun patio situado na entrada do museo que mostra a beleza e sensibilidade deste portugués universal.

domingo, agosto 05, 2007

sábado, agosto 04, 2007

O sorriso do Paquiño, zapateiro remendón


Canelo voltaba á vila logo de quince anos no Norte. O seu aspecto mudara, traía bo traxe e bos zapatos. Deixouse ver nos cafés da vila, visitou o Comercio Novo, falou con Don Abelardo do que lle rentarían uns aforros a prazo fixo e logo colleu un taxi que o levaría ata Os Ruidos, a aldea onde nacera. A praza do Prado, noutro tempo ocupada polas vestas, mudara o seu aspecto e a modernidade regaláralle o carácter de cruce ateigado de coches que mostraba a nova situación dos seus veciños. O taxi encarou cara á saída sur do Castro e alí, ao lado do Bar Remixio, viu o obradoiro do Paquiño, o zapateiro. Na vila moitas cousas mudaran mais o obradoiro do Paquiño seguía alí, sin ningun cambio aparente. Entón caiu na conta de que cando marchara deixara un encargo onda iste. Decidiu parar e preguntar polos seus zapatos. Cando entrou no obradoiro pequeno e oscuro atopouse co sorriso familiar do Paquiño, que levaba coma sempre levou o pito na súa man dereita. O Paquiño sempre ofrecía un doce sorriso e un tiña a impresión de que ese home sabía algo, ou escondía algún segredo, que ninguén mais coñecía. Alí, no seu obradoiro, o tempo permanecía inalterble. O local estaba ateigado de zapatos pendentes de recoller e de formas coas diferentes medidas. O espacio atopábase impregnado co polviño negro que deixa a maquina que desgasta as suelas dos zapatos.

—Ola Paco, como andas!
—Ben, xa ves, ando con zapatos…! E tí Canelo, pensei que non virías polo encargo.
—Mira, as cousas son así, xurdiu a oportunidade dun visado para o Norte e non perdín tempo.
—Tés moi bo aspecto e os zapatos que traes parecen moi bos; imaxino que xa non quererás os teus antigos zapatos? Era o último remendo que aguntaban, non me foi doado arranxalos. Daquela bailaras ata que se descoseron, lembras…?

Naqueles tempos o custe dos zapatos era bastante elevado e merecía a pena arranxalos, mentres o zapateiro considerara que isto era posible. O Paquiño advertíralle ó Canelo que non ía ser fácil arranxa-los seus zapatos pero que o ía intentar.

—Hoxe non paga a pena arranxar os zapatos. É máis caro que mercar uns novos, espetoulle o Paquiño…
—Bueno, unhas suelas ainda se van poñendo, pero nada de remendos, engadiu.
—Que me vas decir, xa sei que pasaron moitos anos e as cousas mudaron. Mais cos zapatos remendados farei o camiño de volta, onda moza ca que bailei ata rompelo, no San Xoán,… si é que ainda quere voltar a bailar conmigo.

O Paquiño foi un dos últimos zapateiros da vila e era moi popular porque sempre estaba disposto a parolar con calquera que se acercara ao seu obradoido, un espazo pequeno pero grande en humanidade.

Os mociños gustábanos parolar co Paquiño mentres fumábamos os nosos primeiros pitos. Sorprendido por algúns zapatos gardados en bolsas cubertas polo polvo que esperaban a que os seus donos viñeran a busca-los, pregunteille e, lembro que iste contounos ca historia dun home que emigrara e, pasados moitos anos, voltou a busca-los seus zapatos. Iste é a miña pequena recreación e lembranza de un home importante para máis ala do transformador.

lunes, julio 30, 2007

Pepe Sotelo, criador de bois



Bermello, vasco, experto ollador de bois, levaba semans sen atopar unha boa xogada de bois. Tiña unha petición urxente para un caserío perto de Bilbao e xa levaba tempo sen atopar nada que valese a pena. En Monforte oira falar das terras altas de Caldelas, con carreiras empinadas, onde os bois da raza “vianesa” cargan moito e móvense por angostos camiños onde é dificil a entrada dos tractores e eles teñen que ter moita habilidade para moverse.

Pola mañá cedo atravesou a ponte do Sil. Parou alí o tempo de fumar un pito, para ver a fermosura dos bancais nos que se cultiva o viño de Amandi. A vila do Castro, a esas horas, debuxábase entre a néboa e era difícil saber onde empezaba e onde acababa o pobo. Entrou no Bar Grilo e preguntou polo paradeiro do Bilbiricho, criador de bois, de sona.



Xa na Airexa, na parroquía de Mazaira, Pepe Sotelo mostroulle a parella que levaba preparando facía catro anos. A maneira de acercarse de Bermello fixo que os bois, asustadizos normalmente, mostráronse tranquilos sen apenas moverse. Pepe montou a xugada, puxo a molida e o xugo, ata que os dous animais foron un soio, “teñen que quedar como se estiveran soldados”, dixo o Bilbiricho…, logo foron camiñando o paso que lles marcaba ca aguillada e en nengún momento estes bravos e valentes toros desobedeceron as ordes do Pepe. Bermello abriu ben os ollos, meteu a man no peto e sacou o seu móbil. En euskera falaba con alguén e, pola súa expresión, notábaselle que estaba ledo polo que acaba de ver. Pechou o móbil, foi onda o Pepe e con un forte apretón de mans cerrou o trato da compra dos bois do Bilbiricho.

En Euskadi, os deportes rurais teñen gran afición e teñen o seu orixen nos traballos do mundo rural, ligados ós caserios, ás labores agrícolas e ás explotacións forestais e que logo foron trasladados ó campo deportivo. Son xogos nos que prima o emprego da forza ou a resistencia física, combinada con certas habilidades e capacidades técnicas. As probas de bois (idi-proba o idi-dema) son un dos deportes máis arriscados. No pasado eran utilizados en moitas tareas do campo, no tiro dos carros e outras actividades como as canteiras e os asteleiros.

Hoxe a proba celebrase nun recinto chamado probadoiro (probaleku), o aire libre, na praza dos pobos ou xunto o frontón, ainque que tamén existen locais modernos (probalekuhomologado) preparados para esta actividade, na que se fan fortes desafíos. A parella de bois, atada por un xugo de madeira ten que arrastrar un bloque de pedra de 1500 a 4500 kilos, durante un tempo, gañando a parella que máis “clavos” ou “plazas” faga. Hay diferentes tipos de probas (de peso comparado e peso libre) según o peso dos animais e o peso das pedras. A veces o arrastre faise con un único boi. Durante a proba os bois son guiados polos arreadores (akullaris), chamado así pola vara ou akullu que empregan.

miércoles, julio 25, 2007

25 de xullo, día da patria galega


Hoxe no diario “El Pais” o lingüista Enrique Monteagudo, nun artigo, co galo do 25 de xullo, “Idioma galego: da identidade á modernización”, logo de reflexionar sobre os símbolos cos que se representa a identidade, acaba cun fragmento de Castelao en “Sempre en Galicia” que me parece que resume de unha maneira moi clara o valor do noso idioma:

“Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións. Unha lingua é máis que unha obra de arte: é matriz inagotable de obras de arte”.

lunes, julio 23, 2007

Casado Nieto, "...xuventude de novicio de Montederramo no XV..."



Buscando entre os libros que teño na casa do Castro o azar fixo que “Vendima” de Manolo Casado Nieto caira de novo nas miñas mans. “Vendima” foi un dos primeiros libros de poesía que Olegario Sotelo Blanco levou ó prelo alá polo 1982. É unha escolma de poemas xa publicados e outros inéditos.

Xosé Filgueira Valverde escribiu para a ocasión un fermoso e interesante limiar no que se perfila un retrato cas andainas deste caldelao.

Quero lembrar tamén que sendo Conselleiro de Cultura, Filgueira Valverde, Casado traballou arreo pola creación da actual biblioteca do Castelo. Non estaría demáis algunha lebranza, nun rinconciño, desta fiestra aberta por Casado e Filgueira.

“ Cando chega o outono, ise caldelao que leva no cerne Manuel Casado Nieto sinte máis punxente a señarda do Castro. Antre os seus libros, na Fiscalía, camiñando de vagar polas Ramblas ou polas vellas rúas do Barrio Gótico, ten un desacougo que non se atura. É que aló están xa na sazón das vendimas. Quén lle dera andar nelas arastora: baixar correndo dende o Cima da Vila, atrochar o Prado, a saudar xente, porque todos lle teñen lei como lla tiveron aos seus pais. E coller o camiño cara Torbeo, ou cara Lumeares, onde os acios aviñados van caíndo no queipos, antre risadas e cantigas…
-Vellos anotos que lañan xa na foxa da acordanza-.

Tempo vendimieiro, -outono farto e dourado- Tamén chega a il, o escritor, nunha lucidía, vizosa naturalidade. E pode botar unha ollada á colleita, garelo da súa fartura. Mirándose nela, remese nas lembranzas dos primeiros anos, na casa paterna de Caldelas e na –matria- de Verín, e de aquela primeira door inesquecibre:-vou de negro porque morreu o meu pai-. Tiña cinco aniños. E logo, do internado no Colexio de Celanova, solene, aterecido, resoante, gaiola dourada:-un témero mosteiro, a miña escola-. Para rematar os estudos de Bachiller Universitario (daquela chamábase así), o Instituto de Pontevedra, no 1926. E remataríaos ben: tíduo con nota de sobresaínte e Premio Extraordinario. Alí estaban de mestres Lousada Diéguez, Castelao, Sobrino…, xentes sabedoras na cencia da galeguidade que soñaban e traballaban por un porvir mellor para a Terra. Viríalle tamén ao recordo aquela incerteza de ter que escoller camiño para a vida aos quince anos. Elexiu Cencias, e perdéu o tempo en Compostela i en Madrid, refugando da –análitica- e despicándose nas redaccións, nas tertulias, no Ateneu. Madia leva cando refire que, deixando o camiño errado, abondáronlle dous cursos para facer a carreira de Dereito, e menos de outros dous para ingresar na Carreira Fiscal, co primeiro destino en Ourense, ao pé dos homes do –Nós-: Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas. Logo viría á Pontevedra da posguerra, ca xentiña do Museo, de –Sonata-, de –Litoral-, da tertulia do –Birinbao-: Iglesias Alvariño, Bouza, Portela, Peña, Viñas, Torres, Landín…

Dende neno, a escribir: lírica, refendas, teatro, crítica, dereito, artigos, moitas traballosas e belidas versións, antre elas a da Biblia ao galego. Fixo periodismo moi cedo, dirixiu xornaes de loita e revistas. De tan fartas anadas Casado Nieto –ún dos nosos poetas maiores-, autoridade da fala –vai escoller agora os froitos do viñal benquerido: o da poesía. A xeira leva por nome “Vendima”. Tiña ben onde escolmar, denque aquil primeirizo, cuase infantil, libriño de versos, “Retazos”, que lle prologara Herminia Fariña, no 1927. No 1930, saía “Amor i eleuciós”. Cinco anos despóis tiña pra o prelo “Sol e lúa, versos do día e da noite”. “Orto” saíu xa en Barcelona, no 1942. En adiante virían: “Orballo ispido” (1955), “O ronsel do meu silencio” (1956), “Canta de lonxe o corazón do tempo” (1969)…, e aínda ten no peto “Falo cos meus”.

Neste medio século foi camiñando cas mudanzas da poesía, leal sempre ao seu esprito. No escomenzo, como todos nós, Rosalía, Curros, Valle-Inclán, Pondal. Pouco despóis o descobrimento de García Lorca, e o de Amado Carballo, cando poucos sabían entelo. Rendíu tributo ao hilozoísmo, achegouse, por un tempo, aos ultraístas, adeprendeu ben os recursos do neopopulismoe do anovamento das formas trovadorescas, levado ao cume polo –compadre seu- Alvaro Cunqueiro. Na década dos cincuenta, acena unha volta ao parnaso renacentista cos escorreitos sonetos da “Parábola do fume eterno” e cos “Tempos” de “Nas trebas da miña voz”. A fala poética vaise ceibando das ataxentas da rima e das unidades métricas. Mesmo sinte, sen ceder a íl, o anceio de fuxir da gramática e de percurar unha melodía sen verbas: “ Se eu soubera falar como iles falan!/Pro nós sóio sabemos /poñer suxeito, verbo, complemento…/ Qué pouquichiña cousa / para afondar no misterio!”. A carón dos temas da natureza e da vida, do alén e do infindo foron xurdindo os da diáspora, o pranto polos que so foron: “ Cánta mourenza, cánta, morte negra!”. “Fala cos seus” ha ser a testemuña do galego esencial, entendedor de canto foi o seu entorno e deliñóu o seu vivir: “ Douche as gracias, ouh Deus, po facéresme galego!”.

Cando me puxen a debullar estas verbas, non facía mentes de me entrar polas portas da obra de Casado Nieto a escudriñar nos recantos das ideas e das formas. Quixera somentes decirvos cómo foi xurdindo e medrando níl a fala poética e de qué feito atoparedes sempre nela o home bó e xeneroso, afinal todo amor-, que non finxe os sentires e que loita arreo co anxo da fala para que poida chegar deica nós o eco das súas emocións. Un home que prefire camiñar polos outos e que refuga os neboentos lameiros do fondo do val: o Castro está nun outeiro. É un home de camiño, e de camiño na montaña, sempre a albiscar abertas largacías. Decíalle don Ramón: -e cas súas verbas remato- “vostede alenta sempre nunha xuventude de novicio de Montederramo no XV, mozo máis profeso na serra que na régoa”. Non pode facerse mellor semblanza en menos verbas. Nelas está canto hai en Casado Nieto de perenne mecedade, de contino adestramento, de lealtade á religación, de libertade de esprito, polo natural, frente ao canon e o preceptismo…e hastra un topónimo que cifra a conxunción de cume e do ramo, o –ramo frorido- das cantigas, onde Deus deixa sempre un doce froito
para os poetas.

domingo, julio 22, 2007

Voltar perto do transformador


O exceso de obrigas profesionais impediron facer algunha entrada ultimamente. Se un se deixa levar, ese lugar que se atopa lonxe do transformador, que xa é un espacio moi importante na vida miña e dos meus, as obrigas e as responsabilidades, poden consumir todo o tempo que un ten para seguir alimentando esta fiestra. Un espacio no que entre eu o os meus lectores vamos construindo unha caldelas imaxinaria, reflexo da que levamos na nosa memoria ou da que construimos frente a dura realidade. Agradezco a fidelidade dos moitos que entran cada día nesta praza, dende lugares máis alonxados que un poida imaxinar, e o alento que supón para seguir nesta andaina, que xa vai para ano e medio. Gustaríame que participaran máis, ainda que sexa de forma anónima, sempre que se manteña o respeto polas opinións dos demáis.

sábado, junio 16, 2007

O taller da Teresita


Na parte baixa dunha casa do Cimadavila, na metade da rúa que vai o camposanto, Teresita Pájaro, da familia dos Baldonedo, enseña a coser a un grupo de mozas. A súa formación procede da súa mai (Teresa), da tía da Macuca, pero tamén dos seus cursos no Instituto Martí de Barcelona. Flora leva un mes no Castro. Vive no Hostal Blanco, axuda a servir as mesas e polas tardes aprende os segredos diste oficio que lle permitirá ter un coñecemento moi util, xa que en todas-las casas é moi valorada a man que sabe coser, zurcir, remendar e facer roupa. Entre punzada e punzada as mozas van soltando o fio do que pasa na vila. O paseo co Roque outro día na festa de Aguíl… o bico do Matias no baile da Parramera… o Xosé de Alais, que non sabe bailar e un dar un paso, sen pisar…a carta dunha prima de Bos Aires, que fala da súa vida na capital Bonaerense…novas da irma da Carmiña en Venezuela... dun oficio que abre unha alternativa diferente a da terra… alí, unha enteresase de case todo o que pasa… non hai escarnio nen madecire…soio é unha maneira de pasa-la tarde, mentres corre o fio.

Nas miñas alforxas levaba esta imaxen, forxada en tardes de xogos e nas carreiras polo Cimadavila. A impresión que causa a ledicia das mozas que aprenden un oficio. Neste mundo de artesans está o principio do fio que nos leva a importante industria da moda galega.

sábado, junio 09, 2007

Mozos no sagrado


Se non coñecéramos a ningún dos que aparecen na foto, nunha mirada rápida, pensaríamos que estamos ante un grupo de mozos labregos, vestidos de festa, nun domingo ou algo similar, nas primeiras décadas do século XX. Soio quen repare na forma das chaquetas, o corte dos pantalóns ou a forma dos zapatos pode botar luz sobre o momento no que foi feita esta fotografia.

Xóan Bautista Sotelo Blanco fotografiu os mozos de Mazaira, amigos e veciños, no sagrado da Airexa, mudados e seguramente co seu mellor traxe, a entrada ou a saíada da misa. É posible que na maioría dos casos fose o seu único traxe. A foto parece feita a principios dos sesenta e pouco ten que ver cas imaxes que a un se lle veñen a cabeza cando pensa nesa época.

Todos miran fixamente á cámara. Soio Olegario, seguramente máis familiarizado ca idea de ser fotografiado, mira para outro lado. Daquela, facer unha foto era algo extraordinario, de radical modernidade. Unha posibilidade de transcender, de deixar unha pegada para futuro. Hoxe, fanse tantas fotos, que practicamente desapareceu a liturxia e importancia diste acto.

A imaxe sorprende, entre outras cousas, pola súa composición. O terreo parece estar en pendente pro lado dereito e os mozos da segunda fila atópanse subidos nun muro de pedra. A medida que o muro vai subindo, os mozos vanse flexionando para manter un certo nivel compositivo na parte superior da foto, que corrixe o desnivel do terreo.

Á esquerda, Cándido Sotelo, con traxe de pana e porte de galán de Hollywood, ten nos brazo o seu fillo Manoliño. Raúl, Hilario, O Chiquito, Manolo Sotelo, Manolo do restaurante 5 Villas, Xaime da Abadia, Os de Allende (Antonio e Pepe) e Germán dos Ruidos, que agacha un pito, na súa man esquerda, non querendo trascender ca imaxe de fumador, pese a que o pito na man era símbolo de modernidade.